A Hospitalidade Diocesana Nosa Señora de Lourdes de Lugo realizou o día 25 de outubro, unha convivencia-reunión en Meira. Presididos polo Vicario Xeral da Diocese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, participaron os membros da Xunta Directiva e os responsables e corresponsables de todas as zonas da diocese lucense. Aprobaron o calendario de actividades do ano 2014, centrado nas peregrinacións diocesanas a Lourdes e Fátima, e a novena da Nosa Señora de Lourdes.
Tras unha visita guiada ao conxunto histórico da Igrexa Monasterial de Santa María de Meira, o alcalde da vila dirixiu unhas atentas palabras de benvida no Salón de Plenos, lugar onde se celebraron as reunións. A última hora da mañá, tivo lugar unha Eucaristía na igrexa parroquial, concelebrada por doce sacerdotes. Xa pola tarde, percorréronse os arredores (Pedregal de Irimia, a Fonte Miñá, o Castro de Viladonga).