Venerouse en Lugo a imaxe da Anunciación profanada en Siria

A imaxe da Anunciación conserva unha das balas que lle dispararon

Na parroquia de Santiago “A Nova” da cidade de Lugo o 26 de abril venerouse unha imaxe da Anunciación a María traído da cidade siria de Homs, onde foi profanada por xihadistas. E o responsable de “Axuda á Igrexa Necesitada” na rexión noroeste, Carlos Tortosa Saavedra, pronunciou a conferencia Cristiáns perseguidos hoxe.

Carlos Tortosa lembrou que no mundo hai 62 países, cuxos habitantes -5.200 millóns de persoas-, non poden vivir libremente a súa relixión. Neses países viven 640 millóns de cristiáns. Un de cada catro cristiáns que hai no mundo poden sufrir actos de discriminación ou persecución: “Non son só cousas puntuais, unha bomba, un atentado, un secuestro, un asasinato, senón que tamén é unha situación permanente na que viven moitísimos cristiáns”.

Boa parte da intervención de Carlos Tortosa dedicouse a mostrar os tres tipos de atacantes da liberdade relixiosa: gobernos autoritarios, como China; nacionalismos étnico-relixiosos (India) e extremismo islamista, como o de Siria e Iraq. Sobre os cristiáns destes lugares indicou Carlos Tortosa que “son a nosa esperanza, porque teñen un tipo de fe incrible e nós somos a súa esperanza tamén, por axudalos a sobrevivir e vivir a súa fe”.

Carlos Tortosa Saavedra

Presentación do libro “El tiempo y la carne” de Tito Suárez

 

O mércores 26 de abril ás 19:30 h na libraría La Voz de la Verdad presentouse o libro El tiempo y la carne de Tito Suárez, que reúne catro poemarios -dous deles inéditos- e constitúe un compendio da produción do seu autor até agora.

Sobre a temática dos seus escritos dixo que “é existencial, a filosofía, a morte, a liberdade, a dor. Por iso non é casual que moitos dos poemas teñan como protagonistas aos nenos e outros moitos aos anciáns. É o arco temporal da nosa existencia. E polo medio hai unha atención especial aos desvalidos, aos que sofren. No fondo non é máis que unha reflexión sobre a nosa condición: todos temos penas, dores, alegrías, pais, irmáns, fillos, imos envellecer, preguntámonos que pintamos aquí. Tamén está a sobrevoar a cuestión da teodicea.”

En canto ao proceso de escritura indicou Tito Suárez: “Adoito facer unha primeira idea, escribo seguido e despois empezo a quitar o que sobra e a adornar. A inspiración ten que pillar traballando. Ás veces sorpréndome porque saíu redondo e outras veces dáslle mil voltas, rompes…”

O autor imparte clases no Instituto Teolóxico Divino Mestre de Ourense, no Seminario Menor de Ourense e no Centro de Ciencias Relixiosas San Martiño.

Encontro de nenos de Primeira Comuñón

O sábado 22 de abril de 10:30 a 17h tivo lugar no Colexio María Auxiliadora un encontro de máis de 200 nenos de Primeira Comuñón de Lugo.

Estaban convocadas todas as parroquias, todos os nenos da catequese de Primeira Comuñón para participar nun gran xogo titulado “Os piratas do clan de Xesús”. Os participantes, distribuídos en grupos, superan distintas probas e así conseguen ensamblar todo o necesario para navegar no barco pirata do clan de Xesús. Ao superar cada proba recíbense distintivos: parche en forma de corazón, bandeira da amizade, vela do Espírito, o gancho do cariño, o loro da alegría… A festa  ten  como  obxectivo  achegarse a Xesús, que é o anfitrión.

Xornada de formación permanente

O director do Secretariado de sostemento da Igrexa (Conferencia Episcopal), José María Albalad participou na mañá do 19 de abril na Xornada de formación permanente da Diocese de Lugo. Comezou a súa intervención explicando as claves teolóxicas da corresponsabilidade económica

– Hai unha decisión libre e consciente de seguir a Xesucristo sen importar o custo

– Seguimento en todas as dimensións da vida e ao longo de toda a vida

– Gratitude: hai conciencia do moito recibido e o desexo de compartir eses dons

– A relación crente-comunidade é básica e ten a dobre dirección: recibir e dar

– A corresponsabilidade é estilo de vida (testemuño), tempo, cualidades, oración, apoio económico

– A actividade da Igrexa está ao servizo da comunidade humana, buscando a integración dos débiles, colaborando na extensión do coñecemento de Deus.

Finalmente, José María Albalad enumerou varias ideas sobre a economía das parroquias:

– O párroco lidera o camiño.

– A formación en liderado é unha prioridade: Consello pastoral parroquial, Consello de asuntos económicos, plan anual de corresponsabilidade

– A corresponsabilidade é un tema que debe estar presente todo o ano (homilías, retiros…)

– O compromiso (anual) preséntase dun xeito atractivo

– Os 4 piares da corresponsabilidade son: hospitalidade, oración, formación e servizo

– Coñécese de preto aos fregueses

– A formación en corresponsabilidade é un proceso ao longo de toda a vida; para as persoas, as familia e as parroquias

Xesús, redentor do mundo

Deus, que é todo amor no seu ser e no seu obrar, creou ao home para ter a quen amar e facelo feliz, e con tal finalidade fixo do mundo un reino terreal, semellante ao reino celestial, para que nel os humanos puidesen ser felices como El mesmo é infinitamente feliz na corte celestial. A este home, a criatura privilexiada da creación, Deus constituíuna raíña do universo, co encargo de que o custodiase e o fixese crecer. Para posibilitar tal labor, a divina providencia regaloulle unha constitución chamada Decálogo, cuxos dez preceptos sintetízanse en amar a Deus, o seu pai, e aos homes os seus irmáns. Pero os homes tentados polas forzas do mal, lonxe de ser fieis á vontade do Creador, foron os seus depredadores e comeron do froito prohibido, e o reino de Deus converteuse en val de bágoas, para os pobres fillos de Adán. Con todo, o bo Deus non desistiu do seu primeiro proxecto e decretou melloralo progresivamente, actuando coa súa providencia amorosa e a súa infinita sabedoría. O primeiro que fixo, foi “poñer a mesa”, enriquecéndoa con todos os bens creados, para satisfacción do home, ao que constituíu dono e señor de todo o creado. En segundo lugar Deus enriqueceu ao mesmo home cos dons da conciencia e do corazón para que o amase con amor filial e o adorase con humildade sincera. Nun terceiro momento, decretou a redención da humanidade por medio do seu Fillo Redentor. Con este xesto, Deus que nunca deixara de amar con amor de Pai, agora xa se ve correspondido co amor do seu propio Fillo, feito home. Diriase que a distancia entre o Ceo e a terra desapareceu. Deus e o home fixéronse amigos. O sangue redentor de Xesucristo purificou o corazón empecatado do home, o cal aínda redimido, segue sendo humano e vulnerable, susceptible de ser novamente tentado; e en evitación de ser novamente ferido, o Señor funda a Igrexa, prolongadora da obra salvadora de Cristo.

Desde este intre, a salvación está ao alcance da man do home, pero o home non queda dispensado da súa responsabilidade. A súa misión é a de colaborar afanosamente na obra santificadora da súa vida persoal e comunitaria. A materia prima xa a temos ao noso alcance. A nosa conciencia capacítanos para distinguir o ben do mal. A nosa vontade fainos preferir a bondade á maldade. Para nós os compañeiros de viaxe non debemos de miralos como competidores no mal obrar, senón como colaboradores no ben facer. Os bens da creación teñen unha débeda pendente co Señor, dador de todo ben. O sol e as estrelas pídenlle correspondencia. Os sacramentos son auxilios espirituais para fortalecer a nosa debilidade. A oración e a piedade lémbrannos que Deus está ao noso carón tendéndonos a man para que non caiamos, e a súa divina misericordia está ao noso lado para levantarnos e podamos continuar camiñando por senda de santidade. A nosa vocación é clara. A divina providencia é xenerosa. As nosas caídas son subsanables e a nosa esperanza, recuperable. Os divinos plans mantéñense en pé. As divinas pegadas están á vista: seguíndoas, alcanzaremos a meta.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: