Fabrizio Carlo Ferretti peregrina polo Camiño Primitivo e prepara a súa ordenación

Fabrizio Carlo Ferretti Zañartu é un mozo chileno dunha familia de ascendencia italiana. Durante os últimos meses estivo exercendo o diaconado (en tránsito ao sacerdocio) coa súa comunidade Emmanuel nunha parroquia en Marsella. Ao terminar ese tempo de misión quixo cumprir un gran desexo que tiña: facer o Camiño de Santiago antes de volver a Chile e sobre todo para preparar a súa ordenación.

Fabrizio conta que coñeceu o Camiño de Santiago por ver unhas 3 películas sobre o tema e polas redes sociais. E o que lle chama a atención é “a espiritualidade que está detrás dos peregrinos que levan facendo durante tanto tempo esta peregrinación e como a historia da Igrexa vaise cimentando en todo iso”.

Como a idea de Fabrizio é a de facer un retiro durante este tempo de silencio, de oración, de preparación, elixiu o Camiño Primitivo, pois dixéronlle que estaba menos concorrido, ao ser máis complexo.

“Empecei o 1 de agosto en Oviedo. Os primeiros días foron moi gratos, despois resultaron complexos desde o punto de vista físico, pero a verdade é que non vou correndo e o Señor dá o espazo e a graza, polo que se fai moi levadío. A miña idea é adicar tempo ao silencio, ademais de apreciar a bondade e a beleza da creación, que leven o meu corazón á oración. Foi moito máis do que esperaba: un encontro precioso co Señor”.

Experiencias concretas vividas:

“Unha das cousas que lle pedía ao Señor era poder participar na Misa todos os días. Só dous días non foi posible. En Grandas de Salime, por exemplo, os sacerdotes acolléronme moi ben: tiven conversacións sobre a vida do ministerio con 3 sacerdotes: Alan, Diego e César. Todos os días atopo persoas de distintas nacionalidades e idiomas, coas que falar do Señor. É unha graza moi fermosa, que me pide estar atento, dispoñible a escoitar, a ir máis lento ou máis rápido para ter un encontro coa outra persoa e falar do Señor”.

E como conclusión:

“No Camiño gran parte do traballo que pode facer o Señor vese máis potenciado se os irmáns que están no Camiño ofrecen un sorriso, unha bendición, unha axuda. En fin, é un chamamento a quen lea isto para que diga “Bo camiño”, “recibe a bendición de Deus”, ofreza un vaso de auga… para que o Señor siga traballando no corazón das persoas”.

Parroquia San Lourenzo de Albeiros, 60 anos sendo luz dun barrio

O 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a parroquia lucense de Albeiros, que ten esta advocación, celebrou os 60 anos como parroquia independente. O Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco presidiu a Eucaristía, que concelebraron os párrocos da cidade de Lugo. Estivo presente a alcaldesa Lara Méndez e representantes de grupos municipais do Concello.

Na homilía, Mons. Alfonso Carrasco, sinalou, entre outras cuestións, que “tendo fe nunca deberiamos de perder un fondo de paz e de alegría, nunca deberiamos deixar de estar certos do amor de Deus, da súa compañía, de que coida a nosa vida. Todo isto o significa unha Parroquia, que é un lugar onde nós constantemente afirmamos isto de verdade… Profesa a fe en Deus, reza, escoita, recibe, crece en esperanza… o amor de Deus manifesta o seu coidado de nós de moitas maneiras, tamén cunha fraternidade, cunha veciñanza que leve unha alma fraterna dentro, de axuda mutua. E todo iso é unha Parroquia”.

Concerto na Catedral do organista Roman Perucki e Concentus Lucensis

O mércores 10 de agosto ás 21 h na Catedral de Santa María conclúe o ciclo de concertos “Música no Camiño Primitivo”. Actuarán o coro Concentus Lucensis e o organista Roman Perucki. Esta iniciativa está organizada pola Diocese / Centro Eucarístico Lucense e a Alcaldía de Lugo, coa colaboración da Xunta de Galicia.

Programa

Olivaer Tabulatur (ca 1619) Anonim Chorea   Para órgano

Francisco Guerrero (1528-1599) Ave, virgo sanctissima   Para coro a capela

Daniel Magnus Gronau (1685-1747) Partita «In dich habe ich gehoffet»   Para órgano

Tomas Luis de Victoria (1548-1611) Taedet animam meam   Para coro a capela

Johann Sebastian Bach (1685-1750) Fantasía en la menor, BWV 561   Para órgano

Francisco Guerrero (1528-1599) Virgen santa   Para coro a capela

Alexandre Guilmant (1837-1911) Marcha sobre un tema de Haendel  Para órgano

Anónimo (século XV) There is no rose   Para coro a capela

Marco Enrico Bossi (1861-1925) Interludio lírico   Para órgano

Francisco Guerrero (1528-1599) Niño Dios, d’amor herido   Para coro a capela

Tomas Luis de Victoria (1548-1611) Sancta Maria succurre miseris   Para coro a capela

Zbigniew Kruczek (*1952) Preludio e Fuga «March»  Para órgano

Roman Perucki é organista principal da Catedral de Gdańsk Oliwa, director xeral da Orquestra Filharmónica do Báltico, presidente da Sociedade Música Sacra e da Sociedade de Amigos da Catedral de Gdańsk Oliwa. Colaborou na construción de novos instrumentos en Gdańsk e arredores. O mestre Roman Perucki é o director do Festival Internacional de Órgano da Catedral de Oliwa, o máis antigo de Polonia, e da Competición Internacional J.P. Sweelinck, así como doutros ciclos internacionais de órgano (en Gdańsk, Frombork, Jastarnia, Stegna, Rumia, Jastrzębia Góra e Żarnowiec). Imparte clases maxistrais en Polonia, Portugal, México, Croacia, Rusia e Francia. Na actualidade leva realizados máis de 2.500 concertos de órgano: recitais como solista, acompañado por orquestras de cámara e sinfónicas, concertos para solista e dobres concertos. Actuou por toda Europa, Rusia, Xapón, China, México, EUA e Australia. Ten publicados numerosos CD. Gravou para a radio e televisión nacional polaca e, así mesmo, para produtores de fonogramas e medios de comunicación estranxeiros. Recibiu a máis alta distinción do Vaticano Pro Ecclesiae et Pontifice e a Orde de San Silvestre.

Concentus Lucensisé un grupo vocal nado dos fecundos encontros artísticos que teñen lugar durante as edicións do Festival Internacional de Órgano e do Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi de Lugo. Os seus compoñentes son os mestres e solistas principais do coro lucense Solo Voces, do Orfeón Lucense e do Gruppo Vocale S. Bernardo, agrupación que desenvolve a súa actividade principal entre Saronno (Italia) e Lugano (Suíza). O Concentus Lucensis canta principalmente a partes reais, é dicir, cunha soa persoa para cada parte vocal, abordando un extenso repertorio, cunha predilección particular pola polifonía renacentista.

A parroquia lucense de San Lourenzo de Albeiros celebra os seus 60 anos

O 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, a parroquia lucense de Albeiros, que ten esa advocación, celebra os 60 anos como parroquia independente. O devandito día ás 12 h o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco presidirá a Eucaristía, que concelebrarán os párrocos da cidade de Lugo. Estará presente a alcaldesa Lara Méndez.

Unha das parroquias con que contaba a cidade de Lugo hai 60 anos era a de S. Froilán, que tiña como anexo S. Lourenzo de Albeiros pero foi erixida como única e independente hai 6 décadas.

Primeiros tiempos (tomado do artigo de Gonzalo Fraga Vázquez “Cinco parroquias de la ciudad de Lugo celebran este año sus bodas de oro”, Lvcensia, nº 45, páxs. 351-360)

O día 17 de novembro de 1961 fanse públicos os nomeamentos de D. Antonio Luis Soto Camino como párroco e de D. Constantino Vázquez Díaz como coadxutor. E o día 2 de decembro toman posesión dos seus cargos.

En S. Lourenzo de Albeiros contábase cun templo pequeno e pouco centrado que seguiu utilizándose como único templo até a construción da nova igrexa. Xestionadas polo bispo D. Antonio Ona de Echave, a parroquia recibe unha subvención de 1.500.000 pesetas, con vistas á construción dunha nova igrexa. Cómprase un solar duns 5.000 metros cadrados por valor de catrocentas mil pesetas, o 30 de marzo de 1963. O proxecto da obra é encargado a D. Efrén García Fernández, arquitecto xefe de León e máis tarde de Oviedo. Como contratistas contrátase á Empresa de D. Severino Martínez e D. Heriberto Pozo. O aparellador será D. Rafael Serrano, que o era de Facenda naquel momento. As obras comezaron a bo ritmo, pero, ao faltar diñeiro, retárdanse e até se paralizan uns anos ata que en 1984 procédese á bendición do novo templo por parte do Vigairo Xeral, D. José Julio Quindós Pardo.

As obras da igrexa, vivenda para dous sacerdotes e salón parroquial foron custeadas coa subvención xa citada, con donativos particulares, dalgunhas entidades, Caixas de Aforro, empresas e industrias da parroquia e Deputación Provincial.

A imaxe de Cristo Resucitado, obra do artista xixonés Urresti, é un agasallo do Grupo Lixeiro de Cabalaría.

A nova parroquia de S. Lourenzo de Albeiros comezou a súa andaina en 1962 con 2.100 fregueses”. (Gonzalo Fraga Vázquez “Cinco parroquias de la ciudad de Lugo celebran este año sus bodas de oro”, Lvcensia, nº 45)

O cristián, un plaxio de Cristo

O plaxio de Cristo non implica identidade de natureza, senón similitude de comportamento. A identidade da nosa natureza, coa de Xesús sería unha herexía, posto que natureza divina soamente existe unha que comparten por igual Pai, Fillo e Espírito Santo. Xesucristo vive un proceso de obediencia ao Pai. A súa relación co Pai é o nuclear do seu ser de Fillo. O ser de Fillo é o fundamento de toda espiritualidade.

A filiación de Xesús é como un proceso con catro momentos fundamentais: a súa Encarnación (Lc 1,35), o seu Bautismo (Mc 1,11-12), a súa Predicación do Reino (Lc 4,14-18) e a súa Resurrección (Rm 1,4). Neste proceso da súa actuación filial de Xesús está presente o Espírito, en dúas etapas: o descenso da súa vida faise por obra e graza do Espírito Santo; e a súa situación redentora realízase en virtude do divino espírito. O Espírito fainos obedientes ao Pai, como Xesús, e o Espírito fainos fillos co Fillo. Nunha palabra, Cristo é modelo de toda espiritualidade cristiá.

Segundo Von Balthazar, houbo tres tipos de espiritualidades a través dos séculos:

  • Espiritualidade do heros = tendencia do home cara a un concepto optimista de si mesmo.
  • Esforzo do home por alcanzar a perfección suprema do seu ser.
  • A pasividade suprema para deixarse facer polo influxo do Espírito Santo, en orde a ser unha imaxe perfecta dun fillo de Deus.

E segue dicindo que estes tres tipos de espiritualidades condénsanse en conseguir que nós sexamos unha cara visible de Deus, como o é Xesucristo. A imitación desta espiritualidade de Xesús é o que fai que o home chegue a ser como unha nova encarnación do Fillo de Deus.

Cada época acentuou un tipo de espiritualidade, segundo os condicionamentos sociolóxicos e filosóficos do momento. Con todo, Xesús non se deixou influenciar por estes condicionantes históricos do momento, e entregouse incondicionalmente en obediencia ao Pai. Neste sentido, Xesús é o canon da espiritualidade cristiá, que implica a libre disposición do home á vontade de Deus, como fillo, e a plena obediencia ao Creador, como criatura. Esta é a identificación do cristián con Cristo: a súa fidelidade incondicinal ao Pai. Cal é a norma de comunicabilidade da nosa similitude con Cristo? A libre disposición de nós mesmos. Xesús é a plena dispoñibilidade para o Pai e a total dependencia do Pai. Somos homes, en canto somos criaturas e, á vez en canto somos chamados a ser imaxes de Deus, a identificarnos con Xesús. Estamos chamados a ser irmáns de Cristo e fillos de Deus. Non debemos ir sen rumbo pola vida. O punto de partida condiciona o punto de chegada. A natureza do ser condiciona o seu comportamento. As raíces da árbore condicionan o froito das súas ponlas. Pero nos seres racionais, o comportamento só impón a súa racionalidade e condiciónao a súa vontade. No humano a orixe do home é Deus creador, e o seu comportamento, obediencia ao seu señor, e como cristián a súa dignidade é a filiación divina e a súa vocación, a santidade. En consecuencia, o seu labor é discernir, elixir, decidir e vivir. Por ser homes somos libres e, á vez, dependentes, pero en nós dependencia e dispoñibilidade non sempre se identifican, de aí a necesidade do Espírito para que nos indique o camiño e fortaleza no noso bo camiñar.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: