Concerto “Misa na honra do Apóstolo Santiago” de Xoán Montes

O domingo 20 de outubro ás 20 h na igrexa de San Pedro (Lugo) ten lugar o concerto “Misa na honra do Apóstolo Santiago” de Xoán Montes. As agrupacións corais que actúan son:

Cantar Delas, dirixido por Fernando G. Jácome

Coro do Hospital de Lugo, dirixido por Fernando G. Jácome

Coro Fingoi, dirixido por Nicolás Ravelli

Orfeón Lucense, dirixido por Marcos Fernández

Solo Voces, dirixido por Fernando G. Jácome

Ademais, e dirixido por Nicolás Ravelli, intervén Coro Lucense e Terra Nova – Xove Orquestra, entidade organizadora do concerto.

Actos na semana do Domund

O luns 14 de outubro na parroquia Santiago A Nova de Lugo tivo lugar o pregón do Domund a cargo de Olga Louzao. Previamente actuou o coro da parroquia San Francisco Javier. Este acto estivo presidido por Mons. Alfonso Carrasco. Ler o pregón e ver imaxes.

 

Vixilias de Oración do Domund

18 de outubro ás 20:00 h. na Parroquia San Pedro de Lugo.

19 de outubro ás 20:00 h. na Parroquia Nosa Señora das Dores de Lalín.

 

Encontro con misioneiros

20 de outubro, día do Domund, a Delegación Diocesana de Misións de Lugo organiza un encontro con misioneiros e misioneiras da Diocese e os seus familiares. Terá lugar na parroquia San Francisco Xavier de Lugo, comezando cunha Eucaristía ás 12:30 h. e seguidamente unha comida no salón parroquial.

Asistentes ao pregón do Domund

16 e 17 de outubro: Día da Alimentación e da Erradicación da Pobreza

Unha de cada once persoas no mundo sufriron desnutrición crónica en 2023: preto de 733 millóns de persoas segundo a Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO).

Mans Unidas, na súa loita contra a fame e a pobreza no mundo, levou a cabo nos últimos cinco anos máis de 500 proxectos para frear a desnutrición no sur Global a través de diferentes proxectos, entre outros, de seguridade alimentaria e capacitación.

Con motivo da conmemoración, os días 16 e 17 de outubro, respectivamente, dos Días da Alimentación e da Erradicación da Pobreza, Mans Unidas denuncia un drama que non só é unha cuestión de carencia, senón o froito dunha inxustiza arraigada e aceptada que afecta as vidas de millóns de persoas no mundo. As consecuencias dos malos tratos ao planeta afectan en maior medida á poboación rural empobrecida.

Segundo Mans Unidas, o acaparamento de terras, a produción intensiva de biocombustibles, a cría industrial de gando, a perda e o desperdicio de alimentos, e a especulación co prezo dos alimentos, son algúns deses factores que teñen como resultado que case 733 millóns de persoas pasen fame no mundo; é dicir: unha de cada once persoas non ten suficientes alimentos para levar unha vida saudable e activa.

Encontro de fe e oración organizado por Mans Unidas

Fermín Negre imparte unha charla-meditación o venres 18 de outubro de 5 a 7 da tarde na igrexa de San Froilán (Lugo). Seguirá a participación na Eucaristía concelebrada na parroquia de San Froilán ás 19,30 h

A través de poesías, música, reflexións e historias da súa vida sacerdotal vai construíndo unha charla para convidar á confianza en Deus e á comuñón entre todos os membros da Igrexa e a humanidade. Fermín é membro do grupo de música cristiá Ixcís e compositor de moitas das súas cancións. Sempre lle gusta apoiar as súas charlas e meditacións nalgunhas das súas cancións.

Ao finalizar unha das súas charlas algún dos asistentes afirmaba:

Fermín é un instrumento de Deus nas súas mans, onde por medio da palabra e as súas cancións, Xesús faise máis oco nos nosos corazóns.

Vilar de Donas: 800 anos de historia viva

Fronte a súa apariencia sinxela, a igrexa parroquial de Vilar de Donas, en Palas de Rei, ofrece ao visitante unha rica variedade de matices. Este espazo permite observar como ningún outro como unha linguaxe cun marcado carácter internacional, a do románico, adquire un cálido acento propio nas terras lucenses. Un percorrido atento polo recinto permite descubrir unha reveladora inscrición na súa porta sur: 15 de outubro de 1224. No cumprimento do seu oitavo centenario queremos destacar aquí esta efeméride. Un tempo, ademais, que deu a luz a mentes tan preclaras coma a de san Tomé de Aquino e no que os studia composteláns estaban á vangarda no estudo das principais teorías científicas que comezan a emerxer neste momento.

En canto á fábrica de Vilar de Donas, esta ofrece un magnífico exemplo do tipo de intercambios culturais que se producen no seo do Camiño de Santiago. Trátase dun espazo cun pasado vinculado á orde santiaguista e os quefaceres propios da vida monástica, testemuña nos séculos recentes do laborioso e sosegado ritmo da súa comunidade parroquial.

Situado ao pé do Camiño Francés, este lugar terminou por converterse nun desvio recorrente para numerosos peregrinos e visitantes. Entre os seus elementos artísticos cabe destacar a singular efixie dun dos seus “artífices prácticos”, testemuña privilexiada deste tráfico de viaxeiros, o cal nos recibe acompañado das súas ferramentas de traballo e disposto a mostrar con orgullo a súa obra. Sen embargo, este pretende reivindicar unha particular adhesión cunha cadea de artistas vinculados ao Pórtico do Paraíso e que ten como referente último a xenial figura do Mestre Mateo. Deste xeito, por medio dunha sinxela asociación visual, o noso autor toma prestados algúns modelos de clara inspiración mateana, se ben un tanto esquemático. Só así pode explicarse a presenza do anxo que porta o cuarto lunar ou a dobre disposición de escenas presentes nos capiteis historiados.

O retrato do descoñecido artista constitúe un elemento de gran singularidade dentro do románico galego, ao tempo que forma parte dun dos numerosos atractivos que ofrece este espazo de Vilar de Donas. Entre os máis salientables cómpre destacar elementos de tanto valor artístico e patrimonial como as orixinais ferraxes da porta principal, as espléndidas pinturas góticas da cabeceira, o baldaquino e o frontal pétreo ou o magnífico retablo barroco dedicado ao Salvador, así como outras pezas de carácter funerario custodiadas no interior. En definitiva, unha xoia do noso patrimonio diocesano lucense que sempre é bo volver a visitar. Unha igrexa na honra de Cristo Salvador que pon de manifesto que a fe cristiá xerou e segue a xerar obras de gran beleza nas nosas parroquias.

Brais Cela Álvarez

Historiador da Arte

Con motivo da efeméride, o 15 de outubro de 2024, o Departamento de Patrimonio Cultural da Diocese organiza unha serie de actos no marco das Xornadas Europeas de Patrimonio

A %d blogueros les gusta esto: