Nas clases de socioloxía, cando trato o tema da institución familiar, acostumo a preguntarlles aos alumnos se os poderosos e as multinacionais prefiren matrimonios e familias estables ou prefiren divorcios e familias inestables.
A esta cuestión o gran pensador inglés Chesterton respóndenos con claridade: “É imposible repetir demasiadas veces que o que destruíu a familia no mundo moderno foi o capitalismo”.
Cando se bota unha ollada pola actual esquerda española vese que son abandeirados do divorcio exprés, da maternidade e paternidade fóra do matrimonio… na liña da máis diáfana mentalidade burguesa e neoliberal capitalista.
A falta das catequeses eclesiais, moitos reciben as catequeses das telenovelas e teleseries que só teñen dous temas: a) Negocios, co seu vivir ben e consumismo b) Sexo, cos seus amoríos, divorcios, infidelidades, amor romántico, etc.
O título deste artigo está sacado dun texto do libro El Proletariado Militante, escrito polo principal promotor da Primeira Internacional en España, Anselmo Lorenzo. O texto é froito da Conferencia da sección española da Internacional en Valencia, 10-18 de setembro 1871, en concreto do mitin de clausura nos claustros da Universidade valenciana, na referencia publicada no xornal El despertar del Pueblo:
“Con que título vés a falarnos da familia, cando te burlaches do amor conxugal, dese amor santo que o pobo respecta e respectará sempre, posto que é o único tesouro de riqueza inesgotable que os desvalidos e explotados poden entregar aos seus fillos?”.
Entendo que é difícil facer unha defensa da familia con menos palabras e con máis fonda argumentación dende a experiencia de vida.
No libro tamén recolle a controversia que mantiñan membros españois da Internacional co Goberno e Deputados das Cortes no teatro Rossini de Madrid (22 outubro 1871). Lembra a propia intervención e logo a do compañeiro internacionalista, o tipógrafo José Mesa, que fala da hipocresía dos ministros que non podían presentar as súas familias en público por vivir todos en “alegre concubinaxe” e logo sentencia: “Na sociedade presente a única familia honrada é a do pobre, a non ser cando vén o rico e a prostitúe”. (p. 184)
Esta postura a favor da familia igualmente é defendida na 1ª Internacional no Congreso de Lausanne (Suíza) en 1867: “A familia é a pedra angular de todo o edificio social. É a fonte da fraternidade”. Quen relaciona esta afirmación coa actual esquerda do noso país?
Outros recoñecidos internacionalistas como Proudhon escriben: “O matrimonio é o sacramento da xustiza, o misterio vivinte da harmonía universal, a forma dada pola natureza para a religación do xénero humano (…) Todo atentado á familia é unha profanación da xustiza, unha traizón ao pobo e á liberdade”.
Son demasiadas citas para un artigo, pero quero poñer de manifesto que non vexo lóxicas as posturas nestes temas das chamadas esquerdas actuais. As súas tomas de decisión son máis ben unha traizón á historia dos pobres e da súa emancipación, que deixan como froito máis desvalemento e illamento dos pobres ante os fortes e poderosos.
Ademais a historia mostra que en xeral os grandes loitadores cos pobres e en favor dos pobres tiñan familias estables que participaban desa loita solidaria. Por exemplo Angel Pestaña, que foi secretario xeral da CNT e fundador do Partido Sindicalista, afirmaba que loitando polos dereitos dos obreiros e dos pobres sabía que estaba loitando polo futuro dos seus fillos e da súa familia.
Todos sabemos, se non pechamos os ollos, que a primeira e mellor rede de defensa e protección dos pobres é a familia estable. Cantos febles, enfermos, oprimidos… viven con esperanza grazas á familia! Cantos adquiriron formación, experiencia de vida e fortaleza para afrontar adversidades grazas á familia! Canto ben teñen feito á humanidade as familias solidarias, que se organizan solidariamente!
Para rematar, hai que constatar que todo o que fagamos en favor da familia estable e solidaria será unha bendición para os empobrecidos, abandonados, marxinados…
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas
Imaxe: cathopic