Xa moito antes da pandemia algúns dicían que a Igrexa tiña que reinventarse debido a que se estaba quedando baleira. É verdade que as estatísticas de asistencia a misa, celebración de sacramentos, número de seminaristas, etc. en España son demoledoras. Pero tamén é certo que o «número de negocio» da Igrexa non é un dato que se poida medir nestes termos.
A misión da Igrexa está clara: anunciar o Evanxeo e celebrar os sacramentos. E como consecuencia da espera do Reino de Deus, o exercicio da caridade e a observancia dos Mandamentos para o ben propio e dos demais. Non hai nada máis. O resto das actividades que se están levando a cabo desde entidades eclesiais están, ou deberían estar, en función desta misión, que é a esencia e a razón de ser da Igrexa.
Por iso, cando alguén di que a Igrexa ten que reinventarse, e refírese a que faga algo que non sexa isto, xa estariamos a falar doutra realidade distinta, pero non da Igrexa querida e fundada por Xesucristo. Aquí, neste caso, non serve iso de «renovarse ou morrer», pois o que se está pedindo é que deixe de ser o que é para converterse noutra cousa que nada ten que ver coa súa esencia.
Os defensores da teoría da reinvención avogan por que a Igrexa se converta nunha prestadora de servizos sociais, que inclúa a actual forma de facer caridade e a animación sociocultural de grupos, especialmente de xubilados e enfermos.
É certo que a Igrexa é experta en humanidade e que as Cáritas parroquiais fan moito con moi pouco. Pero esta calidade non lle vén dada só por unha cuestión meramente humanitaria, senón tamén e, sobre todo, pola condición que temos todos de ser fillos de Deus que nos fai tratar aos demais como irmáns (Cfr. Fratelli Tutti 8, 58 e 279 v.g.)
Por outra banda, hoxe en día as Administracións Públicas teñen todo tipo de recursos moito mellores que os da Igrexa para atender as necesidades sociais das persoas máis desfavorecidas. Polo menos, é do que presumen todos os días nos seus discursos.
Pero estamos seguros de que isto é o que de verdade están a demandar moitas persoas? Cada vez atopo máis xente que está en procura de algo ou de alguén que dea un sentido pleno ás súas vidas e que pasa tamén polo sentido do transcendente.
Di Chesterton que «cando se deixa de crer en Deus, enseguida crese en calquera cousa». Que esteamos nunha sociedade secularizada e laicista non quere dicir que o sentimento relixioso quede anulado ou acalado nas persoas. De feito, hai uns días alguén da vida pública que non lembro, asignaba a categoría de relixión ao laicismo.
A Igrexa é cousa de Deus. Pero o é para o noso ben. Deus, por pura graza, fainos membros dunha asemblea de irmáns, que buscan a Deus e que queren facer a súa vontade para participar un día do seu mesma vida divina.
No nosopai cansamos de rezar «fágase a túa vontade aquí na terra como no ceo», pero moitos empéñanse no contrario: «fágase a miña vontade na terra e no ceo» e teñen a ousadía de desafiar o Depósito da Fe que a Igrexa tenta custodiar con fidelidade.
A Igrexa non ten que reinventarse, porque o seu fundador (o seu «inventor») foi o mellor dos posibles: Xesucristo, que por ser Deus nin se engana nin nos engana.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada