Non está nin nunca estivo. A Igrexa, simplemente, está. A súa esencia e a súa misión non dependen das modas, aínda que ás veces poida parecer que a condicionan.
Durante os días de Pascua vemos como aquel grupo de apóstolos e discípulos de Xesús anuncia aos catro ventos que o Señor resucitou, que eles son testemuñas de tal acontecemento porque o viron e comeron con el.
Xa ao final da Pascua, en Pentecoste, vemos como Xesús envía aos seus apóstolos de dous en dous ao mundo enteiro para anunciar o Evanxeo que puxo nas súas mans. Saen a anunciar as dúas noticias máis grandes xamais coñecidas: a resurrección de Xesucristo e a súa promesa de salvación para todos os homes.
No Evanxeo aparece con claridade meridiana que é Xesucristo o que envía aos apóstolos e mesmo pon a Pedro á fronte da tarefa que lles encomenda.
Aquela Igrexa, que acababa de nacer, non tardou moito en expandirse por aqueles lugares nos que as comunicacións eran máis doadas. Tan rápido foi todo que no libro dos Feitos dos Apóstolos, nas cartas de San Paulo e nas cartas católicas temos toda clase de detalles da vida daquelas primeiras comunidades que se formaron. Hai que ter en conta que moitos destes textos escribíronse mesmo antes que os propios Evanxeos.
A mensaxe estaba clara. As dúbidas e os medos que tiñan aqueles seguidores de Xesús quedaran esclarecidos co acontecemento da resurrección. Pero iso non impediu que xurdisen problemas, polo que ao pouco tempo os apóstolos tiveron que reunirse de novo para ver como resolvían algunhas cuestións sen faltar á mensaxe que Xesús depositara nas súas mans. É o que se coñece como o Concilio de Xerusalén.
A mensaxe e a vida da Igrexa é a mensaxe e a vida de Xesucristo. Non pode ser doutra maneira, porque entón xa non sería a Igrexa de Xesucristo. Sería outra cousa e non creo que mellor.
Xesús é o mesmo onte, hoxe e sempre. A súa persoa e a súa mensaxe non necesitan influencia das modas porque teñen solución de eternidade e, polo tanto, de plenitude.
A Igrexa non ten que adaptarse aos tempos e moito menos acomodarse aos tempos, porque a Igrexa manexa unha mensaxe e uns instrumentos que transcenden ao tempo. A Igrexa móvese noutras categorías, aínda que é verdade que a súa misión se desenvolve no tempo.
Cando hai unha crise económica, a solución non é pór a impresora dos billetes a funcionar porque se devalúa a moeda e prodúcese unha situación moito peor, xa que todos eses billetes perden o seu valor e quedan nun simple papel que non serve para nada. De igual xeito, a Igrexa non pode devaluar a súa mensaxe nin tampouco convertela nunha mensaxe calquera porque entón tamén deixaría de ser o que é, e xa non tería o valor que lle corresponde.
Tampouco podemos caer na falacia de adaptar as cousas ao noso gusto, porque entón terei fe en min mesmo, pero non será a fe de Xesucristo. E eu a min mesmo non me podo salvar.
Tampouco serve o de coller só o que me gusta e deixar ao carón as páxinas máis esixentes do Evanxeo. As palabras de Xesucristo están claras e a Tradición da Igrexa tratou sempre de conservalas fielmente. Ninguén como Xesucristo combina mellor misericordia e esixencia, que, por outra banda, lonxe de ser conceptos contrarios, son máis ben complementarios e necesarios para non caer no «buenismo» nin no totalitarismo.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco da Fonsagrada