Mans Unidas: 24 horas para iluminar o mundo

O sábado 12 de novembro, a partir das oito da tarde, comeza a décima edición de “24 horas para iluminar o mundo”, iniciativa de sensibilización que Mans Unidas desenvolve co obxectivo de iluminar virtualmente o planeta para acabar, xuntos, coas partes ensombrecidas do mundo actual, causadas pola fame e as inxustizas.

O citado día (12 de novembro, 20 h) celébrase unha Eucaristía, retransmitida pola canle de YouTube da organización desde a igrexa conventual de San Francisco, en Santiago de Compostela. Estará presidida polo bispo auxiliar da arquidiocese, D. Francisco José Prieto, e contará coa presenza do vicepresidente de Mans Unidas, D. José Valero, así como das catro presidentas-delegadas de Galicia, en representación das 72 delegacións da organización

Lerase o Manifesto 2022 (especialmente dedicado á unión entre luz, xustiza e paz) e acenderase unha vela, símbolo de esperanza, de unión entre persoas e pobos, de solidariedade e fraternidade.

E desde ese intre, na páxina web da iniciativa (manosunidas.org/24horas) poderán ir véndose fotografías chegadas desde moitos lugares do planeta, formando parte do sinal de identidade da iniciativa: a acción “Acende a chama”.

.

Grazas por tanto

Celebramos un ano máis o Día da Igrexa diocesana, da nosa Igrexa real, próxima, na que vivimos a relación con Deus, recibimos a súa graza e a súa luz, na que camiñamos unidos, sosténdonos mutuamente na fe e a esperanza, axudándonos na intelixencia da vida e a manter a caridade do corazón en todas as circunstancias.

De feito, somos convidados a vivir este día no agradecemento: grazas por tanto, di o lema, por tantas cousas, boas e fondas, máis das que poderiamos contar ou describir.

Por iso, damos grazas a Deus, de quen nos vén este lugar de vida e verdade, próximo e cotián, tan humano e á vez tan divino. As cousas humanas son concretas e Deus achegouse a nós concretamente, nacendo en Belén para quedar connosco todos os días, na nosa terra, nas nosas parroquias e templos.

Celebramos pois este día dando grazas a Deus pola nosa Igrexa diocesana, na que as nosas familias, os nosos catequistas e amigos, os nosos sacerdotes, enriqueceron o noso corazón con tesouros de fe, de certeza do amor de Deus e de comprensión do máis importante na vida; onde nos enriquecemos con grazas singulares, polas que aprendemos o sacrificio, a entrega, o amor verdadeiro, a gratuidade ante o irmán necesitado.

Damos grazas ao Señor Xesús polos nosos templos, polos sacramentos e as celebracións vividas, pola súa presenza constante no don do seu corpo e do seu sangue, por ser pedra angular sobre a que construír a vida, fonte dunha esperanza que non desaparece e sostennos en todas as dificultades.

Damos grazas por todas as axudas recibidas e por todas as que puidemos ofrecer nós; se as primeiras son un consolo que reconforta o corazón, as segundas son unha alegría, que é máis grande ao dar que ao recibir, dixo o noso Señor. Damos grazas pola presenza dos irmáns, por poder vivir unidos, acompañándonos nos ritmos da vida.

O tesouro máis grande está preto de nós, na realidade da Igrexa presente entre as nosas casas, nas nosas rúas e pobos; feita de carne e do alento do Señor, que non nos abandona.

Deamos grazas por tanto, pola nosa Igrexa diocesana. E coidémola: no falar, na axuda e a corrección fraterna, na dispoñibilidade das nosas persoas nas necesidades; pero tamén coa nosa presenza e responsabilidade na vida cotiá, participando de corazón nas nosas parroquias, manifestando con confianza a nosa fe aos próximos e aos afastados. Os xestos do compartir fanse concretos así, na proximidade da nosa Igrexa diocesana.

Pidamos os uns polos outros, polos enfermos, por quen nos necesitan. Pidamos polas nosas parroquias e pola nosa Igrexa, chamada a ser un ben tan grande na vida de todos. Encomendémonos especialmente á protección da santísima Virxe María, nai de Deus e nai nosa. Que pola súa intercesión Deus bendíganos a todos cunha misericordia abundante, nas nosas casas e parroquias; e especialmente como Igrexa diocesana, familia súa nesta terra, un ano máis.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

[Carta pastoral en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: