O Corpus Christi, festa da Eucaristía, alcanza en Lugo unha maior dimensión pola tradición secular de devoción eucarística desta comunidade de fieis e polo privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento. O pobo de Lugo, desde os tempos do bispo mártir San Capito (século I d.C.), sempre destacou pola súa fe e a súa defensa do sacramento da Eucaristía, situándose contra a herexía priscilianista (que negaba a real presenza de Cristo nas especies consagradas) tanto en época de Santo Toribio (século V) como do rei suevo Teodomiro (século VI), data que numerosos documentos sitúan como inicio do privilexio da exposición permanente do Santísimo Sacramento.
A festa do Corpo de Cristo foi instituída en 1264 polo Papa Urbano IV coa bula Transiturus de Hoc Mundo destacando Santo Tomé de Aquino na elaboración do Oficio da celebración; un santo representado maxistralmente polo pincel de José Terán na cúpula da capela maior (século XVIII) e polo cincel de Francisco de Moure (século XVII) no coro alto da catedral de Lugo.
A tradicional Eucaristía celebrouse onte no marco inigualable da Praza de Santa María, lugar que, grazas á man de mestres como Fernando de Casas y Novoa (capela da Virxe dos Ollos Grandes) ou Gaspar de Arce (torre das campás) e ao corazón de bispos como Cayetano Gil Taboada (palacio episcopal) ou Pedro de Ribera (nártex entrada norte), é considerado como dos máis belos de Galicia. A Eucaristía estivo presidida por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, un prelado de cuxa erudición é testemuña a súa obra en numerosas publicacións, como Scripta Teológica ou Compostellanum, e que mostra a súa implicación neste privilexio lucense que supón a constante exposición do Santísimo Sacramento, e na Eucaristía, no Cáliz e a Sagrada Forma do seu escudo episcopal.
A procesión do Corpus Christi ten unha profunda tradición desde que en 1447 o Papa Nicolás V levase por Roma a Hostia Santa. O itinerario en Lugo foi minguando co tempo, sendo, a comezos do século XVIII, o seu inicio na porta norte da catedral e o remate, tras pasar polas rúas San Pedro ou San Marcos, na fachada do Bo Xesús; xa en 1761, en tempos do bispo Francisco Izquierdo y Tavira, que tantas obras promoveu para o beneficio da cidade, transitaba por diante dos conventos de Santo Domingo e San Francisco, terminando de novo na fachada do Bo Xesús tras pasar pola fonte da Pinguela.
Xornais da provincia de Lugo a comezos do século XX, como Las Dos Regiones, mostran a magnificencia con que os veciños preparaban a festa: “Fermoso, por máis dun concepto, foi o golpe de vista que presentaba a cidade coa profusión de colgaduras e bandeiras nacionais en todas as casas particulares e edificios públicos, ofrecendo relixioso aspecto o repique de campás e os acordes melodiosos das nutridas banda municipal e militar” (xuño 1908). A música na festa segue presente, sendo hoxe executada polo Orfeón Lucense, a Banda Filarmónica de Lugo e a Coral Polifónica do Hospital Xeral-Calde.
Dáse un novo paso na secular tradición do Corpus Christi en Lugo, unha das festas que mellor reflicte a fe da nutrida comunidade cristiá desta cidade e onde a tradicional choiva de pétalos e música exterioriza o que moitos lucenses levan no seu propio corazón.
Marcos G. Calles
Historiador da arte