75 anos do monumento ao Padre Feijoo en Samos

Preparativos para instalar o monumento. Imaxe do arquivo do Mosteiro de Samos

Frei Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro foi un dos moradores ilustres do mosteiro benedictino de Samos, onde realizou o noviciado de 1676 a 1678. Feijoo expresaría en varios dos seus escritos o seu amor por Samos. E aquí quixeron corresponderlle cun recoñecemento que comezou a xestarse en 1935, sendo abade Mauro Gómez Pereira, que pensou nun monumento e promoveu unha subscrición popular. Para levar a cabo esta homenaxe foi nomeado un comité «pro-monumento», e entre os seus membros estaban Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde. Tras o parón causado pola Guerra Civil, renováronse as accións do comité.

A obra foi tallada por Francisco Asorey, e o proxecto converteuse en realidade o 24 de agosto 1947, coa inauguración da estatua.

En Samos organizáronse grandes festexos populares, e no mosteiro celebrouse unha misa pontifical, presidida polo bispo de Lugo, Rafael Balanzá, con sermón laudatorio do prelado mindoniense Fernando Quiroga Palacios. A continuación o mesmo bispo diocesano procedeu á bendición do monumento, ante o cal o abade de Samos pronunciou un discurso ao que contestou o ministro de Industria, Juan Antonio Suances.

Horta e xardín, do claustro nos plantíos

de legumes, de hortensias e de rosas,

os Padres Reverendos – falas suaves,

ademáns repousados e tranquilos

e pasadas leviáns e silenciosas-

pasean de vagar, lentos e graves,

en conversas unxidas de dozura,

de casos de moral e teoloxía,

dun erro sustantivo na lectura

dun antigo diploma,

das misións nunha terra en lonxanía

e os decretos da Orden e de Roma,

mentres no pedestal, inmóbil, erguido,

sorrí bondadoso e escoita compracido

o noso Padre Feixoo, o Mestre aceso

pola verdade, alleo ao prexuízo,

que aquí xogou novicio

e vestiu a cogulla de profeso;

o gran galego de visión certeira

e pluma sabia, crítica e recoita,

que aquí atopou repouso na canseira

do longo enseño e da esforzada loita.

O evocador xardín do claustro antigo

ten o dulzor do encontro cun amigo

dos breves anos da sinxela infancia.

RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ. “Samos”

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: