Nunha información sobre cine atopei que a empresa Hershey Foods, fabricante dos caramelos recheos de chocolate, “Reese’s Pieces”, chegara a un acordo coa produtora da película ET (1982) para que o neno protagonista, Elliot, deixase á vista do extraterrestre unha ringleira deses caramelos ata súa habitación. Non aparecía o nome deles pero si o envoltorio, co que se incrementaron as vendas da empresa máis do 65 %. Así o millón de dólares que a empresa gastou na promoción publicitaria da película ET foron moi rendibles. A realidade é que quen pagou realmente eses cartos foron os consumidores.
Unha botella de Heineken aparece destacada na man esquerda do axente 007 que está na cama acompañado dunha muller en segundo plano a súa dereita e el bebe un grolo. Esta botella coa marca ben visible dura breves instantes na película Skyfall (2012) da saga James Bond, e custoulle á cervexeira 36 millóns de € e o super-axente non bebe o tradicional Martini.
Cada comezo de temporada BMW e Cupra regalan por un ano un dos seus coches, a elixir, aos xogadores do R. Madrid e do Barcelona que sen dubida pagarán os compradores, nós. O mesmo pasa cos coches e demais dádivas que se regalan nos concursos televisivos. Afírmase que pagamos arredor de 2000 € de publicidade para que nos convenzan de que merquemos un determinado coche.
O “Corn Flakes” de 500 gramos co seu envoltorio de deseño co galo Cornelio e o logotipo da NBA custa 2,99 € (5,98 o Kg) mentres que o quilo de millo sen tostar vale bastante menos de 1 €… poderíase seguir con moitos máis produtos, pois na economía capitalista cóidase tanto o deseño e a aparencia que ata se enceran as mazás, laranxas…
Nos telexornais e eventos dos medios de comunicación audiovisual aparecen desfiles de moda nas que as/os top models máis solicitados cobran varios millóns de € anuais por portar vestimentas… que pagamos os que mercamos a roupa, quizais matinando no subconsciente en ser tan admirados polos demais como son os/as que a exhibiron nas pasarelas.
Por iso na política é interesante observar como se visten, peitean e camiñan-están os políticos e como van cambiando as súas vestimentas e peiteados co tempo… Teñen gran coñecemento e creatividade os peiteadores e asesores de vestimenta (imaxe) dos políticos. Só fai falla ollar con detemento unha tempada. Isto lémbrame unha entrevista a quen fixera a súa tese de doutoramento sobre campañas electorais e ante a afirmación do periodista de que el prefería aos que eran auténticos contestoulle: “Si houbo unha vez un que era auténtico e durou 15 días. Outra cousa é dar imaxe de auténtico”. Por iso os políticos fan máis caso aos asesores de imaxe que a intelectuais, moralistas…
Nesta sociedade do envoltorio e das aparencias é un dogma aceptado ao pé da letra que “non hai unha segunda oportunidade de causar unha primeira impresión”. Lembro o artigo “cegados pola primeira impresión” (El País Semanal 27-I-2013) que ía acompañado dun debuxo sectario realizado con intelixencia e perversidade contra a Igrexa, que ademais non tiña nada que ver co contido do artigo.
Dáselle tanta importancia ao envoltorio da persoa nesta sociedade que detrás desa aparencia non hai nada, só baleiro existencial, o que explicaría os suicidios de xoves influencers exitosos e doutros personaxes admirados polo público.
É tan determinante a vinculación coa aparencia que xa non teñen influencia real na vida da xente frases coñecidas como: “aínda que a mona se vista de seda, mona queda”, ou do libro máis lido, o evanxeo: “Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que limpades por fóra a copa máis o prato e por dentro estades ateigados de roubos e vicios!… vos parecedes aos sepulcros encalados, que por fóra parecen fermosos e por dentro están cheos de ósos de mortos e de impureza! Tamén vós por fóra parecedes homes xustos, pero por dentro estades cheos de hipocrisía e inxustiza” (Mt. 23, 25-28)
Por iso é de máxima importancia que as persoas desde nenos cultiven o interior e lle dean, atopen, un sentido real e transcendente ás súas vidas para vivir con ledicia sendo útiles á humanidade. Para formar unha personalidade responsable necesítase silencio, interioridade, escoita da conciencia, escoita dos outros, irmáns, e do Outro, Deus. Precísase reflexión, diálogo e oración.
Antón Negro
Delegado Episcopal de Cáritas