O ano adicado á familia comeza o 19 de marzo, con ocasión da festa de san Xosé. O acto de apertura terá lugar en Lalín, onde o Delegado de Familia de Lugo, Nicolás Susena, presidirá a Santa Misa (12 h) na que se bendicirá un cadro da Sagrada Familia que percorrerá toda a Diocese (parroquias, conventos, colexios…) co obxectivo de que a Familia de Nazaret sexa unha verdadeira imaxe das familias diocesanas, promovendo para iso momentos de oración, unha Eucaristía polas familias, unha exposición sobre o documento papal da familia Amoris Laetitia e unha serie de charlas sobre educación e matrimonio.
Congreso sobre a familia
Ademais das actividades que se organizarán durante este ano (conferencias, encontros con noivos, unha xornada para os avós e anciáns, actividades caritativas que axuden ás familias máis desfavorecidas), está prevista a realización dun Congreso sobre a familia promovido pola Delegación diocesana coa colaboración da Subcomisión de familia da Conferencia Episcopal Española. Pretende ser un momento de encontro para as familias e lugar de reflexión sobre os distintos retos da pastoral familiar.
A clausura deste ano adicado á familia terá lugar o 26 de xuño de 2022 coa celebración en Roma dun Encontro Mundial das familias no que participará a Diocese de Lugo.