Estamos comezando un novo ano. Sempre é tempo de facer bos propósitos. Pero antes permítanme facer aquí, publicamente, unha autocrítica que creo necesaria. Despois, noutros artigos, xa farei os propósitos.
Supoño que todos coñecen o argumento do traxe novo do emperador. É o conto dun emperador afeito a vestir ben que cría levar o mellor dos traxes cando en realidade ía espido, vítima do engano duns estafadores. Ninguén se atrevía a dicirlle nada para non quedar mal con el, ata que un neno, na súa inocencia, é o primeiro en dicir gritando aos catro ventos que o emperador ía espido. Aínda así, o mandatario seguiu coma se nada pasase, quizais aínda máis altivo que antes, con tal de non recoñecer en público que se equivocou e que fora vítima dunha gran estafa, malia que todos rían del.
Confeso que lembro moitas veces este conto cando vexo algunhas cousas que facemos os curas que, con boa intención, tratamos de achegar aos fieis das nosas parroquias a Xesucristo. A intención é boa, sen dúbida, pero non todo vale co pretexto da evanxelización. Facemos cousas e cousas, movidos por impulsos pouco reflexionados e nada consultados, coas que provocamos risas e burlas por mor da nosa inxenuidade.
Dóeme cando os sacerdotes non conseguimos responder ás necesidades dos fieis, porque estamos perdendo o tempo en cousas que ninguén nos pide e a ninguén interesan. Tamén me doe cando non conseguimos facer ben e dun modo digno aquilo que se nos pide para que a fe do noso pobo sexa máis auténtica e dea un sentido pleno á súa vida e á súa morte.
Quizais por un respecto mal entendido, ninguén se atreve a dicirnos ás veces que imos espidos, que as cousas non son así, e que a realidade do mundo dista moito da pequena realidade na que ás veces vivimos os curas.
Cando non axudamos a poñer as bases da fe para que se produza o tan ansiado encontro con Xesucristo, as cerimonias quedan só nunha parafernalia que xa poucos comprenden, aínda que calen, e que outros critican esaxeradamente, quizais con bastante razón.
Lamento non dispoñer das habilidades para poder transmitir, máis aló do meramente externo, o que supón a fe para min. Algo que, por outra banda, é bastante sinxelo: o acontecemento do encontro con Xesucristo resucitado na Igrexa. Quizais me falte moita coherencia para que unha cousa leve á outra e as miñas palabras sexan cribles.
Nun escrito publicado con anterioridade, invitaba a ver a Igrexa desde dentro. Sigo crendo o mesmo, pero hoxe engado algo máis: tanto se xa están dentro da Igrexa coma se van entrar, aínda que só sexa para curiosear ou ver algunha obra de arte, fagan un esforzo para sobrepoñerse a todo o secundario e traten de buscar a Xesucristo en todo, nas persoas e nas cousas.
Asegúrolles que esforzo facemos, pero está claro que en algo, ou en moito, estamos fallando. Ou quizais teña que pensar que isto da fe é cousa duns poucos. Entón son moi afortunado, asegúrollo.
Miguel Angel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán
Fonte: falandobaixino.es