Un debate moi habitual desde fai máis de medio século é o que afecta ao papel da fe e a razón no coñecemento das verdades. Xoán Paulo II xa escribira unha encíclica dedicada a este tema, a Fides et Ratio, e a mesma teoloxía ocupouse amplamente deste asunto.
O papa Francisco no número 4 da Lumen Fidei dinos que “a fe non habita na escuridade, senón que é luz nas nosas tebras”.
Ás veces existe a falsa crenza de que a razón se dedica ás cousas que vemos e tocamos, que podemos medir, experimentar… e que a fe se encarga das cousas ocultas, e que se move, por tanto, na incerteza e na escuridade.
Pero a verdade é outra. A fe é a que, precisamente, ilumina as escuridades da nosa vida, e que, por certo, son moitas. A fe é unha luz e, para os cristiáns, fai referencia a Cristo, o Sol que nace do alto, que ilumina dunha forma definitiva os pasos das persoas, para saír do pecado e da escuridade do sepulcro á que nos leva a morte.
Sobre a relación entre fe e razón volverá tratar máis adiante a primeira encíclica do papa Francisco.
A Palabra de Deus desafíanos, e nunca mellor dito, a ter fe en que o Señor escoita sempre as oracións dos seus fillos. Así o lembrabamos no domingo XIX do Tempo Ordinario.
Miguel Ángel Álvarez