Restaurado o retablo da igrexa parroquial de Santo André de Ribeiras de Miño

Retablo de Santo André de Ribeiras de Miño, antes e despois da restauración

A igrexa da parroquia de Santo André de Ribeiras de Miño -Ferreira de Pantón- ten un retablo barroco do século XVIII que estivo a ser restaurado nos últimos meses nunha intervención financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura. O domingo 28 de xullo organizouse unha exitosa xornada de difusión sobre o traballo realizado.

Durante os traballos de restauración atopouse unha inscrición segundo a cal o retablo, profusamente decorado, quedou terminado en 1789. Descoñécese quen foron os seus autores. As esculturas son de factura popular e presentan unha calidade artística de talla moi notable.  Destacan dúas figuras humanas que, situadas en ambos os extremos da base do retablo, parecen soster todo o conxunto. É algo infrecuente nun retablo desa época, aínda que na Ribeira Sacra si hai máis presenza deste tipo de esculturas.

Entre outras actuacións, reparáronse gretamentos e restituíuse a pintura perdida respectando a coloración orixinal. Os restauradores foron Ana Celard Fernández, Clotilde Lemoine e Mario Trujillo  (Conservatio).

A igrexa parroquial de Ribeiras de Miño, no lugar de Ribela, foi construída no século XVII. Conserva elementos de épocas anteriores e tamén pasou por diversas reformas en tempos posteriores á súa edificación.

Curso presencial, en liña e diferido sobre o Evanxeo de San Xoán

O Doutor en Teoloxía Dogmática Napoleón Ferrández Zaragoza impartirá un curso sobre o Evanxeo de San Xoán que organiza a Universidade Eclesiástica San Dámaso en 8 sesións repartidas en cada un dos 8 meses que van de outubro de 2024 a maio de 2025.

Os participantes no curso accederán a unha actualización dos últimos estudos sobre o evanxeo xoánico, penetraranse no tempo de Xesús e nos lugares onde suceden os feitos. O Evanxeo de Xoán preséntase como un relato profundamente asentado na historia e na cultura onde transcorre a vida, morte e resurrección de Xesús.

Programa:

  1. O texto de San Xoán 1 de outubro de 2024
  2. Quen é Xoán, fillo de Zebedeo «Este é o discípulo amado que dá testemuño destas cousas» (Xn 21,24) 5 de novembro de 2024
  3. «Acampou entre nós»: o Prólogo de Xoán «No principio existía a Palabra» (Xn 1,1) 3 de decembro de 2024
  4. «O vello pasou; mirade, existe algo novo», de Caná a Cafarnaúm «Despois disto houbo unha festa» (Xn 5,1) 8 de xaneiro de 2025
  5. A Pascua no corpo de Xesús «Achegábase a Pascua» (Xn 2,13) 4 de febreiro de 2025
  6. A Paixón empeza nos pés dos Apóstolos «Comprendedes o que fixen convosco?» (Xn 13,12) 4 de marzo de 2025
  7. «Velaquí o Home», a Paixón de Jesús 1 de abril de 2025
  8. Resurrección de Xesús e sabedoría das feridas

Para quen siga o curso de maneira presencial ou en liña en directo, o horario de cada sesión é de 18:00 h. a 19:00 h. cada un dos días sinalados enriba.

[Máis información]

Peregrinación promovida por Franciscanos da Terceira Orde Regular

Na súa peregrinación de cinco días polo Camiño Primitivo, o 29 de xullo, despois do rezo de laudes, comeza en Lugo unha nova etapa da peregrinación promovida por Franciscanos da Terceira Orde Regular. Entre os peregrinos hai fregueses da parroquia madrileña do Santo Neno de Cebú e alumnos do colexio da Porciúncula de Palma de Mallorca. O obxectivo da peregrinación é “deixarse converter polo Señor e buscar o amparo do Apóstolo”.

Indulxencia con motivo da Xornada dos Avós e dos Maiores

Con motivo da IV Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores, que se celebrará o próximo 28 de xullo e que terá como lema “Na vellez non me abandones” (cf. Sal 71,9), o Papa Francisco concedeu a indulxencia plenaria aos fieis que asistan ás misas dedicadas a este propósito ou visiten ás persoas maiores que están soas.

A Penitenciaría Apostólica publicou un decreto, no que se indica que a Indulxencia será concedida “nas condicións habituais (confesión sacramental, comuñón eucarística e oración segundo as intencións do Sumo Pontífice) aos avós, aos maiores e a todos os fieis que, animados por un verdadeiro espírito de penitencia e caridade, participen nas diversas celebracións que terán lugar en todo o mundo”.

Ademais, para subliñar que a visita é unha ocasión de reconciliación e de perdón, tamén será posible obter a indulxencia visitando ás persoas maiores que vivan soas no seu barrio ou que estean aloxadas en centros residenciais.

Deus e a ciencia: novas perspectivas

Ten algo que ver coa ciencia a cuestión de Deus? É posible ser crente e científico? Poden coexistir harmonicamente a relixión e a ciencia? Cal é a relación esencial da teoloxía coas outras ciencias? As cuestións son semellantes, pero as respostas son moi complexas e diversas. Aquí non pretendemos máis que convidar a unha reflexión previa ao redor desta cuestión na que nos precederon tantos científicos, teólogos, filósofos, poetas, literatos e pensadores en xeral. Algunhas respostas fundamentadas si son posibles e certeiras.

En primeiro lugar, se profundamos no tema, observamos que hai unha relación fascinante entre Deus e a ciencia. A ciencia logrou grandes avances na comprensión do mundo natural e desentrañou os misterios do universo dunha maneira asombrosa. É necesario destacar que moitos científicos prominentes foron crentes ferventes como xa publicou o meu amigo o teólogo e sociólogo Antón Negro. Entre outros: Isaac Newton, quen establece os fundamentos da mecánica clásica e enuncia a lei da gravitación universal; Gregor Mendel, monxe católico que funda a xenética coas famosas “leis de Mendel”; Albert Einstein, a teoría da relatividade; Francis Colins, director do Proxecto do Xenoma Humano; Lavoisier co seu famoso principio: “Nada se perde, nada se crea, todo transfórmase”; Laplace quen contesta a Napoleón coa pregunta: Como explica todo o sistema do mundo sen mencionar a Deus?

Precisamente esta é a cuestión que presentan con gran traballo e dedicación os enxeñeiros Michel-Yves Bolloré e Olivier Bonnassies, no seu libro: Dios. La ciencia. Las pruebas. El albor de una revolución, Madrid, 2023 (576 pp), obra que recomendo encarecidamente para as lecturas deste verán e que se colocou enseguida na lista dos libros máis vendidos en Francia. Nela móstrase a fecunda relación entre teoloxía e ciencia. É estimulante e nova, elaborada traballosamente ao longo de tres anos e coa axuda dunha vintena de científicos para rastrexar as probas da existencia de Deus que ofrecen as diferentes disciplinas nos últimos catro séculos. Lectura probablemente descoñecida, especialmente para tantos que se atreven a falar de Deus, da relixión, de teoloxía e da Igrexa sen informarse convenientemente xa que de todo hai na “viña do Señor”.

Os autores anuncian as súas propostas como unha revolución fronte ao materialismo que dexenerou no positivismo coa idea de que un Deus creador era incompatible con calquera razoamento empírico. É curioso que o prólogo á edición española corre a cargo da ensaísta Elvira Roca Barea, pouco próxima ás teses do divino, pero quen afirma que: “é posible que a idea de Deus, en calquera das súas manifestacións, móstrese máis lonxeva que o Big Bag e sobreviva ao final da nosa civilización, porque quizais Séneca tiña razón nas Cartas a Lucilio (XIX, 117, 6)  cando pensaba que -nec ulla gens usquam est adeo extra leges moresque proiecta ut non aliquos deos credat-, é dicir: non hai pobo en ningures, tan afastado dos costumes e de toda lei ou moral, que non crea nalgúns deuses”.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: