Sen calar ante a inxustiza

Mons. Clemens August Von Galen mantívose firme en contra das atrocidades dos nazis

Hai uns días lía no xornal unha tráxica noticia: o réxime sandinista que goberna Nicaragua con puño de ferro desde o ano 2018 confiscou os bens da Universidade Centroamericana de Managua, propiedade dos Xesuítas e referente académico na rexión. Non é o primeiro ataque do goberno contra a Igrexa Católica.

Os embates sucédense ininterrompidamente desde fai cinco anos, cando as protestas populares e estudantís contra o goberno sandinista foron violentamente reprimidas polas forzas gobernamentais. Houbo máis de 300 mortos e os bispos pronunciáronse valentemente en defensa dos oprimidos. Desde ese intre, a Igrexa estivo no punto de mira das autoridades.

En agosto do pasado ano decretouse a supresión das Misioneiras da Caridade, fundadas por Santa Teresa de Calcuta, cuxo único crime foi a atención aos pobres e aos desamparados. Pouco despois foi arrestado o bispo de Matagalpa, Mons. Rolando Álvarez, que se negou a fuxir do país para non abandonar ao seu pobo. A principios deste ano foi decretado o peche de Cáritas, a institución pertencente á Igrexa Católica que se encarga da asistencia aos máis necesitados, e que tanto ben fai en todo o mundo, incluída a nosa Diocese de Lugo. O seguinte paso foi o peche das universidades vinculadas á Igrexa, sendo a última a Universidade Centroamericana. O ensañamento é tal, que a S. S. o Papa Francisco, chegou a comparar publicamente o réxime nicaraguano co réxime nazi.

Que delito cometeu a Igrexa en Nicaragua? Denunciar a tiranía e protexer ao pobo que sofre, como fixo ao longo da historia. Seguindo o exemplo de Cristo nunca calou ante a inxustiza. Xa no século IV, San Ambrosio de Milán, arcebispo e doutor da Igrexa, fulminou a excomuñón contra o emperador Teodosio pola matanza perpetrada polas tropas imperiais na cidade de Tesalónica. Teodosio só foi readmitido na comunidade cristiá despois de moitos meses de pública penitencia. En tempos máis recentes a determinación da Igrexa en favor da xustiza non sufriu menoscabo. Exemplo diso foi o solemne pronunciamento da S. S. o Papa Pío XI na súa encíclica Mit brennender Sorge (Con ardente preocupación) contra o réxime nazi de Adolf Hitler. Cando o mundo calaba, o Vigairo de Cristo alzaba a voz. Como non lembrar tamén o arroxo de Mons. Clemens August Von Galen, bispo de Münster, en 1940? Ao chegar aos seus ouvidos noticias dos asasinatos masivos de persoas discapacitadas por parte dos nazis, subiu ao púlpito, e coa gallardía propia dun ministro de Cristo, denunciou tales crimes ante o pobo e esixiu que se lles puxese fin. A impresión que xeraron as súas homilías asustou ao réxime de Hitler e fíxolle merecedor do alcume de “O León de Münster”.

Este espírito é o que inspira ao clero de Nicaragua, e por iso é perseguido.

 

Ignacio Felpeto Criado

Sacerdote da Unidade pastoral de Castroverde

[Artículo en castellano]

Peregrinación ao Santuario de Covadonga

A saída de Lugo será o sábado 9 ás 7 h da praza de Bretaña. Ás 12 h celebrarase unha Eucaristía en Covadonga ofrecida pola Unión Eucarística Reparadora de Lugo. Despois de xantar pártese para Oviedo, onde se visita a súa Catedral e a basílica de San Juan. Finalmente o primeiro día asístese a unha conferencia do cóengo da catedral ovetense Andrés Pérez Díaz, que falará da Virxe María como modelo da relación con Xesús. O domingo 10 comeza coa oración de laudes, e o resto da mañá visítase o Monte Naranco. Pola tarde regrésase a Lugo, con visita ao faro de Luarca.

O prezo (120 €) inclúe viaxe, entrada a museos e aloxamento na Casa de Espiri-tualidad Santa María do Aramo en réxime de pensión completa (salvo o xantar do primeiro día). Contactos: Unión Eucarística Reparadora 619 985 881   643 882 169

Palabra e vida

*

O que engrandece a un cristián é facer a vontade de Deus. Isto é o que fixo Xesús: “Velaquí, Pai, que veño facer a túa vontade”, dixo o Señor, nada máis pisar terra. Esta foi a súa gran obsesión: compracer ao Pai. Está debe ser tamén nosa principal preocupación: cumprir a vontade de Deus.

Para iso, cómpre escoitar ao Señor, que nos dá a coñecer o que quere de nós. No Antigo Testamento, falounos por medio dos profetas, comisionados pola divina providencia para comunicar o que Divos espera dos homes.

Ultimamente falounos por medio do seu Fillo Xesucristo, o cal fala como nunca ninguén falou xamais. As súas palabras non son só “Informativas”: son, sobre todo “transformativas”: cambian  totalmente a quen as escoitan. Aos Apóstolos transfórmounos de pescadores de peixes en pescadores de homes; a San Paulo converteuno de perseguidor de cristiáns, en evanxelizador dos gentís. As súas palabras son “espírito e vida”. Xesús vive aquilo que di, e isto confire inmensa autoridade ás súas palabras. E a nós dinos: “Deivos exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós”.

Un novo conferenciante pediulle consello a un vello profesor sobre como debería falar para que a súa disertación fose acertada; e o sabio profesor deulle estes tres consellos: En primeiro lugar, procura que o que digas sexa verdade. En segundo lugar, non molestes a ninguén coas túas palabras; e finalmente, fala coa esperanza de que o que dis vai producir froito.

O primeiro consello cumprirémolo sempre que noso falar se nutra da doutrina de Xesucristo, xa que El é “A Verdade e a Vida”.

O segundo consello levarémolo á práctica, se non ferimos os oíntes co noso xeito de falar, porque desta maneira cumprimos o deber de “amarnos uns aos outros” como recomenda Xesús.

E coa esperanza de facer o ben a quen nos escoitan, poñemos en práctica o encargo de que “vaiamos e deamos froito”, que nos incumbe a todos os cristiáns. A posta en práctica destes consellos do veterano profesor, dá prestixio á persoa que fala e eficacia ás palabras que di.

O Papa Francisco acaba de convidarnos a unha constante conversión, e dinos que o fagamos a tres niveis:

Conversión de actitudes: converternos á persoa de Xesucristo e vivir o Evanxeo con autenticidade.

Acompañar aos irmáns: Escoitándoos, para coñecer a súa problemática e falándolles ao corazón, sen ferir os seus sentimentos.

Denunciar os desaxustes do momento, sen culpar deles a ninguén, senón asumindo cos demais, a responsabilidade que a todos nos incumbe.

Abundemos no anuncio gozoso do Evanxeo, que nos di quen é Xesús e como debemos comportarnos os seus discípulos.

 

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: