Como é de todos sabido, fai uns días coñecemos o documento do Vaticano sobre o trato que debemos dar ás cinsas dos nosos defuntos. Falei disto no meu anterior artigo. Hoxe traio de novo a colación este tema, pero é por outro motivo.
Durante os días de Todos os Santos e dos Fieis Defuntos, tiven ocasión de facer unha pequena sondaxe sobre a lectura deste documento. Preguntei sobre a lectura e coñecemento deste documento aos números fieis que asistiron ás tamén numerosas misas que tiven que celebrar.
O resultado da enquisa foi o esperado: todo o mundo oíra falar do documento nos medios de comunicación, pero só un escaso 1% leuno e coñecíao de primeira man.
Isto é só unha mostra do que adoita pasar habitualmente coas cousas da Igrexa. Coñecemos a vida da Igrexa, á que dicimos pertencer, só polo que din outros, que na maioría dos casos non van ser, precisamente, os máis amigos ou os que a coñezan desde dentro e de verdade. Coñecemos a nosa casa polo que din os de fóra e non porque nos preocupemos dela ou nos sintamos parte da mesma.
Son inxenuo, pero non tanto como para dicir que a Igrexa é perfecta e que todas as noticias sobre ela son falsas ou mal intencionadas. Claro que non. A Igrexa é santa e pecadora ao mesmo tempo. Santa, porque a súa cabeza é Cristo. Pecadora, porque os seus membros (non só o Papa, os bispos e curas) somos pecadores, ou imperfectos, se lles gusta máis a palabra.
Cando queremos coñecer unha realidade é lóxico que o fagamos desde dentro e preguntando aos que están todos os días “ao pé do canón” desta realidade. Permítanme que lles poña a seguinte comparación: imaxínense que están interesados en coñecer mellor ao partido político X e para iso pídenlle opinión só ao líder do partido Z. O resultado é previsible: uniranse ao partido Z e non ao X ao que, por certo, terminarán odiando.
Desde aquí invítolles a coñecer á Igrexa desde dentro. Non importa se nunca estiveron nela ou se a deixaron polos motivos que fosen. Entren, sen prexuízos e coma se fose a primeira vez. Esquezan as lendas urbanas ou negras que circulan por aí adiante.
Unha vez que entren, ou que lles pregunten aos que están dentro, atoparanse cunha realidade nova e verán que nada é como lles dixeron. Pero, o máis importante, é que se atoparán con Xesucristo, o Fillo de Deus.
Se teñen ocasión intenten falar cun sacerdote. Pero fágano desde a sinceridade, non atacándoo con malicia, senón expoñéndolle as dúbidas que teñen e que el llas aclare ou lles informe onde poden atopar a información e a formación correctas.
Non acudan aos sacerdotes só para que lles organicen un evento social privado e particular no día, hora e lugar que mellor lles convén sen posibilidade doutra opción. Deixen que se lles acompañe nese acontecemento festivo ou luctuoso facendo que Deus lles ilumine e bendiga nese momento, pero sen buscar nin pedir cousas “estrañas”, que nada teñen que ver coa Igrexa e menos coa saúde espiritual das persoas.
Non me cabe ningunha dúbida: o primeiro que ten que ofrecer hoxe a Igrexa ao mundo é a Xesucristo. Non hai nada nin ninguén mellor. Un mundo con Deus como motor efectivo e afectivo non pode ir mal. Un mundo guiado polo mandamento novo do amor, que nos ensinou Xesucristo, ten que ir ben necesariamente. Unha persoa que se atopou con Deus de verdade ten que ser feliz.
Fíense, fagan a proba e despois díganme como lles foi.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán