Adiante! Aninovo

Toc, toc, toc… Adiante! Si, un novo ano chamou á nosa porta, á nosa vida. E abrímoslle a porta felices e expectantes. Benvido, 2024!

Sen dúbida o ánimo que nos anega social e politicamente ao abrirse este novo ano fainos prever un itinerario anual sombrío e inquietante. Pero ser conscientes diso non nos conduce a un pesimismo estéril xa que o crente aposta polo ánimo, pola esperanza, pola novidade que sempre nos agarda e chega con cada ano.

Adiante, aninovo. E, co corazón, un feliz ano a todos. Efectivamente, iniciamos coa mochila, como peregrinos, chea de confianza e optimismo. Así desexamos iniciar e encher todos os actos e días da vida cotiá. Somos conscientes de que cada novo ano é un auténtico regalo de Deus. E dámoslle grazas por permitirnos inaugurar un ano. Porque Xesucristo é a nosa referencia no presente e no devir de cada día do ano. Confiamos en Deus e o testemuño que deamos del faga que sexamos signos de esperanza para todos.

A paz e alegría do corazón non é algo que se nos regalo, senón o froito e a recompensa polo que apostamos e de como vivimos. Fronte ao pesimismo e aos agoreiros, a pesar das noites escuras, comezamos as follas do novo ano redescubrindo que o sol brillo para todos, que hai persoas que desinteresadamente axudan a outras, que un neno nos sorrí, que o amor ao cónxuxe, aos fillos, aos amigos, reconfórtanos, que Deus non nos deixa de amar… feliz ano novo! Quitemos a desesperanza, o desalento, e apostemos pola grandeza e a coraxe que nos achega a fe, que nos devolve a capacidade de mirar ao presente a partir do Señor ao que invocamos como Camiño e dono da vida e do tempo.

Que a bendición de Deus que nos concede este ano novo e sae ao noso encontro neste novo tempo sexa forza, consolo e apoio, e gárdenos en todo ben.

Daniel García García

Párroco de Albeiros e As Gándaras

Xornada da Familia no santuario do Corpiño

O domingo 31 de decembro a Igrexa celebra a Xornada da Familia e no santuario do Corpiño tamén terá lugar o Xubileu das Familias, co seguinte horario:

  • 11:00 Saída do Santuario até igrexa San Pedro
  • 11:30 visita da igrexa de San Pedro e inicio do Camiño dous Pastorciños rezando o Santo Rosario
  • 11:50 chegada á Carballeira do Santuario, Bendición do Peregrino e entrada pola Porta Santa
  • 12:00 Santa Misa cantada polo Coro A Nosa Señora do Corpiño

Ao finalizar a Eucaristía, renovación do compromiso para matrimonios e comprometidos.

A renovación do compromiso terá lugar tamén ao finalizar a Eucaristía das 6 da tarde.

Exposición temporal “Os rostros dos santos”

 Até o día 8 de xaneiro de 2024 no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo permanece a exposición temporal “Os rostros dos santos” que presenta, de forma inédita, unha colección de esculturas de santos e santas procedentes de diversas zonas da Diocese de Lugo, estando salvagardadas de forma habitual nos depósitos do museo.
Destaca a escultura de Eva realizada por Cornielles de Holanda na primeira metade do século XVI e que supón unha das xoias do Renacemento na Diocese de Lugo. Esta imaxe de Eva, de gran tamaño, pertence ao antigo retablo da Capela Maior, sendo sacada del na década dos 90 do século pasado, momento no que se restaurou o retablo.
Outras obras: Santo Andrés (Capela de San Roque), San Antonio (San Martiño de Monte de Meda), San Brais (San Salvador de Insua), Santa Lucía (San Martiño de Caraño), San Eleuterio (Santa María de Teixeiro) ou a magnífica peza do século XVII que supón o San Xoán Bautista de San Xoán da Pena.
Tamén se poden ver varias tallas de virxes dunha destacada beleza e procedentes de parroquias como Santa María de Outeiro ou da lucense Capela de San Roque, completando o catálogo dunha exposición temporal que inclúe tamén a escultura de pedra denominada “Dona do Conde de Vilas Boas”, peza doada por este conde en 1918.
Entre as actividades propostas para este evento organízanse visitas co comisario da exposición e director do Museo Diocesano Catedralicio de Lugo, Marcos Calles, todos os luns, mércores e venres ás 12 do mediodía.
A entrada á exposición ou a participación nas visitas antes citadas non conleva un aumento do prezo con respecto ao habitual da entrada ao Museo Diocesano Catedralicio de Lugo.

Pregón de Nadal

O 20 de decembro tivo lugar o pregón de Nadal no salón de actos de Afundación en Lugo a cargo da directora da Biblioteca Pública Mª Isabel Pérez Fórneas, que comezou dicindo que para preparalo esculcou pola lexislación e atopouse cun recente Real Decreto que declara o belenismo como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

A continuación comentou as  bases da cultura europea, que segundo Paul Valéry é filla de tres civilizacións: Atenas, Roma e Xerusalén. Para o gran poeta francés “é o mesmo dicir civilización europea que civilización cristiá (…) A expresión «civilización cristiá» indica que o ánimo de Europa foi permeado polo cristianismo, e que todas as accións dos europeos, as boas e as menos boas, son comprensibles só con referencia á revolución cristiá (…) o cristianismo falará, máis aló e fronte ao hebraísmo, dun «Deus feito home»”.

Noutro intre a pregoeira sintetizou a historia dos belens desde S. Francisco de Asís.

Isabel Pérez Fórneas tamén lembrou “Un conto do Nadal -verídico- sobre a utili-dade do latín en tempo de trincheiras” fío publicado hai un ano por Irene Vallejo en X (twitter) sobre a tregua de Noiteboa de 1914 (Primeira Guerra Mundial) porque o sucedido expresaba o que debe ser o espírito do Nadal.

Finalizou cunha invitación a visitar destacados beléns de Galicia.

Este acto, que estaba organizada pola Asociación de Belenistas de Lugo, concluíu coa interpretación de panxoliñas a cargo do Orfeón Xoán Montes.

A %d blogueros les gusta esto: