Para axudarnos a comprender e vivir mellor esta forma de “piedade popular” que é a celebración da nosa Semana Santa, pode ser útil escoitar de novo ao Papa Francisco, que, a este respecto, insiste en lembrarnos que o Evanxeo ha de encarnarse sempre nun pobo e nunha terra, nunha cultura; de feito, en moitas terras e en moitas culturas. Porque a cultura non se reduce a folclore; senón que abarca a totalidade da vida dun pobo, a súa forma de relacionarse con todas as cousas, cos homes e con Deus. A dinámica propia da Encarnación é a inculturación no Pobo de Deus nun tempo e nun lugar determinado.
Subliña así Francisco, en continuidade co Vaticano II, o protagonismo do Pobo de Deus, da experiencia vivida de todos os seus membros, dunha fe aberta ao mundo enteiro e a todas as culturas.
Neste horizonte habemos de entender tamén nós esa gran expresión de “relixiosidade” popular que é a tradición lucense da Semana Santa. Non se trata simplemente dun conxunto de exercicios piadosos, complementarios aos grandes xestos litúrxicos de realización da fe, senón dunha forma de vivir o propio ser cristián en todas as súas dimensións, privadas e públicas, e de manifestar o propio amor polo Evanxeo.
Valoremos, pois, as celebracións da nosa Semana Santa como a expresión vital dun Pobo cunha identidade precisa e concreta, que non se celebra a si mesmo, senón que ten no seu centro e no seu corazón ao Señor Xesús e a fe nel, cuxos pasos no camiño da Paixón honra, medita e pon ante os ollos de toda a nosa cidade: a súa entrega na Última Cea, o seu sacrificio na cruz, a Caridade do seu Corazón, acompañado sempre pola Santísima Virxe María, a súa Nai, unida a El tamén nas maiores dores, a soidade e a angustia, ata o día da Resurrección gloriosa.
O conxunto de actos e procesións que nos propoñen estes días as nosas Confrarías ten un gran valor. Son xestos cargados de forza misioneira, que significan unha presenza propositiva da fe, da experiencia e da cultura cristiá na nosa cidade.
Que o Señor lles premie a súa obra a todos os que nos transmitiron a vida da Igrexa e, en particular, a aqueles que fan posible esta expresión da nosa “piedade popular” lucense. E a nós nos dea saber vivir na fe unha Semana Santa máis, unidos como Pobo de Deus, para que a nosa presenza sexa na nosa terra manifestación visible e palpable de vida boa, dunha humanidade que a fidelidade ao Evanxeo renova permanentemente en todas as súas dimensións: intelixencia, sensibilidade e corazón.
Alfonso Carrasco Rouco,
Bispo de Lugo