San Froilán, o santo e a festa

Portada do libro “San Froilán. Culto e Festa” (detalle)

Unha das diversas obras recompilatorias da vida e obra do noso santo patrón, chámase San Froilán, Culto e Festa. Este libro é tamén un catálogo da exposición do mesmo nome celebrada na cidade de Lugo entre os meses de setembro e decembro de 2006. Alí, recóllese unha relación das pezas da exposición e varios estudos referentes á vida do santo, a evolución do seu culto e, entre outros, á historia das festas de san Froilán.

Sempre é ben lembrar as vidas exemplares para aprender delas e imitar a tan significativos persoeiros. Entre os grandes santos que acuñaron histórica e espiritualmente a Igrexa lucense destaca, pola súa personalidade e carisma, san Froilán, Froilano ou Flaiano. Este santo atraía, co seu perfume de santidade e con centos de tentáculos, tanto coma o popular cefalópodo, a numerosos grupos de seguidores. Mozo estudoso e rezador na Escola e na Capela Maior da Catedral de Lugo, progresaba axeitadamente mentres madrugaba cada mañanciña, para facer con ilusión e mirada esperanzada, o camiño que separaba a Basílica do seu fogar natal no Regueiro dos Hortos.

Santo que se atrevía a buscar, descubriu, nas entrañas de espiritualidade cristiá, como se esvaece o desvarío e o engano cando se descobre que para ser feliz somente é necesario deixarse querer por Deus. O amor ao Creador levouno por novos camiños. Soubo admirarse ante as grandezas da nai natureza, da obra creada, dos paxariños e dos animais, e ata foi capaz de facer amizade cos lobos; algúns inimigos, ben tratados e perdoados, aínda que che coman o burro, poden chegar a converterse en fieis compañeiros da vida.

Polos camiños das montañas, en dirección a León, ía fundando e repoboando comunidades de vida e de fe, de fraternidade e de traballo compartido na pregaria e na interioridade de cada xornada.

A maxia da santidade fai milagres. Aclamado bispo de León é venerado en Lugo na S. I. Catedral, especialmente na sua capeliña de estilo neoclásico de Miguel Ferro Caaveiro. Pero tamén é honrado, desde 1891, nunha das históricas parroquias intramuralla do centro da cidade de Lugo.

Este santo profeta a quen Deus lle revelou ata o día e a hora da súa morte, segue vivo na memoria dos lucenses e intercede por nós, pola nosa cidade e Diocese: “Tanto pudera a fe do boo Froilán, que sempre os patrios ecos nomearán” (Eduardo Pondal)

Chove en Lugo. San Froilán regou de novo os seus hortos. Sempre se debe volver a Lugo cando sosega o tempo nos solpores das festas que agradecen os prodixios do santo Froilán.

 

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Outubro, mes do rosario (I)

En máis de 60 países están convocados os cidadáns a unirse ao “6º Rosario Mundial Mater Fátima” o 13 de outubro na Capela e Santuario da Nosa Señora de Fátima, situado no concello de San Pedro Garza García, pertencente á Arquidiocese de Monterrey, Nuevo León, México.

A intención principal desta convocatoria é: “Polo Triunfo do Inmaculado Corazón de María nos corazóns, a través da Divina Misericordia”.

Rézase en 7 idiomas (español, inglés, francés, coreano, portugués, croata e latin), participan 10 sacerdotes da Arquidiocese de Monterrey e lévase a cabo o 13 de outubro de 2024 por ser a data en que se conmemora o Milagre do Sol en Fátima, (Portugal), está íntimamente vinculado á sexta e última aparición da Virxe María os pastorciños Lucía, Xacinta e Francisco en 1917.

O intre culminante do Rosario Mundial será o acto de consagración persoal a Xesús por medio de María.

O Rosario está organizado polas entidades FRICYDIM e MATER FÁTIMA. A primeira é unha Asociación Pública de Fieis, en orde de converterse nun Instituto Relixioso como Familia Eclesial Contemplativa de Dereito Diocesano.

MATER FÁTIMA é unha comunidade apostólica composta por laicos presentes en máis de 60 países. O seu labor susténtase en tres alicerces principais: a oración, a caridade e a formación.

Olga Louzao, pregoeira do DOMUND 2024

Cando a Delegación de Misións lle propuxo a Olga Louzao que fose a pregoeira do DOMUND, viñéronlle á mente lembranzas da infancia:

“No colexio, desde quinto ata oitavo, dábannos as huchas o sábado, tiñámolas na casa e o domingo saíamos con elas. E despois, cando estabamos no instituto, durante 2 anos fun catequista e no mes de outubro explicaba en que consistía o DOMUND”.

Sobre o contido do pregón, Olga Louzao seguramente se referirá á sociedade na que estamos, e por suposto ao labor dos misioneiros:

“A nosa sociedade, moi rápida, consumista, individualista, necesita escoitar testemuños de quen pon a súa vida completamente a disposición dos demais. Iso convida a reflexionar. Creo que se descoñece o labor dos misioneiros, que por fe deixan a súa vida normal para ir a lugares ás veces con idioma distinto, con recursos mínimos. Ademais do labor relixioso axudan a mellorar as condicións de vida dos nativos. É unha forma de contribuir a que esas sociedades poidan avanzar”.

E sobre o enfoque que lle vai dar ao pregón, Olga Louzao considera o seguinte:

“Hai que poñer sentimento, ademais de coñecemento, porque ao final un pregón é un acto de celebración, de valorar positivamente o bonito traballo que fan os misioneiros, en contraposición ao mundo no que estamos habituados a vivir. E se eu podo axudar a que iso chegue a máis xente, que poida coñecerse máis, sería unha boa achega”.

Robertus Kardi falou en Lugo da transmisión da fe e da situación relixiosa en Indonesia

Como pórtico da celebración do DOMUND, a Delegación de Misións conta, na segunda semana de outubro, co misioneiro xaveriano Robertus Kardi, que dirixe retiros a sacerdotes e o día 9 deu unha charla no Seminario. Parte da súa intervención adicouna ao seu país natal: Indonesia.

“Bhinneka Tunggal Ika” é o lema nacional oficial de Indonesia, frase que en idioma xavanés antigo significa “Unidade na Diversidade”. Xunto con outros irmáns, Robertus organizou no seu país encontros de diálogo interrelixioso: “Compartimos a riqueza da nosa fe con musulmáns, hinduistas, budistas, e camiñamos xuntos sendo diferentes. Esta é a lóxica do amor de Xesucristo, non encerrarse nun mesmo, senón construír pontes de amor, de fraternidade, de solidariedade, de perdón. Vivindo este diálogo, pois alí realizamos que significa o amor. Amar aos que teñen outras crenzas. Ser amigo e irmán de todos”.

Robertus Kardi recoñeceu que non todo o mundo acolle aos que son diferentes: “pode facer estas cousas a xente que ten a Deus no seu corazón, só a xente que sabe escoitar, recoñecer, respectar, apreciar os demais. Queremos transmitir estes valores co noso traballo, o diálogo, axudar aos pobres. Experiencias moi bonitas, que noutras partes do mundo non é común velas”.

Sobre os froitos do diálogo interrelixioso, sinalou Robertus Kardi que “os primeiros froitos son para os propios católicos. Para poder dialogar cos demais temos que coñecer a Xesús, telo na nosa vida, no noso corazón, escoitalo, estar con El, axudar aos cristiáns a rezar”.

Un dos labores de Robertus en Indonesia foi acompañar a 25 adolescentes, catecúmenos, que se converteron ao catolicismo: “A maioría viñan do hinduismo, budismo, algúns musulmáns, algúns confucionistas. En Indonesia non está prohibida a conversión relixiosa. Eu vin directamente o camiño espiritual da súa vida. E para min foi unha experiencia moi bonita que me axudou moitísimo a entender que significa atopar en Xesucristo o camiño dunha persoa. Estaban moi contentos porque viron a Xesús como o máis importante das súas vidas”.

Robertus Kardi preside as celebracións do xoves eucarístico do 10 de outubro, na Catedral.

Máis información na web da Delegación de Misións.

Curso catequético 2024-25

O papa Francisco vén de convocar o Xubileu romano de 2025, co lema “Peregrinos da esperanza” e o Departamento de Catequese da Diocese acolle este chamado do Papa a non perder a esperanza. Trátase de contaxiar a toda familia catequética esa esperanza porque, a pesares dos moitos atrancos, o Esírito do Señor acompaña ao seu pobo e derrama os carismas e ministerios necesarios para a edificación da Igrexa. Para o curso 2024-25 proponse o lema “Catequistas da esperanza” subliñando o papel vital dos catequistas como portadores de esperanza nas súas comunidades e lugares.

Obxectivos da catequese:

  • A misión dos catequistas é a nosa esperanza; vocación de servizo na Igrexa centrada na transmisión da fe
  • Coidar as comunidades cristiás por de onde saen os catequistas
  • Convocar ás familias, nenos, mozos e adultos á catequese.

Alberto Leiva Torreiro

Delegado episcopal para a educación na fe

Dtor. do Departamento de Catequese

A %d blogueros les gusta esto: