Xornada Mundial da Xuventude nas Igrexas particulares

As Xornadas Mundiais da Xuventude que se celebran un verán nalgunha cidade do mundo son ben coñecidas. Por exemplo, en 2023 foi en Lisboa. Os anos sen encontro internacional organízase un encontro xuvenil a nivel diocesano. Desde hai uns anos, as Xornadas Mundiais da Xuventude diocesanas celébranse na Solemnidade de Xesucristo Rei do Universo.

Este encontro diocesano é unha cita clave para a pastoral xuvenil da Igrexa local. A xornada busca poñer a Xesús como centro e seguir o chamado do Papa Francisco, quen lembra que os mozos non só deben “recibir unha formación, senón que tamén lles permitan compartir a vida, celebrar, cantar, escoitar testemuños reais e experimentar o encontro comunitario co Deus vivo” (Christus Vivit, 204).

Este 2024 os mozos están convocados o 23 e 24 de novembro a un encontro na súa diocese baixo o lema “Os que esperan no Señor camiñan sen cansar” tomado do profeta Isaías (Is 40,31). Deus dá forza; aínda os rapaces cansan, tropezan e vacilan; pero os que esperan no Señor renovan as súas forzas.

Encontros previstos co Papa: Xubileu do 2025 en Roma, e Xornada Mundial da Mocidade en Seúl, no 2027.

Recordo aos cristiáns perseguidos e a todos os que sofren a falta de liberdade relixiosa

Do 18 ao 24 de novembro a fundación da Santa Sé “Axuda á Igrexa Necesitada” organiza a Redweek 2024, propoñendo que se iluminen edificios e monumentos con luz vermella, símbolo de sangue, sacrificio e testemuño de millóns de cristiáns que, a pesar da adversidade, permanecen fieis á súa fe. En Nixeria, Paquistán, China ou Corea do Norte, millóns de persoas enfróntanse á opresión, a discriminación e, en moitos casos, á persecución até a morte. Axuda á Igrexa Necesitada quere poñer rostro e voz a quen non poden vivir libremente a súa fe, que mesmo morren pola súa fidelidade a ela. En cidades de Australia, Austria, Francia, Alemaña, Reino Unido, Canadá, Filipinas, México, entre outros países, centos de edificios entre igrexas, catedrais, parroquias e monumentos ilumínanse de vermello como signo de recoñecemento ao valor do martirio contemporáneo. En España, 115 parroquias de 30 dioceses únense a esta iniciativa.

O Deus dos pobres

Mentres crecen os ruídos do benestar e dalgunhas festas, que pretenden ocultar as miserias dos nosos pobos, as voces dos que sofren e coexisten coa pobreza, siléncianse.  O Papa Francisco, sensible a estas realidades, instituíu, a Xornada Mundial dos Pobres que a Igrexa universal celebra este domingo xa na súa oitava edición. O lema deste ano elixido polo Papa está sacado do libro do Siracida, 21, 5: “A oración do pobre sobe até Deus”. Di o Papa que esta expresión da sabedoría bíblica é moi axeitada para prepararnos e celebrar esta Xornada. É que a esperanza cristiá abraza tamén a certeza de que a nosa oración chega até a presenza de Deus; pero non calquera oración: a oración do pobre!

O sabio Ben Sirá, no século II antes de Cristo, declara buscar a sabedoría desde a mocidade e descobre unha das realidades fundamentais da revelación: que os pobres teñen un espazo privilexiado no corazón de Deus, de tal maneira que o mesmísimo Deus, ante a súa dor e sufrimento, está impaciente até non facerlles xustiza, “até extirpar a multitude dos prepotentes e crebar o cetro dos inxustos; até retribuir a cada ser humano segundo as súas accións, remunerando as obras segundo as intencións de cada un” (Cf. Si 35,21-22).

Esta Xornada é unha moi boa ocasión para repensar as nosas imaxes persoais e comunitarias de Deus e para concienciarnos da realidade da pobreza e dos pobres nas nosas comunidades e nos nosos pobos e cidades. O Deus dos pobres é unha realidade omniabarcante no cristianismo, non é unha moda teolóxica ou unha ideoloxía pasaxeira, senón que afunde as súas raíces no Deus da historia e na mesma historia da salvación e da encarnación de Deus.

Esta maneira de pensar e entender a Deus é un concepto totalizador e unha forma de ser e estar no mundo que non se limita ás liberacións económicas, políticas, sociais ou ideolóxicas pero que tampouco debe prescindir delas. Por iso, hoxe, pode ser unha ocasión para responder con credibilidade e racionalidade á pregunta máis antiga e sempre actual: Como dicir aos pobres deste mundo que Deus os quere? É que o clamor dos pobres é o clamor de Deus na historia, do Amor Primeiro, do máis Grande, do Misericordioso.

Este xeito de pensar a Deus debe conducir á Igrexa, con todos os seus membros, a estar sempre dispostos a defender os dereitos dos máis débiles para que a ninguén lle falte nunca a esperanza dunha vida mellor, (Cf. Papa Francisco, Spes non confundit, n. 13). Lembrar as obras da misericordia, as espirituais e corporais é tamén un bo exercicio para unha praxe de cristianía e cidadanía imprescindible para todos e, sen dúbida, para contribuír a un mundo mellor e a unha Igrexa de “santidade política” e aberta a todos, capaz de influír indefectiblemente na contribución dunha sociedade máis xusta e igualitaria.

As obras de misericordia nunca caducan: inculturizarse, educar, dar bos consellos, corrixir fraternalmente, saber perdoar, consolar aos tristes, consufrir con paciencia os pecados dos demais, rezar por todos, que no fondo é desexar o mellor, mesmo para os teus inimigos e por suposto, non esquecerse das corporais: coidar aos enfermos, compartir o pan co famento, dar de beber ao sedento, acoller ao peregrino, vestir, redimir e enterrar respetuosamente aos nosos mortos que nos deixaron exemplos de sacrificio, amor ás xentes e á terra que os viu crecer.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Celebración da Virxe da Saleta en Xaxán (Lalín)

O culto da Virxe da Saleta chegou primeiro ao santuario de Siador, en Silleda, e despois a Trabancas (Agolada) e a Xaxán. Nesta última parroquia lalinense celébrase o sábado 16 de novembro a festa da Virxe da Saleta despois de trinta anos de ausencia. Ás 13 horas preside a Eucaristía o sacerdote José Katanga, e concelebra José Ramón Pena. Ao finalizar haberá unha procesión. Tamén haberá, ás 15 horas unha comida de confraternización.

A parroquia de Xaxán mantén a súa identidade malia estar na área de expansión da vila de Lalín.

Imaxe: Bernabé / Javier – Lalín

Xornada Mundial dos Pobres

O 17 de novembro celébrase a oitava Xornada Mundial dos Pobres convocada polo papa Francisco para que a comunidade eclesial poña no centro da súa tarefa e misión aos preferidos de Deus, os descartados, os máis pobres.

A Xornada convídanos a crecer na fe en comunidade. É unha oportunidade para activar a creatividade, poñer en marcha e compartir iniciativas que poden dar vida e esperanza aos máis pobres da nosa contorna, así como recoñecer o testemuño de tantas persoas voluntarias que se dedican con paixón e con todo o corazón aos máis necesitados.

Este ano celébrase a Xornada Mundial dos Pobres ás portas do Ano Santo xubilar, un tempo de graza para facerse peregrinos da esperanza, ofrecendo signos concretos para un futuro mellor, como reza Francisco na Mensaxe desta xornada: «saber deterse, achegarse, dar un pouco de atención, un sorriso, un aloumiño, unha palabra de consolo». E a mensaxe segue alentando: «Estes xestos non se improvisan; requiren, máis ben, unha fidelidade cotiá, case sempre escondida e silenciosa, pero fortalecida pola oración».

[Oración]

A %d blogueros les gusta esto: