San Francisco de Asís

Imaxe de S. Francisco de Asís na igrexa dos PP Franciscanos (Lugo), onde Mons. Alfonso Carrasco preside a Eucaristía o día 4 ás 19.30h

 

O 4 de outubro é a data elixida pola Igrexa para celebrar a memoria dun santo singular, home de paz, home de amor, cun concepto de vida místico baseado fundamentalmente na tenrura, na misericordia de Deus. Chamábase Francisco e era de Asís.

Faleceu o 3 de outubro do ano 1226, na véspera xa do día catro, por iso celebramos a súa festa o día catro. Din que morreu como viviu, cantando, buscando sempre esa esencia do divino en todo o creado, até o punto de compor o fermoso Cántico das criaturas, onde dá grazas a Deus por todo o creado, chamando irmán ao sol, irmá á lúa, irmáns e irmás a todas as criaturas, un concepto de fraternidade universal.

Na diocese de Lugo houbo presenza franciscana multisecular, desde hai séculos, aínda que é certo que nestes tempos viuse reducida a dúas presenzas, unha pequena fraternidade na mesma capital lucense, atendendo a igrexa homónima de San Francisco e o colexio dos Franciscanos e unha presenza tamén na beira do Camiño de Santiago, no Santuario de Santa María Real de O Cebreiro, atendendo tamén diversas parroquias do ámbito rural nesa contorna da montaña de Lugo.

“Paz e ben” é o saúdo franciscano, esa paz que tanto necesita o mundo, esa paz que se constrúe precisamente na medida en que nos comprometemos en facer o ben que non deixa de ser, senón unha expresión mesma do amor de Deus en quen cremos.

Frei Francisco Castro Miramontes

[Escoitar texto en castelán na voz do autor]

Presenza en Lugo do misioneiro Antonio Fernández

Durante a primeira semana de outubro o misioneiro Antonio Fernández (IEME) está en Lugo dirixindo retiros para sacerdotes, celebrando o Xoves Eucarístico na Catedral e pronunciando unha conferencia. Isto último foi o 2 de outubro e transcríbense a continuación algúns momentos da súa intervención.

Sobre o seu labor na República Dominicana (Paraíso, Pedernales e Barahona), entre outras moitas cuestións, dixo Antonio Fernández:

“Eu pasei 8 anos indo á montaña, a algún lugar tardábase tres horas en subir, e a outro lugar unha hora e pico. Fixen un traballo que eu chamaba pre-evanxelización. Era achegarse, coñecer, organizar, formar, pór a alguén responsable de unir á xente, darlles polo menos dous anos seguidos de catequese antes de empezar a celebrar Misa e antes de bautizar a ninguén. Cando xa empezamos coa Misa, a xente, sobre todo os inmigrantes haitianos, querían o bautismo. Así que estiven 8 anos sen bautizar a ninguén na montaña, e o último ano bauticei 200 nenos”.

E sobre a maneira de organizar o traballo pastoral, explicou:

“Cada arciprestado reúnese mensualmente, pero non só os curas senón tamén as relixiosas e os laicos, responsables das áreas de pastoral. E a nivel diocesano, cada dous meses tamén hai reunións co Bispo organizando os plans de pastoral. Trabállase moito cos laicos e iso moi interesante, moi bonito. Aquí estamos un pouquiño atrasados niso, non vexo que aos laicos se lles dea tanta cancha”.

Antonio deu a noticia de que o 9 de novembro ordénase sacerdote un colaborador seu que estivo dous anos impartindo formación:

“El ía á montaña os luns e volvía os venres. E ás veces quedaba tamén seguido. Preparou a xente para o bautismo, a comuñón, a confirmación, fixo un coro cos rapaces. Eran totalmente analfabetos. Dous deses mozos están nun seminario e tamén hai dúas mozas relixiosas. Incrible! Van saíndo cousas bonitas dunha comunidade perdida da montaña grazas a inventar estas escolas a base de visitalas, buscar axudas e mantelas”.

Representación de “Jesús el Cristo” a prol de Mans Unidas – Lalín

Representación da Paixón de Xesús a cargo do grupo Arume

Na igrexa parroquial de Nosa Señora das Dores de Lalín, o domingo 6 de outubro ás 18.30 horas o grupo de teatro Arume ofrecerá a representación de Jesús el Cristo co obxectivo de colaborar coa delegación local de Mans Unidas para as súas distintas iniciativas.

O  codirector do grupo, Juan García, fundou Arume na primavera do ano 1978 sobre todo con alumnos de institutos da cidade de Pontevedra.

Desde 1979 e até a actualidade Arume representa durante  a Semana Santa “La Pasión” texto escrito polo fundador e director do grupo que se varía cada ano e co que percorreu diversos puntos da xeografía galega. O actor que encarna a Xesús, é un dos actores máis veteranos (corenta anos representando a Paixón), e traballa como profesor nun instituto da cidade de Pontevedra. Esta representación figura desde 1998 no Museo que sobre as representacións que se fan da Paixón de Xesús en España teñen o PP. Pasionistas en Zaragoza.

En 1987 representa “Los últimos días de Jesús” orixinal do propio grupo.

Arume foi convidado polas delegacións de mocidade do Bispado de Mondoñedo-Ferrol e do Arcebispado de Santiago de Compostela a representar de forma excepcional “La Pasión”.

Con motivo do Ano mariano de 1982, Arume foi chamado polo Bispado de Pontevedra para unha montaxe sobre A Virxe, tamén colaboro no Musical “Juan Soñador”

Arume organiza ademais cursos de teatro impartidos polo presidente do grupo.

Desde o ano 1998 Arume organiza visitas dos Reis Magos ao Asilo de Anciáns, Cruz Vermella de Vigo, gardarías, Residencias de Anciáns e colabora na Cabalgata de Reis.

No 2003 fóronlle concedidos a Arume a Mención honorífica e a Medalla de ouro da Confraría de N. P. Xesús do Silencio Virxe da Amargura e Cristo da fe de Vigo e o Diploma de honra e Medalla de ouro ao mérito cultural da Federación de comercio de Pontevedra.

En 2009 Arume é galardoado co Premio “Amigos de Pontevedra” polos méritos contraídos para o prestixio e engrandecemento da cidade.

Camiñar en confianza

Iniciamos xa un novo curso pastoral subidos á barca con Cristo! Sopra o vento. Braman as tormentas. Pésanos o sono. Pero nós, con El, abrimos a nova ruta do ano con ánimo e confianza. Sen medo ás furiosas ondas, impulsados co seu vento recio, facemos a travesía con El.

Sementar, e sementar ben, é a nosa misión. Sementar paz aos corazóns, proximidade ao sufrinte, ao descrido sementarlle a chamada ao coñecemento eucarístico, ao veciño a fidelidade da fe e así unilo a Cristo.

“A nosa vida espiritual vale o que vale a nosa piedade eucarística, a nosa vida eucarística” (Pablo Dominguez Prieto: Hasta la cumbre – Testimonio espiritual). Debemos telo claro. A vida espiritual é unha interacción entre obras e contemplación; no centro sempre Cristo, a quen contemplamos e seguimos. A vida cristiá nace e aliméntase da eucaristía. Ela é a onda forte que planifica o corazón.

Afacémonos con demasiada frecuencia até ás cousas santas. Pero miremos aos grandes místicos que celebramos neste mes, Teresa de Lisieux, Teresa de Ávila, Xoán Paulo ll… para quen a eucaristía, como encontro e misión, impregnaba a súa vida. Ser fundamentalmente contemplativo e activo debe xerar en cada un, como xerou neles, unha constante actitude de compromiso, gratitude e vitalidade.

Unámonos todos en común oración un curso máis. E comecemos sen desánimo. En esperanza e con esperanza. “A esperanza non decepciona”, estimúlanos o papa Francisco para o Xubileu do ano 2025.

Daniel García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras

A %d blogueros les gusta esto: