“Goza hoxe. Déixanos o teu futuro a nós”. Asi o proclama unha publicidade. Lembran cando lles diciamos aos nenos que marchaban de excursión, convivencia ou viaxe, “tes que comportarte” “non molestes”? Hoxe dicímoslles: “Goza”, “divírtete”, “pásao ben”. Si, o hedonismo, o goce, o gusto, domínanos e cambiou os nosos valores familiares e sociais.
A sociedade hoxe impúlsanos ao cultivo apaixonado da vida pracenteira e cómoda buscado obsesivamente. Coma se a felicidade repousase no goce perecedoiro. Elevarse a ilusións realizables, aínda que custosas, é tarefa ardua e hai que posuír quilates de atrevemento.
Martín Descalzo, escribiu, no ano 2013, “considérome un marciano; teño a sensación de que nos últimos anos, no noso país, pasou un século e xa non nos valen os módulos con que nos rexiamos fai só un par de décadas”. Ano 2013! Que escribiría desta nova década. Porque hoxe entramos nunha curva de permisivismo e de aceptar como normal o que nos parecía detestable fai ben pouco. No terreo familiar, no educativo, no vestir e falar, na normalizada amoralidade, no desapego relixioso… Pois ben, como cristiáns, que debemos facer? dedicarnos a chorar e encerrarnos na nosa marxinalidade? entristecernos agardando que pase a onda permisiva? adaptarnos?.
Certamente hai cousas nas que debemos permanecer firmes e cousas nas que avanzar e cambiar, nin todo o pasado é canonizable nin todo o do presente é bo polo feito de estar de moda.
Tócanos construír o Reino de Deus hoxe e aquí, nesta sociedade á que Deus ama, razón pola que nós debemos entregarnos e amala. “Sede as miñas testemuñas”, encargóusenos. Construamos, se queredes a anaquiños, algo novo segundo o evanxeo. lluminemos a outros, que niso consiste ser cristián. A fe ensínanos un camiño no que non todo é gozar. A fe tense para difundila con alegría e vivila gozosamente a carón do Resucitado, aínda que “os tempos sexan recios” (Sta. Teresa). Espertemos a alma e vivamos a contra corrente.
Daniel García García
Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras