Asociación eucarística “Adoradoras Presenciais”

Con motivo dunha celebración das Adoradoras Presenciais, a finais do ano pasado estiveron en Lugo o consiliario nacional P. Postigo e tamén Eugenia Kirkpatrick. Esta asociación eucarística ten as súas peculiaridades: unha devoción forte ao Sagrado Corazón de Xesús, á Virxe e un amor grande á Igrexa e ao Santo Padre. Outros trazos cóntaos Eugenia nas seguintes liñas.

– Fáganos unha presentación das Adoradoras Presenciais

– As Adoradoras Presenciais do Santísimo Sacramento forma parte da Rede Mundial de Oración do Papa (Apostolado da Oración). Trátase de intentar ser os xeonllos do Papa e facer presente diante do Señor a intención que o Santo Padre manda mensualmente a nivel mundial. Esa é a razón pola que nós só facemos adoración unha noite ao mes, que adicamos a rezar por esa intención, e no mes seguinte pola nova intención. Cada unha das 13 dioceses onde hai Adoradoras Presenciais marca o día de mes. En Lugo é o cuarto venres de mes.

– Como se desenvolve cada encontro mensual?

– Comézase co rezo de vésperas, Eucaristía ás 22:30 h, permanécese en silencio ata as 3 da madrugada, intre no que se volve rezar o oficio de lecturas e volvemos a estar en silencio. Ás 5:30 h da mañá rézase o Rosario, laudes e oracións polos sacerdotes, polas vocacións e a intención do mes. Conclúse ás 6:30 h Non sempre resulta doado pasar a noite pero enténdese se temos en conta o amor a Deus e á Igrexa. Ofrécese ese tempo .

– Fálenos de vivencias que teñen as adoradoras

– As persoas que se achegan por primeira vez van con expectativa, impresionadas, porque é un prato forte. A verdade é que unha noite ante o Señor enche de vitaminas espirituais, necesarias para vivir, e ao final da adoración a xente sae transformada e entusiasmada. É moi positivo ter ao Señor tan preto, que nos chame a facerlle compañía durante a noite.

[Páxina web]

Se lles dás 400 euros!!!

Hai uns días falando do proxecto de convidar a mozos a formarse e realizar actividades en grupo, unha das persoas presentes comentou: “Se lles dás 400 €, tes os que queiras!”. A afirmación non é unha ocorrencia momentánea, senón que ten detrás un contexto social, cultural, económico, político e de opinión pública, o que os anglófilos chaman background. Por iso quedoume fixada na mente como unha expresión do intre no que vivimos.

A miña resposta inmediata, que podería parecer que non era pensada, foi así de clara: “Non quero mozos que se vendan tan baratos!!!”.

A frase que dá título ao artigo ten a súa orixe na medida política gobernamental de dar 400 € aos mozos que cumpren 18 anos para que os invistan en produtos culturais dun amplo espectro, incluídos videoxogos, música, concertos… algúns tamén engaden que o viño é cultura… Calquera observador das políticas gobernamentais sabe que esa medida económica é para conseguir o voto dos mozos nas seguintes eleccións e tamén o de persoas próximas a eles. Non nego que o partido de goberno poida ter razóns nese proxecto, nin que a medida sexa eficaz para conseguir o seu obxectivo, aínda que teño as miñas dúbidas.

Como cidadán chámame a atención que lles poñan aos mozos un prezo tan baixo, aproximadamente un terzo do salario mínimo mensual, e que pensen que é abondo para conseguir o seu voto. Por outra banda nalgúns casos até entendería que algúns mozos se vendesen por ese prezo, o que certamente expresaría circunstancias moi difíciles nas que se atopan ou un concepto pouco elevado de si mesmos.

Na vida real toda persoa debe ter claro que a quen se venda por 400 € non o poderá ter por amigo verdadeiro. Con quen así se venda non se pode facer o camiño da vida para afrontar conxuntamente as dificultades que vivir carrexa, nin facer un proxecto de vida matrimonial serio, pois como alguén lle suba a oferta en 50 € vaino a traizoar.

Todos escoitamos a frase de “Roma non paga a traidores”. A sentenza vén de que os romanos sabían que quen traizoaba ao seu pobo por unha cantidade de diñeiro, tamén os traizoaría a eles. Tamén se entende facilmente a aquel xefe dos cántabros que, ante a recompensa ofrecida polos romanos a quen o entregase, presentouse el a cobrala.

Venderse, mesmo venderse barato, non é unha novidade na historia, pois é coñecida a afirmación de “vender a primoxenitura por un prato de lentellas”, aínda que moitos non saiban de onde vén o dito. Así que miremos no libro da Xénese a historia de Esaú e Xacob, polo menos o capítulo 25 versículos 29 a 34.

Non todos se venden, pois a principios do século XX un capataz andaluz nas eleccións achégase aos xornaleiros que estaban na praza agardando a ser contratados. O capataz no canto de contratalos dálles a papeleta co voto aos candidatos do cacique e unhas moedas. Entón un xornaleiro tirou as moedas aos pés do capataz e díxolle: “Na miña fame mando eu!”. Este xornaleiro tiña un alto concepto da súa dignidade e liberdade.

Tamén na época de Franco produciuse un delito de corrupción en varias provincias, polo que o ministro tivo que nomear un xuíz con competencias en todo o territorio nacional. O xuíz dixo ao ministro que o pensase ben pois o investigaría até o final. O ministro afirmou que iso é o que quería. Cando avanza a investigación aparecen persoas importantes implicadas. Entón o ministro pediu ao xuíz que limitase a investigación, pero este respondeulle: “Din que todos os homes teñen un prezo, o meu está por encima da miña cabeza, xa que estou na etapa final da miña vida e só penso en render contas ante Deus e ese é o meu prezo, xa non é deste mundo”.

Nos comezos do Evanxeo (Lc. 4,1-13) atopamos como o Maligno quérelle pór prezo a Xesús mostrándolle os reinos e dicíndolle: “Dareiche todo o poder e a gloria destes reinos… Se me adoras, todo será teu”. Xesús non aceptou ese prezo para o noso ben e de toda a humanidade.

A sociedade necesita o testemuño de persoas que non se vendan, que non traizoen aos seres humanos. Cada un de nós tamén necesitamos esas persoas ao noso carón. Pero, eu estou disposto a ser esa persoa que non se vende nin traizoa?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

[Artículo en castellano]

Funeral por Benedito XVI na Catedral

O 4 de xaneiro celebrouse na Catedral unha Misa Funeral polo papa emérito Benedito XVI. Presidiu a Eucaristía Mons. Alfonso Carrasco, xunto con numerosos sacerdotes chegados de distintos puntos da Diocese. Asistiron representantes de comunidades relixiosas e movementos. Na homilía, o Sr. Bispo lembrou escritos de Benedito XVI, como a súa primeira encíclica e cualidades destacadas da súa figura.

“Quixo mostrar a anchura da razón, superando os seus estreitamentos e reducións. A fondura de intelixencia á que abre a fe e a necesidade intrínseca que ten unha da outra, a fe e a razón, como as dúas ás coas que é posible voar. Puido facelo grazas ao seu estudo constante e a un gran coñecemento histórico, filosófico e teolóxico. Foi sen dúbida, neste sentido, un gran científico, que a historia da teoloxía lembrará con gratitude. Na raíz da súa obra estaba, sen embargo, unha certeza de fe, crecida nas duras experiencias dos seus primeiros tempos de vida”.

Máis, adiante, volveu referirse Mons. Alfonso Carrasco á relación da fe de Benedito XVI co vivido nos primeiros anos da súa vida:

“Tamén para Benedito a fe estaba enraizada no corazón e o afecto. Estaba conformada pola súa experiencia de Igrexa dende neno, pola súa cultura e a súa terra. Non é posible separar a súa fe da súa historia persoal, pero tampouco da súa Baviera natal, dos seus templos barrocos, cheos de luz, tenrura e calor. Nin separala da participación na liturxia popular e coidada, bela, expresiva nos seus ritos e na súa arte, particularmente na música. A fe en Benedito era concreta, vinculada ao particular da súa terra natal, ás súas formas e tradicións”

[Homilía completa]

 

A %d blogueros les gusta esto: