A tendencia a manipular a linguaxe para beneficio propio é tan antiga como o ser humano. Desde a democracia lembro ver, escuchar e ler en moitos medios de comunicación social unha aversión ao mal chamado “imposto relixioso”. Cando aprenderán algúns que non existe ningún “imposto relixioso”. Que a Igrexa non impón nada a ninguén e menos en cuestións relativas ao fisco. Existe, si, como na maioría dos países democráticos do mundo, a posibilidade de que os contribuíntes poidan manifestar libremente o destino dalgúns bens sociais. É un dereito cidadán. Cáritas, este ano, está facendo unha campaña informativa insistindo en dous lemas: “a ti non che costa nada” e “mellor2”. É dicir, que, precisamente porque non é un imposto, a ti non che costa nada. E precisamente, porque é un dereito que podes exercer libremente, invítaseche a que marques de maneira conxunta as dúas opcións: Igrexa Católica e Outros Fins Sociais de interese xeral. Deste modo, os cidadáns colaboran á vez, e sen coste engadido, cun 0,7 % da súa base impoñible a soster a acción da Igrexa e con outro 0,7 % a apoiar os fins sociais que desenvolven Cáritas e outras moitas organizacións. Ademais, é de xustiza, xa que a Igrexa aforra moito diñeiro ao Estado. E non é esta unha afirmación banal. Está ben fundamentada na realidade e a transparencia das cifras. O labor educativo en numerosos colexios; o traballo social en miles de centros de atención a minusválidos psíquicos e físicos; as Cáritas nas dioceses e nas parroquias promovendo a xustiza e a colaboración cos máis pobres; o esforzo a favor da saúde nos numerosos hospitais dispersos pola xeografía española; os comedores sociais, as organizacións eclesiais como Mans Unidas, os misioneiros e misioneiras, as Congregacións relixiosas entregadas exclusivamente aos máis desamparados (nenos, anciáns, nais solteiras, mulleres maltratadas), a influencia do patrimonio eclesial nos ingresos por turismo, etc., son algunhas mostras evidentes do gran aforro que todo iso supón ás arcas do Estado. E o Estado ben o sabe, aínda que non o di.
Neste sentido, a Igrexa dá a coñecer a súa actividade ao servizo da sociedade española. Coa presentación da memoria económica móstrase de forma clara e exhaustiva, en que inviste a Igrexa o diñeiro que recibe cada ano dos contribuíntes que marcaron a opción “Igrexa Católica” na súa declaración. É o compromiso da Igrexa a favor da transparencia e unha mostra de gratitude a quen manifestan a súa confianza nela.
Así o entenden a maioría dos españois. De feito, a Igrexa Católica viu aumentar, malia algúns, a Declaración da Renda 2015, tanto polo número de declarantes que marcan o X como pola cantidade que os declarantes destinan á Igrexa Católica, que por primeira vez supera os 250 millóns de euros desde que comezou a crise. Os galegos non imos por diante nestas cousas, de aí a necesidade de concienciarnos máis e mellor pero debemos ser agradecidos coas comunidades autónomas que con máis creceron neste sentido: Madrid, Andalucía, Cataluña e Valencia. Coa verdade por diante, crecemos todos e seremos, Deus mediante, máis solidarios nun futuro.
Mario Vázquez Carballo