Desde esta semana, Mª Carmen Rodríguez Esperante, está como misioneira segrar en Lobito, Angola. No mes de xullo xa fora a cerimonia de envío, pero os requisitos de entrada no país son longos e complexos. Finalmente concedéuselle un visado de permanencia temporal (estará tres meses e medio) por responsabilizarse da súa estancia no país a congregación das Fillas da Caridade. Esta congregación e Misioneiros Segrares Vicencianos (Misevi) levan a cabo plans de desenvolvemento enfocados na infancia e xuventude. E Mª Carmen Rodríguez vai colaborar coas Escolinhas Omõla Wasandjuka, que son un programa de intervención familiar baseado principalmente na pre-escolarización de nenos de entre 3 e 5 anos. O obxectivo principal é que os menores adquiran competencias e habilidades mínimas tanto na escritura e cálculo como en hábitos de saúde e culturais. Preténdese potenciar o desenvolvemento psicomotor, cognitivo e emocional propio desta idade e, por tanto, preparalos para a entrada na etapa escolar. En Angola a escolarización pública é a partir dos seis anos. A axuda tamén chega ás nais destes nenos, buscando a súa alfabetización. Trátase de establecer unha relación coa familia que permita provocar cambios nos hábitos e organización familiar contribuíndo para a mellora da calidade de vida e a adaptación á escola dos nenos cando accedan a ela con 5-6 anos. Tamén a través de campañas e actividades socioculturais incídese na contorna comunitaria a nivel de barrio para traballar a saúde, e a seguridade.
María Carmen Rodríguez é profesora de Lingua Galega no IES Río Cabe. Hai anos xa contactara co mundo das misións: no ano 1992 colaborou co misioneiro Ramón Jacobo na República Dominicana, no municipio de Enriquillo (fronteira con Haití). E tamén acudiu a unha zona da selva hondureña (Barra Patuca), onde hai misioneiros segrares vicencianos.
Gústame esto:
Gústame Cargando...