Tempo da Creación 2024

Do 1 de setembro, Día de Oración polo Coidado da Creación, ao 4 de outubro, celébrase o Tempo da Creación mediante a oración, a reflexión e a acción.

Este ano o lema é: «Espera e actúa coa creación», seguindo a mensaxe ofrecida por San Paulo en Romanos 8, 16-22. E o símbolo é As primicias da esperanza, inspirado en Romanos 8, 19-25.

A imaxe bíblica representa á Terra como unha nai que xeme coma se estivese a dar a luz (Rom 8,22). San Francisco de Asís entendeuno así cando se referiu á Terra como a nosa irmá e a nosa nai no seu Cántico das criaturas. Os tempos que vivimos demostran que non nos relacionamos coa Terra como un don do noso Creador, senón

como un recurso para utilizar. “A Creación xeme” (Rom 8,22) por mor do noso egoísmo e das nosas accións destrutivas que causan as crises climáticas, a perda de biodiversidade e o sufrimento humano, así como o sufrimento da Creación.

[Máis información]

Aniversario da dedicación da Catedral de Lugo

 

O 30 de agosto celébrase a dedicación da Santa Igrexa Catedral Basílica de Lugo, con categoría de solemnidade. “Dedicación” significa “consagración” dun lugar ou dun obxecto (sobre todo o altar) a un uso sacro.

Coa festa da consagración da basílica de Santa María de Lugo celebramos a súa construción como un símbolo da nosa identidade máis profunda: todos somos “templos vivos” de Deus.

Celebramos a construción do templo como unha imaxe da Igrexa universal construída das “pedras vivas” das persoas bautizadas.

 

Ser humano… ser cristián

Permítanme hoxe a tono autobiográfico que manda no que escribo. Seguramente máis dun de vostedes verase tamén reflectido nalgunhas destas liñas.

De mozo lin con avidez La alternativa cristiana, de José María Castillo. Ese libro abriu ante min un horizonte utópico que aínda hoxe axuda á miña propia reflexión vital.

Dun xesuíta, vou pasar a outro: o Padre José Julio Martínez, da man do cal ingresei como Cruzado da Eucaristía aos nove anos no Colexio da Armada, Salvador Moreno, (hoxe Juan Sebastián Elcano).

Tradición e modernidade foron perfilando a miña experiencia cristiá, foron moldeando a miña vivencia relixiosa, a miña experiencia de fe.

Recordo, con gratitude, aos meus pais ensinándonos a rezar, rezando connosco… cada noite antes de durmir, cada tarde o Rosario, cada fin de semana na Misa Dominical.

Andariamos polos nove anos cando o meu amigo Luqui e mais eu iamos camiñando ao colexio un día deses escuros de diluvio pontevedrés. Iamos coas nosas boas botas, gabardinas, paraugas… Pola estrada de Mollabao, no medio daquel diluvio, un home de mediana idade na súa bicicleta. Intuímos ía camiño do traballo… empapado, empuxado de lado a lado da calzada pola auga e o vento, desprotexido… Eu pensei, por que uns temos todo o necesario e outros carecen en grao sumo do básico para sentirse seguros e realizados. Co tempo ancorei nese acontecemento da miña infancia as miñas grandes preguntas acerca da xustiza, a igualdade, a transformación da sociedade e co tempo tamén descubrín a indisoluble relación entre a Eucaristía, a Mesa do Pan e o Viño, e a Xustiza. Algo que xa albisquei de neno da man do Padre José Julio. Esa Xustiza que é a que Deus quere, esa Misericordia que é o Deus mesmo. Co paso dos anos fíxenme cargo da necesaria unión entre a palabra e a acción, a oración e o compromiso. Aquilo de ora et labora. Non cabe un cristianismo sen espiritualidade, pero, cabería unha espiritualidade sen consecuencias prácticas para a acción, para a vida humana?

Só temos que fixarnos en Xesús de Nazaret, o noso Modelo e Irmán Maior, sempre en contacto co Pai, sempre ao servizo dos seus irmáns, dos seus amigos, de todos nós.

Preguntábase o Catecismo que estudabamos de pequenos, que é ser cristián, ao cal a resposta era: ser cristián é ser discípulo de Cristo, o noso Mestre e Salvador. Iso é ser cristián.

Coa Resurrección de Xesús, Deus mesmo aválao, dálle a razón, ratifícao fronte aos que o matan, fronte ás estruturas inxustas, fronte á intransixencia, a intolerancia, os desmáns do poder.

En Xesús de Nazaret vemos a Deus, claro, pero tamén vemos ao home, ao paradigma do ser humano implicado no coidado dos demais, exemplo do irmán próximo e sempre dispoñible para co necesitado e o excluído, o marxinado.

En Xesús conflúe todo o máis humano, o máis xenuíno do humano. Nada en Xesús é estraño ao humano, nada no cristián debería selo.

Queque Bayo

Mercado solidario na Parroquia da Milagrosa

Co lema “Compartir fainos medrar” permanece aberto ata o 8 de setembro o mercado solidario da Parroquia da Milagrosa no local parroquial.

A finalidade é recadar fondos cos que axudar ás persoas máis necesitadas, e custear as cuantiosas obras que se realizan para mellorar as instalacións da Parroquia.

Hai artesanía (mantelería, toallas bordadas, panos de cociña, cerámica, cestaría, pintura…), produtos ecolóxicos (bebidas…), libros, audiovisuais…

Intención de oración do Papa para agosto

O Papa Francisco comunica cal é a súa intención de oración para agosto, polos líderes políticos:

Hoxe a política non ten boa fama: corrupción, escándalos, afastada do día a día das persoas.

Pero, podemos avanzar cara á fraternidade universal sen unha boa política? Non.

Como dixo Pablo VI, a política é unha das formas máis altas da caridade, porque busca o ben común.

Falo da POLÍTICA con maiúsculas, non a politiquería. Falo da política que escoita a realidade, que está ao servizo dos pobres, non da que está encerrada en grandes edificios con longos corredores.

Falo da política que se preocupa dos desempregados e sabe moi ben o triste que pode ser un domingo cando o luns é un día máis sen poder ir traballar.

Se a vemos así, a política é moito máis nobre do que aparenta.

Agradezamos aos moitos políticos que desempeñan a súa tarefa con vontade de servizo, non de poder, todos os seus esforzos polo ben común.

Oremos para que os líderes políticos estean ao servizo do seu pobo, traballando polo desenvolvemento humano integral, traballando polo ben común, atendendo aos que perderon o seu emprego e dando prioridade aos máis pobres.

[Ver vídeo]

A %d blogueros les gusta esto: