Mes: Xullo 2023
Campamento Urbano XXIX organizado por Cáritas
O Programa de Atención á Infancia de Cáritas, coordinado por Ana María Veiga González, organizou durante as dúas primeiras semanas de xullo o Campamento Urbano XXIX, no que participaron 30 nenos de idades comprendidas entre 8 e 14 anos.
Este ano o centro de interese foi: “Exploradores arredor do mundo”, no que se pretendeu concienciar aos nenos sobre os problemas ambientais e as posibles solucións.
Da man das exploradoras, Anastasia e Filiberta “percorreron” distintas partes do mundo e tratáronse temas como as enerxías renovables, a diversidade da flora e fauna, contaminación, desxeo e quecemento global, consumismo e deforestación.
Realizáronse actividades como obradoiros (decoupage, coches, herbolario, polos…), xogos (orientación, concurso enerxético, xogo da reciclaxe, xogo da contaminación, lingua de signos), excursións e visitas (visita á Granxa de Xanceda, praia de Area – Viveiro, piscina municipal, Sociedade Protectora de Animais e Plantas de Lugo)
A realización deste Campamento Urbano foi posible grazas ao traballo realizado polo equipo de 10 monitores voluntarios do Programa de Atención á Infancia, implicados cada ano para que o Campamento sexa todo un éxito.
Non sabemos o que vale a saúde ata que a perdemos
Paréceme que este aforismo pode servirnos para lamentar a falta de culto eucarístico en moitas parroquias pola escaseza de sacerdotes nos últimos tempos. Non valoramos o pan, ata que experimentamos a fame. Non apreciamos a paz, ata que nos declaran a guerra. Non valoran o amor conxugal os esposos que durante algún tempo viviron namorados e felices no matrimonio, ata que un día rompe a harmonía conxugal e solicitan o divorcio, co que nunca soñaran.
Esta foi unha situación que experimentaron os israelitas no seu camiño cara á terra prometida. Durante centos de anos víronse privados de liberdade, escravizados polo poder dos faraóns exipcios. Lembrando agora o mal que o pasaron no estranxeiro, estrañan recuperar a liberdade perdida, aínda que lles custe corenta anos de desterro. Lembrando o pan que lles negaron os exipcios, agradecen o maná que o Señor lles regalou milagrosamente. Lembrando o milagre que supuxo o paso do Mar Vermello, valoran a caudillaxe de Moisés, que os guiou para que non sucumbisen noutros mares. A historia repítese nos nosos días. Hoxe a fuxida non é de Exipto: hai moitas persoas, procedentes do terceiro mundo, que se ven obrigadas a emigrar a outros países, porque no seu lugar de orixe, no canto de pan, hai fame; no canto de paz, hai guerras; no canto de seguridade, hai persecución… Estas situacións move a dirixirse a Europa, “a súa terra de promisión”. Pero moitos atopan a morte en augas do Mediterráneo ou no Estreito de Xibraltar; e os que sorteando moitos perigos, alcanzan as costas europeas, non sempre atopan nas nosas terras o remedio ás súas carencias, senón, moi ao contrario, moitas familias achan miseria e fame negra, e as tendas de acollida ou os campos de refuxiados convértense en caldo de cultivo para moitas enfermidades.
É triste ter que estrañar tempos pasados, pero máis triste é ter que estrañar bens perdidos. Con todo, é esperanzador poder recuperar bens que onte posuïamos e dos cales hoxe carecemos… Fagamos memoria da inocencia da nosa infancia. “Que pena perdela!”. Lembremos o primeiro segredo que tivemos para os nosos pais. De modo semellante a como Adán e Eva escondéronse da mirada de Deus, porque estaban impresentables; tamén un día ocultámonos da mirada dos homes porque estabamos afectados por algo do que agora sentimos vergoña. Feridos e arrepentidos puxémonos en camiño ao encontro do Señor, e nel achamos acollida, paz e perdón… Esta é a historia dun pecador que ao fin descubriu a dita de vivir en graza de Deus e tomou a determinación de mantela a calquera prezo.
Indalecio Gómez
Cóengo da Catedral de Lugo
Cristiás e felices vacacións
Vivimos un novo curso pastoral que comezabamos baixo a guía da carta apostólica do Papa Desiderio desideravi e do escrito do noso Bispo Un encontro actual convidándonos a redescubrir a vida litúrxica despois da pandemia. Agora algúns iniciaron o descanso estival. Outros agardarán a agosto. Como ben sabemos, as vacacións non deben ser un tempo perdido, nin unha paréntese no noso camiño de maduración sobrenatural. Son máis ben un período necesario para o repouso físico e un dereito que todos deberiamos poder disfrutar. As vacacións ofrécennos a oportunidade de crecer, de formarnos, de reconstruírnos por dentro e de recuperar a serenidade e a paz que nos rouban as présas urxentes da vida cotiá. Son días para o encontro e a convivencia, para a charla apracible, para compartir a mesa, gozar da amizade e robustecer as relacións familiares que, ás veces, durante o ano, resultan escasas ou insuficientes.
Pois este período, sexa como sexa, non pode ser unha hibernación das nosas relacións con Deus ou unha fuxida de Aquel no que atopamos o verdadeiro e auténtico descanso. Isto quere dicir que na nosa relación con Deus non pode haber vacacións. Todo o contrario. Ao dispoñer de máis tempo libre, buscaremos espazos para a interioridade, o silencio, a reflexión, a oración e o trato apracible, prolongado e relaxado co Señor.
Como no caso dos discípulos de Emaús, o Señor acompañaranos sempre no noso camiño (Lc 24, 13-15), Queira Deus que nós tamén o acompañemos a El.
Daniel García García
Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras
Centenario do falecemento de Inocencio Portabales Nogueira
Tal día como hoxe hai 100 anos falecía Inocencio Portabales Nogueira e no último número de Lvcensia (nº 66) Marcos G. Calles Lombao publica o artigo “Centenario do falecemento de Inocencio Portabales Nogueira (1848-1923): a man do Abecedario da Catedral de Lugo”. O autor lembra a relevancia histórica deste cóengo natural de Maside (Ourense) destacando a elaboración da súa obra Abecedario da Catedral de Lugo, referencia das principais investigacións sobre a Basílica lucense, e un documento inédito: os resumos das actas capitulares da Catedral de Lugo (1907-1913).
Inocencia Portabales fixo un estudo miúdo do Misal Lucense cunha enorme profusión de datos paleográficos e estilísticos, xunto coa indubidable competencia na materia e o dominio das técnicas da investigación dabondo coñecidas por el.
Publicacións:
Ademais de colaboracións habituais na prensa local, tamén publicou:
Crónica de la octava Peregrinación Española, primera Hispano-americana, a Tierra Santa y Roma
Lugo : [s.n.], 1915 : Tip. de “La Voz de la Verdad”
Historia eclesiástica: acomodada para servir de texto en los seminarios
Ourense, 1894: Imp. de Antonio Otero
Manual de gobierno de las monjas y religiosas en España
Lugo, 1907 : Talleres tip. de G. Castro
Monografía del misal incunable que existe en la sala capitular de la S.B.C. de Orense
A Coruña, 1897 : est. tipográfico El Noroeste
Observaciones acerca de los alimentos en tiempo de ayuno, vigilias y días de abstinencia
[Ourense : s.n., s.a.]
El coro de la Catedral de Lugo, La Voz de la Verdad 1915
Vida y pontificado del Ilmo. Sr. Doctor D. Pedro Casas y Souto, Obispo de Plasencia. Lugo, 1911. Talleres Tipográficos de Gerardo Castro