Celebracións na honra da Virxe de Fátima

A Parroquia do Sagrado Corazón (Estación) de Monforte de Lemos está a celebrar a Novena da honra da Virxe de Fátima a partir das 18:45 h (Santo Rosario, Novena e Santa Misa). O domingo 14 na Misa das 19:30 h haberá celebración comunitaria da unción de enfermos.

O sábado 13 de maio ás 11h celébrase a Eucaristía, e poderá recibirse a Santa Unción, na Parroquia de San Pedro (Lugo). Desde o día 5 está celebrándose a Novena na honra da Nosa Señora de Fátima, que comeza cada día ás 18:30 h co Rosario, para seguir coa Novena e a Eucaristía.

Memorial Luis de Trelles

O sepulcro de Luis de Trelles, en Zamora, é frecuente meta de adoradores, simpatizantes e amigos da Causa de beatificación do fundador da Adoración Nocturna. Peregrínase ante a súa tumba en procura do seu carisma, para que contaxie o seu espírito apostólico e o seu ideal eucarístico.

Para asistir ao Memorial Luis de Trelles desde Lugo, pártese o día 14 de maio ás 8 h desde a praza de Bretaña. O Memorial Luis de Trelles estaba prevista realizala o 7 de maio, pero adiouse ao domingo 14.

Congreso de Educadores Católicos

O sábado 13 de maio a partir das 10 mañá no Salón de Actos do Colexio FEC San Xosé (Lugo) ten lugar o XI Congreso de Educadores Católicos co título de “Identidade do educador católico”. Pola mañá haberá dous relatorios a cargo da Presidenta da Fundación Trilema Carmen Pellicer e a directora de proxectos da devandita Fundación, Beatriz Álvarez. Os títulos dos relatorios son “O educador católico” e “Como será a escola católica do futuro”

A programación da tarde comezará con tres obradoiros – 1) O espertar relixioso e o ERE, 2) Como estimular o pensamento crítico na aula e 3) Experiencias de aprendizaxe baseadas en proxectos. E a conclusión do Congreso de Educadores Católicos faise cunha mesa redonda sobre os desafíos da LOMLOE para a Escola Católica e na que intervirán Carmen Pellicer, Beatriz Álvarez e o presidente de Escolas Católicas de Galicia José Manuel Buján, OFM.

Concerto de Concentus Lucensis na Catedral

O martes 9 de maio ás 20:30 h o grupo musical Concentus Lucensis dá un concerto na Catedral baixo o título “De beata Maria Virgine”. Intercálanse pezas de F. G. Haendel e unha de Vivaldi cantadas polo devandito grupo coral e interpretacións que o organista Giulio Mercati fai do compositor Dietrich Buxtehude.

Día da Irmandade Obreira de Acción Católica – Galicia

O 6 de maio celebrouse na parroquia de San Francisco Xavier de Lugo, o día da Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC).

Nun ambiente festivo dialogouse sobre o tema proposto este ano desde a HOAC xeral, “Tecer vínculos de fraternidade no mundo obreiro e do traballo”.

A continuación, Eloina Ingerto presidenta da EAPN Galicia (Rede contra a pobreza), falou sobre a campaña de vivenda digna e accesible que están a traballar neste momento.

Á hora do descanso e tomando un café de comercio xusto, uniuse o Bispo de Lugo que  a continuación presidiu a Eucaristía.

Na sobremesa do xantar compartido dialogouse de xeito relaxado sobre a asemblea xeral  de agosto e compartíronse as experiencias que se viven nos distintos sectores nos que traballa IOAC: migrantes, xitanos, muller, presos…

A %d blogueros les gusta esto: