Lugo vístese de festa neste domingo da Oitava de Corpus para celebrar con gozo a Ofrenda ao Santísimo Sacramento na nosa Catedral. Este ano correspóndelle realizar a Ofrenda, como Delegado Rexio do Antigo Reino de Galicia, ao representante da cidade de Ourense. O Bispo Mons. José Leonardo Lemos Montanet responderalle ao oferente. Renovarase así unha antiquísima tradición que xorde da necesidade de que o Santísimo estivese esplendidamente alumado para que deste xeito se dignificase o culto ao Señor Sacramentado.
Segundo datos históricos, Juan Velo, coengo maxistral, no cabido celebrado o día dous de outubro de 1666, manifesta que estivo na cidade da Coruña cun rexedor e na conversa falouse das posibilidades dalgunha renda do Reino para o alumado do Santísimo. A proposta foi ben acollida por tódolos membros do Cabido e acordaron que o Lectoral, Juan Pallares e Gayoso, fixese un memorial para presentar ás cidades do Reino co fin da concesión dunha axuda. Ao mesmo tempo escribiríase aos prelados “para que ayuden a fomentarlo con sus bondades y que vayan a cada una de ellas un señor de este lugar” (Actas Capitulares, L, 10’). O día 14 de xaneiro confírmase na Xunta do Reino de xeito que “cada año se ofrezca al Soberano Señor en su altar, y a la misa mayor, día del Corpus Christi, en el nombre de este católico Reino, renovando las memorias del origen de sus armas, y por mano de un capitular, caballero regidor de aquella ciudad que las represente a todas”. A historia está escrita con todo detalle e, resumindo, podemos afirmar que as primeiras celebracións realizáronse con gran solemnidade, nun ambiente de alegría e de festa. Segundo consta nas actas capitulares, mesmo houbo fogos de artificio traídos da Coruña para o acontecemento.
A conciencia da centralidade da Eucaristía na vida da Igrexa e a súa importancia para a vida social e política, así como a certeza da presenza real de Cristo Resucitado no Sacramento, permanece clara na Diocese lucense e na cidade.
Esta celebración, tan unida á solemnidade do Corpus, está a recuperarse nos últimos anos. Tanto a Confraría do Santísimo como a mesma conciencia de participación dos lucenses a través das súas parroquias recuperáronse considerablemente. O Festival internacional de órgano, os tradicionais concursos de poesía eucarística e fotografía, os cursos de música, as publicacións, as distintas exposicións, a desinteresada participación das corais, a implicación da Xunta de Confrarías, a Adoración Nocturna e os distintos movementos eucarísticos son expresións dunha vitalidade nova. Asimesmo, a fundación do Centro Eucarístico Lucense, a boa atención aos peregrinos e aos turistas, o recoñecemento tanto da Catedral, o Camiño Primitivo e da Muralla como Patrimonios da Humanidade contribúen ao esplendor e o rexurdimento destas celebracións. Por iso podemos afirmar que o noso orgullo foi profesar aquí con firmeza e fidelidade este misterio da fe, e reafirmar con ledicia que somos e seguiremos sendo a Diocese e a Cidade do Sacramento. Con Valentín Lamas Carvajal volvemos a Lugo a visitar ao Santísimo. Velaquí uns fermosos versos do seu poema “De raiola por Galicia”:
“Vamos a Lugo, vamos alá,
alá que xa!
Pobo en Galicia tan relembrado, a Xesucristo sacramentado
decote mostra na Catedral;
iste é o recordo dunha vitoria, cantan os cregos himnos de groria, brilan as luces no santo altar”.
Mario Vázquez Carballo
Vicario Xeral da Diocese