Construamos o noso futuro

Escribimos moitas páxinas da nosa vida: unhas escuras e tristes; outras claras e fermosas. Pero a máis importante é a páxina en branco que temos ante os nosos ollos e nas nosas mans, a de hoxe. Dela podemos facer unha páxina fermosa, preciosa aos ollos de Deus, da Igrexa e da sociedade. Traballemos para que así sexa. Para iso pídesennos unhas disposicións que nos predispoñan para que o futuro sexa un éxito.

A primeira ha de ser un «amén» á vontade de Deus pola nosa banda, para que logo El inscriba o que crea conveniente segundo o seu plan salvifíco: Amén a Deus, aos compañeiros, á misión confiada a cada un. Actitude de dispoñibilidade; de docilidade ao que Deus queira de cada un de nós. Para iso requírese un coñecemento do noso interior, un coñecemento da nosa vontade. Despois un acertado diagnóstico que facilite o tratamento acertado para poñer remedio ao mal que nos afecta.

Este diagnóstico é como un alto no camiño para recuperar forzas e poder camiñar máis de présa. O descanso no camiño non é renuncia ao esforzo, senón recuperar forzas para poder chegar á meta. Os verdadeiros protagonistas da peregrinaxe son Deus e o camiñante. Deus é o que garante o poder chegar ao santuario, e o peregrino facilita esta posibilidade articulando o camiñar co descanso. A vida do cristián é un aprender, non conceptual, senón un aprender útil, unha `metanoia’, un pasar dunha actitude de desexo a unha actitude de `resposta’, que integra todas as miñas forzas: un Deus que me chama, eu que respondo; unha vocación de resposta.

Este obxectivo implica dúas cousas: entrar máis dentro; non quedarme na superficialidade, senón pasar do desexo á realidade. Pasar da vocación do desexo a unha vocación de paixón, de apaixonamento por Deus e pola igrexa. A unha actitude que nos converta en seguidores de Xesucristo. A dinámica cristiá implica contemplación e esforzo. Empecemos contemplándonos a nós mesmos e perdoándonos a nós, como Deus nos perdoa. Partiremos de que non somos nós os que buscamos a Deus, senón que é El quen nos busca a nós.

A nosa fe sitúanos nunha actitude de confianza radical en Deus. Aínda recoñecendo as nosas limitacións, a confianza en Deus ponnos nunha radical seguridade. Deus dásenos como don. Se eu quixese conquistar a Deus, non o conseguirei. El dásenos gratuitamente. El é o Deus dos homes, que se nos revela como próximo. É o Deus liberador, o Deus do éxodo, que sae ao noso encontro. É o Deus que se nos revela como Iavé no Antigo Testamento; e como Xesús, encarnándose no seo de María.

Deus é unha proximidade «benevolente», que nos fai ben; é o Deus de Xesucristo, que deu a vida por nós. Deus non é indiferente ante os homes. É o pai dos cristiáns, que non fere, senón que cura; que ten corazón. Consecuentemente, confianza e responsabilidade, pola nosa banda, e isto abóndanos.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

Xornadas de Poio

Entre os días 11 e 13 de setembro terán lugar as XXVIII Xornadas de Poio baixo o título “O futuro da Parroquia!!! A Parroquia do futuro” e que se desenvolverán con este programa:

Día 11

21 h Cea.

22:00: Convivencia e momento de presentación e compartir.

Día 12

11:00: Oración e presentación das Xornadas.

1º relatorio: Parroquia: Comunidade de Comunidades: Comuñón – Corresponsabilidade pastoral e económica – Misión

por Francisco José Andrade Ledo, da Universidade Pontificia de Salamanca

12:15: Descanso.

12:45: 2º relatorio: Parroquia: Comunidade de Comunidades: Comuñón – Corresponsabilidade pastoral e económica – Misión.

Francisco J. Andrade Ledo,

16:30: 3º relatorio: Novos desafíos da catequese

Miguel López Varela (Delegado de Catequese de Santiago de Compostela).

17:30: Descanso.

18:00: 4º relatorio: Da P.E.J. á J.M.J.

Participan: delegados de Xuventude de Santiago e Ourense xunto con dous segrares.

19:30: Vésperas – Eucaristía.

21:00: Cea.

22:00: Tertulia sobre experiencias pastorais “novedosas” e de traballo con varias parroquias

– Víctor Blanco Naveira

– Antonio Rodríguez Basanta

– Francisco López Gómez

– Adrián Rodríguez Iglesias

Día 13

8:30: Laudes – Eucaristía.

10:30: 5º relatorio: A vivencia do ministerio Sacerdotal en clave sinodal: A Caridade e Fraternidade Sacerdotal.

Por Mons. Jesús Fernández, Bispo de Astorga.

12:30: 6º relatorio: Celebracións Litúrxicas en espera de Presbítero.

Por José Luis Castro Pérez, Delegado Episcopal de Liturxia de Astorga.

16:30: Tarde de convivencia-excursión.

75 anos do monumento ao Padre Feijoo en Samos

Preparativos para instalar o monumento. Imaxe do arquivo do Mosteiro de Samos

Frei Benito Jerónimo Feijoo e Montenegro foi un dos moradores ilustres do mosteiro benedictino de Samos, onde realizou o noviciado de 1676 a 1678. Feijoo expresaría en varios dos seus escritos o seu amor por Samos. E aquí quixeron corresponderlle cun recoñecemento que comezou a xestarse en 1935, sendo abade Mauro Gómez Pereira, que pensou nun monumento e promoveu unha subscrición popular. Para levar a cabo esta homenaxe foi nomeado un comité «pro-monumento», e entre os seus membros estaban Ramón Otero Pedrayo, Xosé Filgueira Valverde. Tras o parón causado pola Guerra Civil, renováronse as accións do comité.

A obra foi tallada por Francisco Asorey, e o proxecto converteuse en realidade o 24 de agosto 1947, coa inauguración da estatua.

En Samos organizáronse grandes festexos populares, e no mosteiro celebrouse unha misa pontifical, presidida polo bispo de Lugo, Rafael Balanzá, con sermón laudatorio do prelado mindoniense Fernando Quiroga Palacios. A continuación o mesmo bispo diocesano procedeu á bendición do monumento, ante o cal o abade de Samos pronunciou un discurso ao que contestou o ministro de Industria, Juan Antonio Suances.

Horta e xardín, do claustro nos plantíos

de legumes, de hortensias e de rosas,

os Padres Reverendos – falas suaves,

ademáns repousados e tranquilos

e pasadas leviáns e silenciosas-

pasean de vagar, lentos e graves,

en conversas unxidas de dozura,

de casos de moral e teoloxía,

dun erro sustantivo na lectura

dun antigo diploma,

das misións nunha terra en lonxanía

e os decretos da Orden e de Roma,

mentres no pedestal, inmóbil, erguido,

sorrí bondadoso e escoita compracido

o noso Padre Feixoo, o Mestre aceso

pola verdade, alleo ao prexuízo,

que aquí xogou novicio

e vestiu a cogulla de profeso;

o gran galego de visión certeira

e pluma sabia, crítica e recoita,

que aquí atopou repouso na canseira

do longo enseño e da esforzada loita.

O evocador xardín do claustro antigo

ten o dulzor do encontro cun amigo

dos breves anos da sinxela infancia.

RAMÓN CABANILLAS ENRÍQUEZ. “Samos”

A Cruz de Lampedusa deixa Monforte e estará no Corpiño

Dous inmigrantes ante a Cruz de Lampedusa, en Monforte

A Cruz de Lampedusa deixa a parroquia monfortina de Santa María da Regoa, onde chegara o 5 de agosto e permaneceu aí durante o novenario na honra a Nosa Señora de Montserrat. A partir do 20 de agosto estará varias semanas no santuario do Corpiño.

A Cruz de Lampedusa, realizada cos restos de barcos ocupados por inmigrantes, percorre as dioceses do mundo para concienciar á poboación sobre o drama da inmigración.

O amor permítenos mirar e ver cos ollos de Deus, coa súa mesma mirada, e formular os nosos xuízos con xustiza e misericordia, para actuar á maneira de Deus, que coida de todos os seus fillos por amor.

Vivir o amor concreto desde a Cruz de Lampedusa: Construír o futuro cos migrantes e os refuxiados. A presenza dos migrantes e os refuxiados representa un enorme reto, pero tamén unha oportunidade de crecemento cultural e espiritual para todos. Grazas a eles temos a oportunidade de coñecer mellor o mundo e a beleza da súa diversidade. Podemos madurar en humanidade e construír xuntos un “nós” máis grande. Na dispoñibilidade recíproca xéranse espazos de confrontación fecunda entre visións e tradicións diferentes, que abren a mente a perspectivas novas. Descubrimos tamén a riqueza que encerran relixións e espiritualidades descoñecidas para nós, e isto estimúlanos a profundar as nosas propias conviccións.

Construamos o futuro, fagámolo xunto cos nosos irmáns e irmás migrantes e refuxiados. Construámolo hoxe!

Da Folla Parroquial de San Francisco Xavier

Celebración da Asunción da Virxe na Catedral

O luns 15 de agosto celebrouse na Catedral a solemnidade da Asunción da Benaventurada Virxe María. Presidiu a Eucaristía Mons. Alfonso Carrasco Rouco, que se referiu na homilía á salvación da humanidade como algo que ten lugar cando “acolle o don de Deus, a súa graza, e aceptan os homes que non son os señores da historia… O mundo triunfará coa Virxe, con Deus, que van desvelando a verdade das cousas”. Tamén sinalou o Sr. Bispo, que é a graza de Deus o que sostén a vida de todos nós, que estamos destinados a ser redimidos. “Na Asunción isto realízase na Virxe María, no seu corpo e na súa alma… É unha gran patroa que nos invita a confiar nela, en Deus”.

 Nesta celebración da patroa da Diocese, a Virxe dos Ollos Grandes, estivo unha representación do Concello.

A %d blogueros les gusta esto: