O luns, 2 de outubro, ás 20 h na Catedral de Lugo iníciase oficialmente o Curso Pastoral 2017-18 cunha Eucaristía presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Participarán membros de organismos, asociacións, movementos, catequistas, profesores de Relixión da Diocese…
As principais liñas da acción pastoral da Diocese para este curso son as seguintes:
1.- Comunidades como verdadeiras escolas de fe. É necesaria a presenza próxima do fiel cristián, do Pobo de Deus como realidade perceptible, experimentable nas nosas comunidades, coas súas tradicións, iniciativas e celebracións, para que exista unha verdadeira escola na que se cultive a fe.
2.- Prioridade da catequese. Sen dúbida un instrumento fundamental para a educación na fe e parte principal da actividade pastoral.
3.- Continuar a reorganización pastoral da Diocese. Vontade de axeitar as nosas estruturas para que sirvan mellor á tarefa da evanxelización. O anuncio do Evanxeo pasa pola constitución de lugares de referencia, vivos, próximos, en que estean presentes os trazos esenciais da fe: a palabra e os sacramentos, a unidade e a caridade. Iso non diminuirá o valor das parroquias máis pequenas, ás que se continuará coidando como parte de nosa propia identidade.
4.- Valorar, apoiar e aproveitar os privilexios da nosa Catedral (Indulxencia plenaria permanente e perpetua) e de O Corpiño (Ano Xubilar Mariano).