Charla do misioneiro comboniano Daniel Cerezo

No marco da celebración da Novena da Graza na parroquia San Francisco Xavier, o 10 de marzo o padre predicador Daniel Cerezo deu unha charla sobre interculturalidade. E o comboniano Daniel Cerezo comezou sinalando que a renovación da Igrexa pasa pola interculturalidade, algo que non debe ser visto como obstáculo senón como enriquecemento.

A hospitalidade na Biblia: vese no Levítico, nos Evanxeos… non se practica a desgusto, é amor aos estraños.

Xesús como forasteiro: veu ao mundo como forasteiro, identifícase cos forasteiros, se  nos poñemos ao servizo do forasteiro, seremos merecentes do Reino de Deus.

Xesús como hóspede: o sitio de Xesús é onde chega e o acollen. Xesús cea coa xente considerada respetable e cos indesexables. Sempre está á escoita.

Xesús como anfitrión: intenta que a hospitalidade non sexa unha carga. Na Última Cea ofrécese a si mesmo e vese que a hospitalidade de Xesús esténdese a todos, incluso ao traidor.

Propostas para poñer en práctica a interculturalidade:

  • comida parroquial 1 vez ao mes ou cada 2 meses
  • visitar a domicilio a persoas, tanto sexan da Igrexa como alonxados
  • mes da koinonía
  • que unha persoa da parroquia se encargue de acoller a quen chega por primeira vez,…

Institución do lectorado e acolitado a tres seminaristas

De esquerda a dereita: Jesús, Salomón e Santiago

O sábado 11 de marzo, o Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, instituirá como lectores e acólitos aos seminaristas do Seminario Redemptoris Mater de Lugo: Santiago Lillo, Jesús González e Salomón Nakhal. A cerimonia terá lugar na Capela Maior do Seminario de Lugo, ás 19 h.

O lectorado e acolitado son ministerios son laicais, é dicir, non os reciben exclusivamente os candidatos ao sacerdocio. Recíbense ambos mediante unha oración e bendición do Bispo.

Coresma, apoio para o fundamental

Na Coresma apetece mirar ao autenticamente esencial na vida, sen medias tintas nin componendas. Porque a Coresma consiste en descubrir o fundamental da vida. Vivir desde o esencial.

Por iso, a chamada da Coresma, que é a chamada de Cristo, resulta especialmente actual e necesaria para contrarrestar a cultura lixeira do pensar e actuar que se promove en moitos ambientes. Trátase de deixar todo o afastado do Evanxeo e de ver todo o verdadeiramente humano para redescubrir o primordial, apreciar e saborear a presenza de Deus en cada un. Trátase de resolver os nosos camiños de imperfección, de materialismo, de obsesión polo diñeiro, de consumismo, de adoración da carne, de insolidariedade, de egoísmo, de superficialidade, e de tantos outros males que de nós nacen, por nós viven e de nós aliméntanse.

O fundamental convídanos á plenitude da vida profunda. A enchernos de confianza, sinxeleza, honestidade, misericordia, perdón, actitude de servizo e de fe. A cambiar a pel do corazón. A fuxir do envellecemento prematuro que non soña, non agarda, non se ilusiona, non cambia.

Vivir con plenitude no “mar da vida”, apoiarse no esencial non é doado. Podemos desesperanzarnos, pero motivados polas palabras do Señor, somos convidados a un novo intento, a reverter o noso barro por virtude. A examinar a nosa vida, entrar nun mesmo, e tamizar a propia existencia á luz do Señor, da súa Palabra e da súa Igrexa, para redescubrir con alegría o encontro gozoso, sanante e transformador con Xesucristo.

Xaxún e abstinencia son as prácticas comúns que unen a todos os cristiáns do mundo, de aí a súa importancia. Pero é á oración, á lectura da Palabra de Deus e á caridade, ao que nos convida, sobre todo, a Coresma. Orar máis, privarnos de algo, renunciando a caprichos  e superficialidade, compartir tempo e diñeiro, é vivir a Coresma. Isto é o esencial na vida. Os verdadeiros apoios da nosa vida cristiá. Aínda que no noso tempo sexa ir contracorrente.

Daniel García

Párroco de Albeiros e As Gándaras

[Artículo en castellano]

Escola de formación sobre a Eucaristía

O 7 de marzo no salón de actos do Seminario tivo lugar a terceira sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía. O licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso deu unha explicación sobre o ofertorio e a pregaria eucarística.

Hai catro expresións que constitúen o fundamento da Eucaristía: coller o pan, bendicilo, partilo e dalo. Estas 4 accións seguidas aparecen tamén na multiplicación dos pans e dos peixes (Mt 14, 19) e cando Xesús se manifesta a dous discípulos (Lc 24, 30).

Igual que no comezo da Misa, sobre todo na solemne, hai unha procesión, un canto e unha oración, tamén no ofertorio hai unha entrada, un canto (chamado precisamente ofertorio) e a oración.

Ademais da pregaria eucarística por excelencia -canon romano- hai varias opcións: pregarias eucarísticas II, III, IV. Por sinalar algunha diferencia, dicir que no canon romano insístese máis en que se está ofrecendo un sacrificio a Deus e nas pregarias II, III, IV está menos ausente a mención ao Espíritu Santo que no canon romano.

A seguinte sesión da Escola sobre liturxia será o 23 de maio, que tratará sobre o rito da comuñón.

Sobre a lei

Fronte á febre lexisladora que nos invade, quizá sexa útil lembrar algunhas vellas verdades. San Tomé de Aquino, o Anxo das Escolas, definiu a lei como “unha prescrición da razón en orde ao ben común, promulgada por quen ten o coidado da comunidade”. Esta definición nunca foi superada, pois recolle as notas esenciais que concorren á constitución da lei.

Así pois, a lei é unha prescrición da razón porque esta é o principio dos actos humanos e, en consecuencia, debe ser tamén regra dos mesmos. Se a razón non é fonte da lei, entón éo a vontade. Sendo así, que impediría que adquirisen rango de lei os caprichos do lexislador ou da maioría dos seus representados? Ademais, a lei ordénase necesariamente ao ben común por ser este o fin da comunidade política. Se o ben común non é o fin das leis, entón éo o ben particular. De ser así, quen podería reprender a un político que busca no exercicio das súas funcións unicamente o seu propio beneficio? Non é menos importante a súa promulgación, pois sería absurdo esixir o cumprimento da lei a aqueles a quen non se informou da súa existencia. E, por último, é evidente que só aquel que foi constituído en autoridade pode promulgar leis, pois é propio do superior ordenar ao inferior cara ao fin debido, do mesmo xeito que o cerebro dirixe a acción de todos e cada un dos membros do corpo humano.

Do dito até aquí dedúcese que non poden existir leis inxustas. A lei é, como indicamos, a ordenación da razón dirixida ao ben común, mentres que a inxustiza é a violación do ben común. Pode existir algo que procure o ben común e que o destrúa ao mesmo tempo? Non é necesario ser un virtuoso da lóxica para saber que esta pregunta só pode ser respondida de forma negativa, so pena de incorrer nunha soberana contradición. Con isto non queremos dicir que unha lei inxusta deixe de ser lei por ser inxusta, senón que precisamente por ser inxusta nunca chega a constituírse en lei; e, en consecuencia, non obriga en conciencia a ningún cidadán.

Sendo o ben común o fin da comunidade política, todos os cidadáns están obrigados a procuralo e defendelo na medida das súas posibilidades, tendo en conta o seu estado de vida e as súas circunstancias persoais. Entre os moitos xeitos en que se concreta esta obrigación, ocupa un lugar destacado a debida oposición, por todos os medios lexítimos, á aprobación de normas inxustas que pretenden usurpar o título de lei. Cando o ben da sociedade está en perigo, ningún home honrado pode permanecer inactivo. E neste punto vénnos á memoria aquela cita das Escrituras na que San Pedro e os demais apóstolos lémbrannos que “é preciso obedecer a Deus antes que aos homes” (Feit 5, 29).

Ignacio Felpeto Criado

Diácono da Diocese de Lugo

[Artículo en castellano]

 

A %d blogueros les gusta esto: