As monxas fundadoras do Mosteiro da Purísima Concepción (Monforte de Lemos), Sor Anastasia da Encarnación e as súas novicias, procedentes do convento de Lerma, nun primeiro momento, acomodáronse provisionalmente nunha residencia do barrio da Falagueira. Era o 22 de xuño de 1622, e anos despois, en 1646, trasladaríanse ao actual mosteiro.
Pertencen á Federación do Sagrado Corazón de Xesús de monxas Clarisas da provincia seráfica de Santiago.
A igrexa é moderna, de traza gótica, dunha soa nave terminada en ábsida semicircular. É obra do mestre Secundino Couto.
O Museo de Arte Sacra considérase un dos máis importantes de España no seu xénero. Inaugurado en 1980, reúne un valioso conxunto de obras artísticas dos séculos XVII e XVIII -imaxes, ornamentos litúrxicos, obxectos de culto, etc-. Na súa maioría son doazóns feitas ao convento polos seus fundadores: Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, e da súa muller Dª Catalina de la Cerda. Merece destacarse un Cristo xacente, obra espléndida de Gregorio Fernández.