Co Mércores de Cinza e co tradicional rito da imposición desta na fronte, comezou a Coresma. Parece que nos nosos ambientes sociais este tempo tan significativo e importante na cultura cristiá, xa non é noticia. Paradoxalmente, os medios de comunicación destacan máis nos seus titulares o comezo do Ramadán có tempo de Coresma. Con todo, a Coresma na nosa cultura cristiá está chea de sentido e de contido espiritual e educativo. Na súa historia, como tempo forte conflúen dúas dimensións importantes. Por unha banda, era a última preparación dos catecúmenos adultos para recibir o bautismo na noite santa de Pascua e por outro, o tempo en que se realizaba a reconciliación dos penitentes públicos coa comunidade crente, no día do Xoves Santo. Ao mesmo tempo, os cristiáns preparábanse con xaxúns e penitencias ás celebracións da Paixón e Morte do Señor.
San Ireneo fala, xa entón, dun xaxún de un ou dous días. Eran tempos sen normas prefixadas pero que nacían da profunda devoción e desexo de conversión dos primeiros cristiáns. Será no século IV, no canon 5º do Concilio de Nicea onde atopamos un dos testemuños máis antigos da práctica coresmal, que alcanzará un gran relevo durante a Idade Media ben fundamentada nas experiencias bíblicas dos corenta anos do pobo de Israel polo deserto ata a Terra Prometida e nos corenta días de xaxún de Xesús.
A Coresma é como un longo tempo que nos recorda a necesidade de mirar ao noso interior, de examinarnos ante os ollos misericordiosos de Deus e de recuperar as nosas forzas na escoita da Divina Palabra para rexeitar os enganos aos que nos someten o Gran Tentador e os tentadores de quenda. É unha gran ocasión para a práctica da oración, do xaxún e da caridade (esmola), para sanación interior e exterior, para o retiro e a soidade, para entrar en nós mesmos e escoitar os sons do silencio e para atopar a verdade do noso ser alí onde radica o esencial, que con frecuencia se nos fai invisible aos ollos.
Se de algo está necesitada a nosa sociedade é de espiritualidade e de retorno á interioridade. Todos os estudosos do fenómeno humano están de acordo en que se vive excesivamente para a exterioridade, que hai unha incapacidade xeneralizada para as experiencias de meditación e de silencio (e, polo tanto, para a oración), que os nosos nenos padecen as consecuencias dunha sociedade altamente ruidosa e que a hiperactividade ás que están sometidos impídelles pensar e ser. Entre as finalidades da educación que recollía o informe Delors (A Educación encerra un tesouro, informe á Unesco da Comisión Internacional sobre a Educación para o Século XXI) incluíase preferentemente a de aprender a ser. Para que o ser humano volva ser el mesmo, é necesario que viva conscientemente, que pense, e iso supón vivir coñecéndose. A interioridade é consustancial ao ser humano, é a alma da existencia e non pode quedar á marxe da mirada pedagóxica que queira estar comprometida co desenvolvemento integral da persoa.
Lembro o consello de Miguel de Unamuno a un alumno: “No canto de dicir: Adiante! ou Arriba!, di: Dentro! Reconcéntrate para irradiar; déixate encher para sobordar logo, conservando o manantial. Recóllete en ti mesmo para mellor darse aos demais, todo enteiro e indiviso. Dou canto teño, di o xeneroso. Dou canto son, di o heroe. Doume a min mesmo, di o santo; di ti con el ao darse: Dou comigo o universo enteiro. Para iso, tes que facerte universo buscando dentro de ti. Dentro!”.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese de Lugo