O próximo ano cúmprense nada menos que 150 da presenza de María baixo a advocación de Nosa Sra. da Saleta na parroquia-santuario de San Miguel de Siador. Por este motivo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco promoveu e apoiou con entusiasmo a celebración dun Ano xubilar. Xa hai meses solicitou do Papa a través da Penitenciaría Apostólica a graza xubilar da indulxencia plenaria, a cal foi concedida.
A aparición de María aos pastores Maximino e Melania, o 19 de setembro de 1846, nunha montaña situada na Salette (Alpes), atópase entre as recoñecidas e aprobadas oficialmente pola Igrexa. Desde entón son moitos os que atoparon na mensaxe da Saleta o camiño da conversión, a profundización da súa fe, o dinamismo para a súa vida cotiá.
Se algo caracteriza profundamente a aparición de María na Salette, tanto a mensaxe como os signos, é a súa centralidade en Cristo. As súas palabras apuntan ao seu Fillo, e o crucifixo que está sobre o seu peito atrae poderosamente a atención de Maximino e Melania, e del irradia a luz que envolve toda a aparición. Na oración tradicional dirixida a Nosa Sra. da Saleta pedímoslle: “Volve os nosos corazóns cara ao teu Fillo Xesús, alcánzanos a graza de amalo sobre todas as cousas…”. No transcurso do Ano xubilar sexa esta nosa súplica perseverante e unamos a ela a nosa decidida determinación de facer de Xesús o amor da nosa vida.
P. Amador Marugán Patiño, M.S.