Colecta pro Terra Sancta

Con motivo da celebración un ano máis, da Semana de Paixón, abrazados polo don marabilloso do Deus que se fai un de tantos e ábrenos as portas do paraíso, sentimos especialmente sensibles ao que sucede en Terra Santa. Por iso oramos intensamente pola paz. Neste ano 2024 celebramos dous eventos vinculados á veneración da Santa Cruz. Trátase de senllos Anos Santos, até o día 15 de abril en Santo Toribio de Liébana e durante todo o ano en Caravaca de la Cruz (Murcia). Así mesmo, conmemoramos o oitavo centenario da estigmatización de San Francisco de Asís no monte Alvernia, en Italia. Todos eles memorandos de profunda significación espiritual que nos vinculan tamén a través da evocación da Santa Cruz a Terra Santa.

A Colecta Pontificia de Semana Santa implica un xesto de solidariedade para coas comunidades cristiás que viven en Terra Santa e desta maneira contribuímos a soster a presenza cristiá naquelas terras, así como as importantes obras sociais, culturais e o sostemento dos santuarios vinculados á historia da nosa redención.

Grazas por colaborar. Grazas por facer posible que non se borre a pegada cristiá na nosa común patria espiritual. Terra santa, Deus bendínos. Se me esquezo de ti, Xerusalén, que se me paralice a man dereita, que se me pegue a lingua ao padal se non me lembro de ti, se non poño a Xerusalén no cume das miñas alegrías.

Frei Francisco Castro Miramontes

Peregrinacións en abril

Peregrinación a Polonia “Tras os pasos de San Xoán Paulo II” organizada pola Delegación Episcopal de Peregrinacións da Diocese de Lugo.

Do 4 ao 11 de abril de 2024 visítase Varsovia, Chestochowa, Auschwitz, Wadiwice, Minas de Sal, Cracovia…

Polonia, un país excepcional de tradición milenaria situado no corazón vello do continente, situado a beiras do Vistula, foi e segue sendo protagonista a nivel europeo, é aqui onde naceron e creceron grandes polacos como poden ser: Juan Pablo II ou Frédéric Chopin, entre moitos outros. Durante séculos, Polonia tivo a fama de ser un país sumamente tolerante, acollendo minorías étnicas que buscaban refuxio nas épocas axitadas da historia.

Descóbrese como foi a vida de Xoán Paulo II e outras personalidades que foron e son de gran importancia para a relixión cristiá.

Máis información:  Juan Corpas   662 184 834  juan.corpas@ttecum.com

 

Peregrinación ao Carballiño

O sábado 13 de abril as parroquias de Castroverde, Meira e Sarria organizan unha peregrinación ao santuario do Carballiño. Hai dúas modalidades: 1) andaina, participación na Misa e xantar; 2) chegada en bus ao santuario, Misa e xantar.

Información  Meira (658 370 318); Sarria (625 646 558); Lugo e Castroverde (667 677 363).

Festival infantil organizado por Mans Unidas

Na tarde do 21 de marzo, Mans Unidas Lugo organizou un festival infantil no salón de actos da Delegación en Lugo da Xunta de Galicia. A motivación do evento era agradecer a participación de escolares en campañas solidarias a prol dos proxectos de Mans Unidas e tamén no Festival de Clipmetraxes. Unha primeira actuación foi do mago Roberto Lolo, a quen seguiu a contacontos Profe Alba. Os nenos presentes, dos colexios Divina Pastora, María Auxiliadora, Franciscanos, recibiron como agasallos publicacións de Mans Unidas. E tamén houbo un recoñecemento para os membros do xurado do Festival de Clipmetraxes, José Manuel Castro Alba e Alfonso Díez Veiga (representado no acto por Alfonso Díez Yáñez).

[Fotos]

Cadea Eucarística

O 21 de marzo ten lugar en España a Cadea Eucarística da Coresma 2024.

A Igrexa española súmase así a unha iniciativa do Consello de Conferencias Episcopais de Europa que pretende ser signo de comuñón e esperanza para o Vello Continente. Un tempo para considerarnos todos irmáns e implorar a Deus o fin da guerra, tanto en Europa como en Terra Santa.

Oscar González Murado, autor de “Lecturas y lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo”

Oscar González Murado, na presentación do seu libro Lecturas y lectores de la Biblioteca Pública Episcopal de Lugo (1771-1835) o pasado 12 de marzo comentou o proceso que desembocou una nova publicación:

“A Biblioteca Pública Episcopal era unha biblioteca pública da coroa feita con libros que non eran dela. Destinábanse a ela os libros dos bispos que ou ben morrían na diocese ou ben pasaban a outra como era o caso de Armañá (pasou á arquidiocese de Tarragona). Facíanse bibliotecas entón, con libros prestados, e a coroa era quen, previa presentación dunha terna, nomeaba o bibliotecario.

“O certo é que quixen continuar para ver rematada aquel traballo de humanidades, pero nun novo destino, Roma. En Roma sería onde se percibía un novo candor que en Galicia non o había, o gusto polo cuidado do patrimonio e, sobre todo, no meu caso, polo patrimonio librario.

“Retomei o tema no ano 2008 da man dun mercedario, o profesor Stéfano de Fraia, redentor de cautivos, que me transformou a min tamén nun redentor de cautivos, pero estes cautivos eran de papel, pergamiño e pasta española.

“Porque, ao final, un catalogador que se precie é aquel que tomando medidas, describindo gravados, desempolva artefactos que noutrora tiñan un sentido e que agora, pola longa distancia, a simple vista non se pode percibir”.

A %d blogueros les gusta esto: