Bágoas e felicidade

Escena da Resurrección no retablo de Cornielles de Holanda na (Catedral)

Gozo e sufrimento conxúganse simultaneamente, pero conmútanse sucesivamente, e a Igrexa celébraos liturxicamente no primeiro día do mes de novembro na festa de Todos os Santos e na conmemoración dos Fieis Defuntos. O sufrimento precede ao gozo, e o gozo prolóngase tras o padecemento da dor, pero o colorido dun e outro ocupan espazos e tempos diferentes. O mundo é camiño de Ceo, pero non é Ceo. A terra é vereda, pero conduce á morte. A vereda mira á morte, e esta é o final do camiño. Unha e outra condiciónanse mutuamente. O camiño régase de suor, e a meta está perfumada de esperanza. O mundo é lama, e o Ceo é gloria.

Entre o ceo e a terra existe un tempo espacial ao que chamamos vida, cuxas etapas son: morte, resurrección e glorificación. A película da morte é esta: a lingua que deixa de falar; a cegueira dos ollos, que deixan de ver; a xordeira dos oídos, que non perciben o que se nos di, e as bágoas dos seres queridos que choran a nosa agonía; e o consolo dos amigos que nos presentan a morte como un acontecemento normal no proceso da vida, e fálannos doutra vida mellor, na cal cremos os cristiáns. Pola fe sabemos que a morte non é un “adeus”, senón un “até logo”. Para os crentes, a vida non remata coa morte: así o expresaba aquela nai cristiá, que na súa agonía, despediuse dos seus fillos, dicíndolles: “cando faleza, non me despidades dicíndome “adeus”, senón “até logo”, xa que pronto nos volveremos a ver, posto que a nosa vida prolóngase máis aló da morte, onde nos espera a resurrección. A tumba do noso corpo é a fosa funeraria, pero a mansión do noso espírito é o Ceo, prometido polo Señor, ao cal estamos destinados tras a resurrección. Pero da resurrección non temos ideas claras os vivos. Estamos equivocados cando pensamos que resucitar é retomar de novo a vida que tivemos aquí na terra. Non. O proceso é este: ao falecer unha persoa, o espírito abandona o seu corpo, que queda sen vida, e é soterrado no sepulcro ou incinerado no crematorio do tanatorio, e alí permanecerá até o final dos tempos, mentres que a súa alma pasa á eternidade, para recibir o premio ou castigo merecido polo seu comportamento.

Terminado o tempo da creación, o Señor resucitará os cadáveres dos defuntos, e revestiraos dunha corporeidade espiritualizada, para que tamén eles compartan a sorte do seu espírito. Como poderá ser isto, se espiritualizar a materia é contradición in terminis?.

Aquí entramos no misterio. Que viviremos eternamente é unha verdade de fe. O proceso é misterioso e non podemos explicalo, pero podemos crelo, porque a palabra de Deus é infalible. Pois daquela: “Señor eu creo, pero aumenta a miña fe “.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

Os camiños da vida

Así como todo camiño consta de etapas, tamén a nosa historia persoal desenvólvese a través de distintos períodos con diversos matices, que conxuntamente configuran a nosa personalidade concreta: a infancia, a adolescencia, a mocidade, a adultez… e para algúns, a ancianidade, máis ou menos duradeira e progresivamente decrépita.

O pasado do camiño convídanos a lembrar as peripecias do que queda atrás, e recoméndanos pararnos un instante para recuperar forzas, a fin de obter enerxías para poder seguir camiñando coa vista posta nun futuro cada vez máis próximo. Igualmente a historia da salvación consta de dous grandes períodos: o Antigo e o Novo Testamento; a etapa dos mandamentos e a etapa do Evanxeo; a etapa da lei e a etapa da misericordia; a etapa da temporalidade e o futuro da eternidade. E nesta reflexión vénnos á memoria a vida e a morte; a resurrección e a eternidade. Estes dous conceptos atópanse no camiño, pero as súas realidades son totalmente dispares.

Nacemos para a vida, pero no camiño espéranos a morte. Esta dualidade de vida e morte débese á nosa constitución de espírito e materia. Pola nosa condición corpórea, somos naturalmente mortais; pero pola nosa espiritualidade, nacemos para vivir sempre. No camiño espéranos a morte, e máis aló da tumba, está a resurrección esperándonos. Esta característica explica a nosa limitación terrea, á vez que a nosa inmortalidade exclusiva e perpetua.

Aquí intervén a divina providencia, que nos creou con futuro de eternidade, e a liberdade de cada un de nós que nos permite programar un futuro glorioso. E actúa tamén a vontade salvífica de Deus, que nos quere semellantes ao seu Fillo, aquí na terra, para facernos logo compañeiros de Xesús glorificado no Ceo.

Dúas vontades interveñen na constitución plena da persoa humana: a vontade de Deus, que nos creou para facernos felices, e nosa propia vontade que posibilita, positiva ou negativamente, o noso futuro eterno, para que guiados pola súa providencia, conduza os nosos pasos pola senda do ben e coa súa misericordia fáganos partícipes da gloria celestial, coa xenerosidade dun corazón que perdoa e esquece as incorrespondencias que tivemos con El neste mundo de barro e de escasa fraternidade.

Pero entre o aquí de hoxe e o alá de mañá, existe un labor dinámico, cuxa misión é facer desta terra un mundo mellor, unha vida máis bela, e unha Igrexa máis apostólica, para que na nosa sociedade haxa cabida para Cristo, e a súa evanxelización chegue a todos os confíns do orbe. Os nosos misioneiros fan que lembremos ese labor, pois eles, coa súa xenerosidade apostólica fan que a doutrina de Xesucristo sexa coñecida en toda a terra, e que a súa divina Eucaristía alimente a fe de incontables crentes de todas as razas e nacións.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Día das Persoas sen Fogar

Con motivo do Día das Persoas sen Fogar, que se celebrará o vindeiro domingo 30 de outubro, Cáritas lanzou unha nova campaña, que este ano cumpre o seu 30º aniversario. Baixo o lema “Fóra de cobertura”, a iniciativa denuncia a falta de acceso a dereitos, e en especial, a desprotección social que sofren as persoas sen fogar. Coa campaña trátase de facer visible que miles de persoas e familias sofren a vulneración dos seus dereitos sen que exista unha aposta rotunda por parte da sociedade e das políticas públicas por modificar as situacións, pero tamén desde a esperanza e a convicción de que é imprescindible seguir traballando para que todas as persoas poidan acceder aos seus dereitos e sexan incluídas na vida social e comunitaria.

Nos seus 450 centros e recursos orientados ás persoas sen teito, Cáritas atendeu a 37.207 usuarios no último ano.

Segundo o VIII Informe Foessa sobre Exclusión e Desenvolvemento Social en España, presentado a inicios de ano, unha de cada cinco familias no noso país teñen graves dificultades en relación ao acceso e ao mantemento da vivenda.

[Video]

Percorrido pola arquitectura funeraria da Catedral

O luns 31 de outubro ás 17h. na Catedral e no Museo Diocesano Catedralicio de Lugo realizarase durante 45 minutos a actividade denominada “O patrimonio funerario na Catedral de Lugo máis aló do sepulcro de Santa Froila”. O obxectivo é valorar o impresionante conxunto de obras de tipo funerario que se distribúen polo templo, máis aló da peza ben coñecida, sita na Capela de San Froilán, o medieval sepulcro de Santa Froila.

No Museo explicaranse a tumba romana e as lápidas funerarias medievais da vila de Rábade.

A tumba do Cabaleiro Vasco Pérez de Viveiro, no transepto, as tumbas dos García de Gayoso na Capela do Pilar ou a de Pedro da Cal e Catalina da Pena na do Ecce Homo configuran un magnífico exemplo de arquitectura funeraria dos séculos XV a XVII. A gótica xirola da Basílica tamén será centro de atención polas tumbas sitas na Capela de San Xoán ou na Capela de Santiago, poñendo énfase na Capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes, a cal non ten ningunha sepultura no seu interior como parte do voto que os cóengos debían realizar ao entrar no Cabildo.

A Capela Maior da Catedral tamén foi secularmente lugar de enterramento destacado, sendo o lugar de eterno descanso de prelados do século XVIII como Francisco Yzquierdo Tavira, Manuel Santa María Salazar ou Lucas Bustos de la Torre. Tamén o Bo Xesús é lugar de enterramentos de bispos, sendo un caso destacado o do prelado do século XIX Santiago Rodríguez Gil.

A actividade remata na zona visitable do claustro, onde se lembrará aos ilustres cóengos que descansan no cemiterio capitular, construído no corredor sur do claustro en 1803. Sacerdotes como Francisco Vázquez Saco ou Ángel Garrote comparten espazo con outros como Alfredo Lorenzo López, insigne fundador do Museo Diocesano de Lugo.

Na actividade lembrarase a función inicial da Catedral como lugar de enterramento ao longo das súas naves, transepto ou xirola, estipulando os prezos de cada zona e localizando as tumbas de personaxes importantes para a historia de Lugo como Juan Pallares Gayoso (autor do Argos Divina) ou Tomás Ramírez de Arellano (patrocinador da fachada do Bo Xesús).

A actividade terá un custo de 2 euros, contando coa participación de persoal da Catedral e o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo. As inscricións poden facer por teléfono no 683 166 703 ou por email na dirección: catedraldelugo@artisplendore.com.

Organizan: Artisplendore, Catedral de Lugo, Delegación de Patrimonio Histórico-Artístico e Museo Diocesano Catedralicio de Lugo.

Formación Permanente

O mércores 26 de outubro iníciase a Formación Permanente do clero deste curso 2022-2023, que estará centrado na temática do “coidado do patrimonio”. Na xornada do 26 de outubro pode participarse de forma presencial no Seminario e poderase seguir por YouTube na canle da Diocese de forma persoal ou nos puntos de conexión habilitados nas distintas zonas pastorais.

Programa do día 26.

10:00- PRESENTACIÓN – ORACIÓN

10:15- Que entendemos por patrimonio eclesial? Patrimonio material e inmaterial da Igrexa. Relator: D. Pablo Delclaux de Muller. Director do secretariado da Comisión Episcopal de Patrimonio Cultural. Conferencia Episcopal Española.

10:55- PAUSA

11:10- A evanxelización, fundamento del patrimonio eclesial. A forza evanxelizadora do noso patrimonio. Pablo Delclaux de Muller

11:50- DESCANSO

12:10- COMUNICACIÓNS.

Que debemos custodiar?

Introdución. D. José Antonio Ferreiro Varela. Delegado Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico

Arquivo. D. Óscar González Murado. Director Arquivo Diocesano de Lugo

Museo e Catedral. D. Marcos Calles Lombao. Director Museo Diocesano e Catedralicio de Lugo

Igrexas e Depósito. D. Jesús Salvador López. Director Departamento de Patrimonio Histórico Artístico.

12:45- COMUNICACIÓN.

FUTURE FOR RELIGIOUS HERITAGE. Rede europea para lugares históricos de oración. Dª. Pilar Bahamonde González. Directora de Centro de Estudios Lebaniegos y museo Torre del Infantado

A %d blogueros les gusta esto: