Deste xeito quixo titular o seu Pregón da Caridade, pronunciado este pasado mércores no Círculo das Artes de Lugo, o cedeirense Bieito Rubido, periodista e director do diario ABC. O pregoeiro, ante un salón cheo de oíntes simpatizantes e colaboradores de Cáritas e acompañado polo Bispo da Diocese na tribuna, pronunciou un Pregón fundamentalmente testemuñal e moi ben fundamentado bíblica e teoloxicamente. Con referencias constantes a Xesucristo, coma o Deus dos pobres, e a doctrina recente dos dous Papas vivos, citou tamén á M. Teresa de Calcuta cando uns periodistas lle pediron unha mensaxe para os que se dedican á caridade: “Que vivan ben a Eucaristía”. Afirmaba así, o pregoeiro, que o escurecemento da práctica eucarística ten repercusións na calidade do compromiso caritativo.
Por outra banda, lembrou e citou a súa irmá relixiosa xosefina, misioneira na Amazonia en Perú. Afirmou, con claridade, que Cáritas non é unha ONG, pero si a organización global que máis atención presta no mundo aos necesitados; e engadiu: “é a organización máis seria, eficiente e comprometida cos pobres neste país”. Destacou a importante presenza social de Cáritas en Lugo e en España e o necesario labor realizado cos pobres durante a crise económica.
Afirmou, na liña de Cáritas, a necesidade de estar cerca dos pobres, de acompañalos e de escoitalos, xa que a pobreza é máis que un problema económico porque abrangue dimensións humanas, culturais, sociais e políticas. E, entre outras moitas laudables afirmacións, reinvindicou a necesidade de recuperar a sa tradición do Xoves de Corpus en Lugo como día festivo para celebrar con grandeza unha solemnidade tan significativa para a Cidade do Sacramento. Certamente, se Lugo perde esta identidade, perdería as súas raíces, a súa historia máis fonda para converterse nunha cidade irrelevante, ruidosa e infiel ao ser e a cultura que a constituiu e constitúe como anfitrioa das antigas cidades do Reino de Galicia.
Se Cáritas é a igrexa que non fai ruido, se a Igrexa é Cáritas, se a Eucaristía e a caridade son inseparables, os lucenses debemos recuperar a centralidade da Catedral como expresión e símbolo de verdadeira casa de Deus que é a Igrexa de Xesucristo, como espazo de silencio onde a natureza guiada pola luz e o vento, falan aos adoradores con asombro e tenrura da dor existencial dos irmáns que sofren e que, son hoxe, cristos vivos que evocan as verbas do Señor no Evanxeo: “Tiven fame e déstesme de comer”.
Sempre me pareceu moi relevante que nunha cidade exista a posibilidade de entrar nunha igrexa de portas abertas e mirar devotamente á presenza real de Cristo na Eucaristía. Na nosa Catedral, aí, na Capela Maior, está sempre; El sempre está. Ogallá que nunca os lucenses o deixemos só, nin na Eucaristía, nin nos irmáns necesitados.
Mario Vázquez
Vicario Xeral da Diocese de Lugo