O domingo, día 9 de marzo, os fieis das parroquias rurais da Diocese recibirán dos seus sacerdotes os 30.000 folletos explicativos da campaña de reorganización diocesana. Nos folletos, titulados “Parroquias hoxe e mañá”, invítase a procurar o mellor modo de seguir xuntos como comunidade cristiá; insístese na necesaria creación de verdadeiras comunidades cristiás; lembra que é un proceso que implica a participación de todos os fieis; e finalmente, sinala os tres obxectivos principais da reorganización pastoral:
– Garantir nunha Igrexa de referencia unha celebración da Eucaristía dominical accesible a todos os fieis.
– Congregar nese punto principal a educación na fe (catequese, encontros de formación, cursos, convivencias…) e organizar as accións caritativas da zona.
– Manter a vitalidade das parroquias, para que todos os fieis teñan un acompañamento pastoral tamén os días non festivos.
A finais do mes de maio, os responsables de pastoral da Diocese, recompilarán as suxestións e propostas de todas as zonas coa finalidade de programar os seguintes pasos da reorganización.