Oración das Nais

 

Oración das Nais é un encontro semanal para rezar especificamente polos fillos. Tamén se reza por maridos, netos, afillados e sacerdotes. En Lugo os encontros iniciáronse na capela da igrexa de Santiago A Nova o luns 27 de maio ás sete da tarde e seguirán cada luns no mesmo lugar á mesma hora. Quen desexe incorporarse pode facelo.

Presentación do caderno da campaña “Coidar o traballo. Coidar a vida”

É unha actividade organizada pola IOAC-HOAC de Lugo que se celebrará o sábado 25 de maio ás 5 da tarde no salón parroquial da igrexa da Milagrosa (Lugo).

No Caderno que se presenta ofrecése unha reflexión sobre o que significa coidar o traballo, coidar a vida, para convidar a comprometerse en que creza ese coidado do traballo para a construción do ben común na nosa sociedade. Faise explicitamente desde a proposta da Doutrina Social da Igrexa.

Contidos do Caderno:

  • A cultura do coidado
  • Coidar o traballo

 – Un traballo que coide a casa común

  – Un traballo que coide a sociedade

  – Coidar aos traballadores e traballadoras: o traballo digno

  • A dignidade do traballo

Sesión de formación na Ermida (Quiroga)

O sábado 25 de maio ás 20 h no Santuario Nosa Señora da Ermida (Quiroga) continúan as sesións de formación con motivo da coroación canónica da imaxe da Virxe dos Remedios. Tratará sobre a dignidade da persoa, a dimensión moral da vida humana, o pecado e a graza, temas sobre os que disertará o Vicario de Coordinación Pastoral, Luis Manuel Rodríguez Pérez:

  • A dignidade da persoa (Gaudium et Spes 12, 17)
  • Dimensión moral da vida humana
  • A conciencia (voz, eco, luz, xuíz, testemuño, corazón)
  • O pecado (Catecismo da Igrexa Católica; Gaudium et Spes 13; Gál 5, 19-21; Mt 15, 19-20)
  • A graza (Antigo e Novo Testamento, Catecismo da Igrexa Católica)

Carreira solidaria en apoio ao Centro San Vicente de Paúl

O Centro Residencial San Vicente de Paul, para persoas dependentes con discapacidade intelectual, AFADI (Asociación de familiares e amigos de persoas con discapacidade intelectual) e o deportista Óscar Domínguez Rodríguez, con ampla experiencia en eventos solidarios, organizan unha carreira solidaria de 50 horas, ao longo da Muralla romana de Lugo. O acto comeza o 24 de maio ás 9:00 horas e remata o 26 de maio ás 11:00 horas e desenvólvese baixo o lema “Enchendo de vida cada paso”

Trátase de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e, na medida do posible, recuperalas e promovelas co fin de brindarlles apoio para mellorar a súa autonomía e facilitar a súa inclusión social e laboral. E o obxectivo do evento tamén é visibilizar esta realidade na cidade de Lugo.

Co recadado cubriranse as seguintes necesidades:

  • Material para favorecer a estimulación (1.451€)
  • Mobiliario especializado (4535€)
  • Equipamento sala Snoezelen (2.080€)
  • Programa de lecer: actividades deportivas, estivais e de inclusión social. (3.450€)

Encontro de movementos e confrarías da Diocese

O luns 20 de maio no salón de actos do Seminario presentáronse os movementos e confrarías da Diocese para unha toma de contacto para levar a cabo un traballo conxunto de cara ao vindeiro curso e baixo a coordinación de Miguel Asorey Otero, que presidiu o acto. Ao final do mesmo interviu Miguel Ángel Mouriz Lamas, que participou no Encontro de Laicos sobre o Primeiro Anuncio o mes de febreiro en Madrid. Comentou os obxectivos do Encontro para que os movementos da Diocese os faga propios e que se reflexione sobre eles sabendo que se está en comuñón coa Igrexa:

Eses obxectivos son:

  • subliñar a comuñón das distintas vocacións do Pobo de Deus;
  • insistir na vocación bautismal, que nos fai evanxelizadores;
  • tomar conciencia de que todos os ámbitos sociais son espazos privilexiados para o anuncio do Evanxeo;
  • e concretar e impulsar procesos e proxectos para os vindeiros anos que axuden na tarefa do Primeiro anuncio e faciliten, a través da formación e mediante camiños de discernimento comunitario, a creación de espazos de acollida, escoita, diálogo e acompañamento nos distintos ámbitos, así como a construción de estruturas que favorezan a evanxelización.

Miguel Ángel Mouriz tamén lembrou os conceptos que máis soaron no Encontro: anuncio, acompañamento, formación, vivencia da fe, comuñón, testemuño, compromiso.

A %d blogueros les gusta esto: