O Xubileo Extraordinario da Misericordia que convocou o Papa Francisco para toda a Igrexa universal conleva abrir a porta da misericordia, non só en Roma, senón en Cada catedral para facer máis próxima e sinxela a invitación a gañar este xubileo. O Papa subliña así que cada Igrexa particular, cada Diocese, é plenamente a Igrexa de Cristo nun lugar, convertendo cada Catedral nunha meta de peregrinación.
En Lugo abrirase a nosa catedral unha porta da misericordia, a porta da capela de San Froilán- situada na fachada principal da basílica-, o vindeiro domingo 13 de decembro invitando a todos a vivir este xesto como ocasión singular de perdón e de reconciliación, así como de cambio e de renovación.
Os actos, presididos polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, son os seguintes:
– 18:30h. Inicio da celebración na igrexa dos Padres Franciscanos
– Procesión ata a S. I. Catedral
– Apertura e entrada pola Porta da Misericordia (Praza Pío XII)
– Celebración da Eucaristía no Altar Maior
A porta que se abre na Catedral será a que, desde a fachada principal, dá entrada á capela de San Froilán. Esta porta leva pechada, aproximadamente, desde o ano 1916 (cando se trasladou definitivamente a parroquia de San Pedro deixa a Catedral pola actual localización).
Traspasar esta porta será un signo de querer achegarse ao corazón da Igrexa que non é outro que a misericordia do Señor patente na Santísima Eucaristía exposta permanentemente no Altar Maior da Catedral de Lugo.