A Cruz de Lampedusa deixa a parroquia monfortina de Santa María da Regoa, onde chegara o 5 de agosto e permaneceu aí durante o novenario na honra a Nosa Señora de Montserrat. A partir do 20 de agosto estará varias semanas no santuario do Corpiño.
A Cruz de Lampedusa, realizada cos restos de barcos ocupados por inmigrantes, percorre as dioceses do mundo para concienciar á poboación sobre o drama da inmigración.
O amor permítenos mirar e ver cos ollos de Deus, coa súa mesma mirada, e formular os nosos xuízos con xustiza e misericordia, para actuar á maneira de Deus, que coida de todos os seus fillos por amor.
Vivir o amor concreto desde a Cruz de Lampedusa: Construír o futuro cos migrantes e os refuxiados. A presenza dos migrantes e os refuxiados representa un enorme reto, pero tamén unha oportunidade de crecemento cultural e espiritual para todos. Grazas a eles temos a oportunidade de coñecer mellor o mundo e a beleza da súa diversidade. Podemos madurar en humanidade e construír xuntos un “nós” máis grande. Na dispoñibilidade recíproca xéranse espazos de confrontación fecunda entre visións e tradicións diferentes, que abren a mente a perspectivas novas. Descubrimos tamén a riqueza que encerran relixións e espiritualidades descoñecidas para nós, e isto estimúlanos a profundar as nosas propias conviccións.
Construamos o futuro, fagámolo xunto cos nosos irmáns e irmás migrantes e refuxiados. Construámolo hoxe!
Da Folla Parroquial de San Francisco Xavier