En camiño cun boi

No número 111 dos Exercicios espirituais de San Ignacio de Loyola, o santo propón contemplar o Nacemento de Xesús e facer unha composición de lugar, onde o camiño de Nazaret a Belén faise con María embarazada encima dunha asna, San Xosé, unha serventa e un boi. Si, si, un boi.

Hoxe son 150 quilómetros os que separan Nazaret de Belén en coche. Se en mula xa é lento, non quero imaxinalo en boi. Un paso lento, moita fatiga, unha muller embarazada fai dous mil anos e moitas incógnitas no camiño que María e Xosé deberían vivir, fiados no Señor e na súa graza.

A vida é algo bastante parecido a isto. Cando camiñamos imos rápido ao principio, pero a fatiga, a dificultade orográfica do camiño, as poucas provisións que podería un levar e a falta de descanso cada vez maior, fan que teñamos que prever ben en cantas etapas imos realizar o percorrido. E iso é san, a preparación e sabendo que hai un obxectivo claro imos con máis axilidade que se non existe no horizonte unha pretensión clara.

Hoxe acomodámonos tanto que pensar en camiñar máis dun número determinado de quilómetros, mesmo ás veces dunha punta a outra da cidade, xa supón un dor de cabeza e a procura automática da chave do coche ou da moto para alixeirar a nosa actividade física. Da mesma maneira tamén relaxamos as nosas metas ou obxectivos na vida, de maneira que o cómodo prefírese ao que é conveniente, o doado ao que implica máis traballo…

Claro, é que non é o mesmo ir en coche que en boi! Pero creo que é unha imaxe preciosa, a de que nós saímos pesadamente da nosa casa -enténdase casa como corazón- posto que o boi pesa unha cantidade considerable de quilos; e que realizamos o camiño sabendo que a meta é máis próxima agora que cinco pasos atrás e que a axilidade cara á mesma non é tan importante como o feito de chegar. O percorrido é máis lento, pero hai posibilidade de moitas máis cousas. Se fósemos en coche, a conversación, as reflexións, o silencio, cantar xuntos, etc. reduciuse de varios días a un instante de hora e media. E canto nos perdemos? Na vida imos igual, afeitos a unha inmediatez imparable onde o corazón afaise pouco ao silencio e a ir amodo, pisando seguro, fronte a unha aceleración vertixinosa que provoca que busquemos experiencias tan rápido como áxil é o noso dedo ao deslizar imaxes en instagram.

O importante aquí é o camiño. Lento pero seguro. E ás veces temos que pór nunha balanza: que preferimos? que hai no horizonte da nosa vida como para que teñamos unha necesidade imperiosa de correr para chegar ao final? Porque somos conscientes de que cando cheguemos ao final imos querer buscar outro final, verdade?

Hoxe polo menos pensaremos un pouco no boi.

Nicolás Susena

Párroco de Castroverde

[Artículo en castellano]

Imaxe: cathopic

A restauradora Uxía Aguiar explicou a rehabilitación de Santiago de Saamasas

No templo de Santiago de Saamasas, na cidade de Lugo, continúan os actos que se organizan con motivo da rehabilitación do edificio e dos retablos. O 15 de xullo a restauradora Uxía Aguiar Ballesteros explicou no propio templo o proceso, que comezou actuando sobre os lugares (teito, espadaña, chan) polos que se filtraba unha humidade que, entre outros efectos, perxudicaba aos retablos. Sobre estes, deu os seguintes datos:

Retablo maior barroco do século XVIII

– Iconografía orixinal: Santiago peregrino e grupo de Santa Ana, a Virxe e o Neno.

– Materiais: madeira policromada e elementos arquitectónicos pintados imitando mármore

xaspeado.

 

Retablos laterais, neoclásicos, da Virxe do Carme e San Antonio

– Estilo sobrio e elegante, de orde xónica.

– Columnas e entablamentos en dous planos, rompendo o marco arquitectónico.

– Materiais: madeira con policromía imitando mármores de diferentes cores.

Encontro Matrimonial ofrece este verán un encontro para sacerdotes e consagrados

Será do 22 ao 26 de xullo e pode seguirse o encontro a través da internet. Trátase de compartir vida, tempo, inquietudes, celebrar a vocación, apoiarse uns a outros, reflexionar e compartir sobre as parábolas.

O encontro modérano un sacerdote, un consagrado e dous matrimonios. O matrimonio e a orde sacerdotal son sacramentos de relación cos demais: uns, entre os esposos, os outros cos fregueses ou o resto dos compañeiros do presbiterio ou a comunidade.

Unha parella xunto cun sacerdote ou unha consagrada (van alternándose) fan unhas presentacións sobre as parábolas, dando un enfoque, así como o seu testemuño de como viven eles, no seu día a día, a realidade que presentaron.

Seguidamente propoñen algunhas preguntas que axuden a concienciarse con relación ao tema e ás propias vivencias.

[Máis información]

 

A Igrexa lembra a Virxe do Carme e as xentes do mar

Cada ano, o segundo domingo de xullo, celébrase o Domingo do Mar. As comunidades católicas de todo o mundo rezan por quen traballan no sector marítimo e por quen se ocupan deles. O Domingo do Mar é unha ocasión para chamar a atención sobre un dos sectores dos que se fala pouco, pero que está no centro da vida de todos. Os esforzos dos mariños a miúdo chocan coa inxustiza, a explotación e a desigualdade. Por iso, a Igrexa acompaña e defende á xente de mar. A través do mar a Igrexa formouse e estendeuse por todo o mundo. Partindo e desembarcando en portos afastados, os Apóstolos e os misioneiros levaron a Boa Nova até os confíns da terra. A experiencia de entón pode ser tamén unha inspiración para a Igrexa de hoxe.

En España cada ano a Igrexa celebra o Día das xentes do mar coincidindo coa festa da súa patroa, a Nosa Señora do Carme, ou sexa, o 16 de xullo. O lema desta xornada no 2024 é «Coidade dos mares; coidade das súas xentes»

Cada día un novo comezo feito de Confianza

Para recomenzar cada día de novo,

pon a túa Confianza no Espírito Santo.

El habita no teu corazón.

Non te apoies soamente na túa propia fe.

Apóiate nos que che precederon e

nos que hoxe che acompañan.

(CC. 1983 – Irmán Roger de Taizé)

 

A presenza do Espírito fai que nos consideremos amados e, cando alguén nos revela o valor da nosa vida, podemos saír dos muros que nos protexen e comezar a vivir.

Para El non somos anónimos, somos “alguén”. Ámanos como a “únicos”, é a nosa Fonte de Confianza. Desde El poderemos «nacer de novo cada día».

Temos que achegarnos cada día ao noso interior e contarlle toda a nosa verdade, baixar até o último recuncho da nosa vida e presentarnos ante El tal como estamos, non temos que esconderlle nada.

Abrirnos á súa presenza e ser vivificados por El fainos posible comezar a cambiar. Sentirnos necesitados cada día de entrar nunha relación viva con El; sen esa relación non hai vida.

Iremos así descubrindo a importancia da Fe-confianza para experimentar a Vida e percibir a   Presenza liberadora de Deus na nosa vida. Sen Fe e sen Confianza nel non hai liberación profunda nin vida en nós. Xesús convídanos a vivir sempre na Confianza, mesmo nas dificultades. El sácanos do queixume e das tristezas e fainos recuperar a esperanza: devólvenos o gozo da vida.

Veu a darnos vida a través dunha relación persoal con cada un de nós!

Todos estamos, dalgún modo, feridos pola ausencia de relación. Podemos quedar atrapados na tristeza, na violencia e mesmo no odio, pero Xesús vén até nós, tómanos da man e dinos, como á filla de Xairo: “Dígocho a ti, érguete”. Ese “Dígocho a ti” expresa a relación persoal na que somos devoltos á vida.

Que cada día novo volvámonos a El para dicirlle:

Ti, Xesús Resucitado, viñeches para sanar o que está enfermo de nós, para salvar a quen se ve deprimido e para devolver a dignidade a quen a perdeu, dános a forza da túa Vida e ábrenos a un futuro de esperanza e de alegría. E, así será un…

Bo verán para todos!

Parroquia do Bo Pastor

[Artigo orixinal]

 

A %d blogueros les gusta esto: