A cidade de Lugo foi sede das XLVIII Xornadas de Profesores de Liturxia celebradas durante os días 27, 28 e 29 de agosto, no salón de actos do Seminario Diocesano da Cidade do Sacramento.
Recibimos con gran alegría, na nosa cidade, a expertos de España e Europa nesta importante e significativa materia teolóxica. Despois da solemne inauguración, José Luís Gutiérrez Martín, da Universidade Pontificia da Santa Cruz de Roma, disertou sobre “Guardini e a formación litúrxica”. Certamente, Romano Guardini, falecido en 1968, dicía que “a liturxia é un mundo de realidades santas e misteriosas, representadas de forma sensible: ten carácter sacramental” (R. GUARDINI, Los signos sagrados, Barcelona 1957). Así, máis concretamente a celebración eucarística pode considerarse como un conxunto de signos e símbolos, de palabras e cantos, de xestos e movementos estreitamente relacionados na súa mutua conexión. É unha gran realidade simbólica que constitúe a vía a través da cal a Igrexa penetra delicadamente no Misterio de Cristo. O acto de culto é así un camiño radicado no humano e aberto ao divino, feito de signos sensibles que remiten a realidades divinas invisibles.
Na tarde do primeiro día das Xornadas houbo diversas comunicacións relativas á formación do clero, á experiencia catequética, á formación litúrxica académica e un relatorio do profesor Jordi Font Plana do Instituto de Liturxia de Barcelona. A xornada concluíu cunha visita ao Museo diocesano-catedralicio e coa Eucaristía e vésperas no altar maior da Catedral presidida polo Vigairo Xeral da Diocese.
O segundo día disertou o Delegado Diocesano da Diocese de Cartaxena, Ramón Navarro Gómez sobre a formación desde a liturxia. Xa, pola tarde, celebrouse a Asemblea Ordinaria da Asociación Española de Profesores de Liturxia ademais dunha visita cultural a Monforte de Lemos.
O relatorio do último día sobre “o asombro ante o Misterio Pascual”, correu a cargo do profesor Giuseppe Midili, do Pontificio Instituto Litúrxico e Pontificia Universidade Gregoria. A Carta Apostólica do Papa Francisco, Desiderio Desideravi, foi o centro das reflexións. Nela, o Papa exhorta a que o coñecemento litúrxico difúndase fóra do ámbito académico, de xeito accesible, para que todo crente creza no coñecemento do sentido teolóxico da Liturxia, así como no desenvolvemento da celebración cristiá, adquirindo a capacidade de comprender os textos eucolóxicos, os dinamismos rituais e o seu valor antropolóxico. Precisamente isto, é o obxectivo deste artigo por se lle serve de algo ao lector.
Os participantes marcharon encantados da cidade de Lugo e da boa acollida que recibiron polos responsables da Diocese e polos organizadores.
Mario Vázquez Carballo
Vigairo Xeral da Diocese
Gústame esto:
Gústame Cargando...