Mes: Febreiro 2023
Curso sobre San Manuel González
Do 17 ao 19 de febreiro 2023 terá lugar un curso sobre San Manuel González baixo o título O itinerario misioneiro de San Manuel Gonzalez. Impulsar a mision compartida dos laicos na Igrexa. Será na Universidade da Mistica, Avila (CITeS). Desde Lugo tamén se organiza a viaxe para aistir a este curso de formación para laicos, que conta cos seguintes relatores:
-
Dª Aurora Mª López Medina. Doutora en Dereito, profesora de Dereito Canónico e Diplomada en Teoloxía. Universidade de Huelva.
-
D. Sergio Pérez Baena, Pbro. Vigairo Episcopal e Delegado de catequese e catecumenado (Zaragoza) Licenciado en Catequética.
-
Hna. Monica Mª Yuan Cordoviola m.e.n Doutora en Xornalismo e licenciada en Ciencias Relixiosas. Universidade CEU San Pablo.
-
D Francisco Gómez Gómez. Doutor en socioloxía, profesor de Servizos Sociais e Fundamentos Historia-Xurídicos na Universidade a Distancia (UNED)
Está nas túas mans frear a desigualdade
A desigualdade converteuse na maior ameaza a nivel mundial, porque provoca que millóns de seres humanos vivan na pobreza e morra de fame (Mans Unidas). De feito, estímase que cada nove segundos morre unha persoa de fame no mundo; mentres sabemos ben que non habería motivo algún para iso, existindo recursos suficientes para todos.
Pero tamén é certo que «os proxectos de Mans Unidas cambian a vida da xente» (Irmá Victoria Braquehais, en Camerún); que a nosa contribución, feita con conciencia esperta e, por tanto, organizada, pode dar froitos concretos. Habemos de alegrarnos por poder dicir que está efectivamente nas nosas mans frear polo menos un pouco esta desigualdade; que, grazas a Mans Unidas, é posible chegar a persoas concretas e moi necesitadas, axudándoas realmente.
O traballo organizado é expresión da caridade verdadeira, que é, por suposto, intelixente e por iso busca sempre os métodos e camiños mellores para a súa acción. E, por esta conciencia e este traballo constante, atento ás circunstancias concretas, desexoso de achegar solucións, crece tamén a intelixencia dos problemas e das súas raíces nos modos de vida das nosas sociedades. A campaña de Mans Unidas préstanos tamén este servizo un ano máis.
En efecto, o crecemento da desigualdade é verdadeiramente unha ameaza, de que se pisen a dignidade e os dereitos máis elementais da persoa, de que moitas se atopen en situacións limite.
É un risco que percibimos moi real a partir da pandemia, da observación de que nos extraordinarios procesos vividos: os moi ricos fixéronse aínda máis ricos, mentres crecía a incerteza da maioría, simbolizada polo doloroso fenómeno da inflación.
Esta situación de crise tráenos á memoria como precisamente a familia contribuíu e pode contribuír a combater esta desigualdade e as súas consecuencias, como xa sucedeu noutros momentos recentes. Compréndense entón facilmente as repercusións que pode ter unha politica que non defenda a familia, como a que pon en cuestión a súa identidade e non a protexe nas súas necesidades máis inmediatas.
O exemplo da política familiar pode servir para comprender que desigualdades estruturais poden verse potenciadas por evolucións sociais e decisións políticas. Outros exemplos poderían ser os referidos ás medidas contra o cambio climático, ao uso xeneralizado de algoritmos nas institucións públicas ou en grandes empresas, ao control dos medios de comunicación, etc… que determinan cada vez máis a vida cotiá.
Todo iso pon ante os nosos ollos o aumento constante de instrumentos e capacidades de acción na nosa sociedade, do poder humano. E subliña ao mesmo tempo o significado radical e insubstituible da persoa, da súa conciencia, da obra das nosas mans. O crecemento da capacidade de dominio sobre moitos aspectos da realidade -e sobre as persoas e a sociedade- pode ser ocasión de moitos bens, pero tamén do abuso cada vez máis estruturado do forte sobre o débil, do crecemento da desigualdade.
A campaña de Mans Unidas chámanos así á nosa responsabilidade principal como cristiáns, a vivir a nosa fe con tesón e intelixencia, con profundo realismo, sabendo que faremos así unha contribución concreta a que os moitos recursos da nosa sociedade sirvan ao respecto pola dignidade de todos, á solidariedade real, á loita contra a inxustiza, a pobreza e a fame.
Porque canto máis crece a nosa capacidade de acción, o poder técnico, económico, social e mesmo militar, tanto máis urxe a nosa presenza responsable, a madurez da nosa conciencia, arraigada na fe -no respecto pola verdade-, educada a unha moralidade cuxa raíz e motivo é a caridade.
Vivamos e camiñemos xuntos, como Igrexa, como Pobo nado do amor do Señor, creador e redentor, paciente e sempre activo. Non quedemos sos, para ser máisfecundos en todo o que está nas nosas mans.
E que Deus bendiga especialmente a Mans Unidas, o seu labor cotián a favor dos máis necesitados e o importante servizo que presta a todos nós, convidándonos e axudándonos a vivir mellor o noso ser cristiáns nas circunstancias do noso mundo.
Mons. Alfonso Carrasco
Bispo de Lugo
Frear a desigualdade está nas túas mans
Estamos na semana grande de Mans Unidas, organización da Igrexa en España que loita contra a fame no mundo desde hai xa case 65 anos.
O lema da campaña deste ano, «frear a desigualdade está nas túas mans», convídanos, unha vez máis, a facernos responsables da situación e a pór todo o que está nas nosas mans para cooperar co desenvolvemento dos lugares máis empobrecidos e excluídos do planeta.
Este lema lévanos a pensar naquelas palabras de Xesucristo, «dádelles vós para comer», e noutros moitos milagres nos que liberaba das distintas escravitudes aos que se achegaban a El.
Non se trata de encher estas liñas con datos das persoas que pasan fame no mundo ou das que non teñen acceso á sanidade ou á educación. Sabemos dabondo que non todas as persoas teñen nin os mesmos medios nin as mesmas oportunidades. Aínda que estamos na era da información, agora non se fala destas cousas nin vemos imaxes na televisión de nenos esfameados nin co ventre inchado como hai anos. Pero que non se vexan non quere dicir que non existan.
Non podemos autoenganarnos con iso de que «ollos que non ven, corazón que non sente», porque a realidade é a que é e denúncianos: a desigualdade converteuse na maior ameaza e o maior desafío mundial. Para moitas persoas, pensar en desigualdade e en fame é pensar nun reto imposible, un problema sen solución ante o que non se pode facer nada.
A obrigación, polo menos moral, de axudar aos demais é algo natural no ser humano. O normal é que as persoas nos axudemos na medida das nosas posibilidades. En principio non necesitariamos máis alicientes para facelo, abondaría unicamente co sentimento humanitario.
Pero os cristiáns temos unha motivación máis e maior, xa que Xesucristo veu poñer os medios para alcanzar unha nova orde para os homes: o Reino de Deus, que, como di un dos prefacios da Misa, é «un reino eterno e universal, o reino da verdade e da vida, o reino da santidade e a graza, o reino da xustiza, o amor e a paz».
Trátase dun Reino xa inaugurado, pero que chegará á súa plenitude até o fin dos tempos. Estamos aínda en camiño, mais queremos vivir xa desde agora e adiantar ao tempo presente as condicións dese Reino, que está chamado ser plenificado: que todo o mundo poida vivir en xustiza, amor e paz. Ou, dito doutro xeito, que todos, sen excepción, podamos ter os medios suficientes para levar unha vida digna no material e o espiritual.
Con todo, Deus, aínda que fai milagres, non fai maxia. As nosas mans están chamadas a ser as mans de Deus. Deus pensounos autónomos e deunos a capacidade de loitar coas nosas propias mans contra a fame, a desigualdade e as inxustizas.
Por humanidade, como colaborador do Creador, como anticipo do Reino de Deus, frear a desigualdade está nas túas mans. Colabora con Mans Unidas!
Miguel Angel Álvarez Pérez
Consiliario de Mans Unidas Lugo
Peregrinación a Terra Santa
Coordinada e animada por Frei Francisco Castro Miramontes, entre os días 12 e 21 de febreiro, ten lugar unha peregrinación a Terra Santa desde Galicia.
Día 1: A Coruña – Madrid
Día 2: Madrid – Tel Aviv – Nazaret
Día 3: Monte Carmelo – Caná de Galilea – Nazaret
Día 4: Lago de Tiberíades e a súa contorna – Monte Tabor
Día 5: Xericó, río Xordán; Mar Morto; Belén
Día 6: Ein Karem, Belén, Campo dos Pastores
Día 7: Xerusalén: monte das Oliveiras e cidade vella
Día 8: Xerusalén: Emaús – Monte Sión – Xerusalén
Día 9: Xerusalén – Tel Aviv – Madrid
Día 10: Madrid – A Coruña
Cada día celébrase a Eucaristía nun lugar santo diferente.
Información e reservas: Jesús Martín Arce