Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar

O domingo 5 de xuño, solemnidade de Pentecoste, celébrase tamén o Día da Acción Católica e do Apostolado Segrar, co lema “Sigamos construíndo xuntos. O Espírito Santo necesítanos”. Aínda que as persoas necesitan do Espírito Santo e de todos os seus dons, o Espírito Santo tamén necesita as persoas. Cada bautizado, polo traballo da súa fe, a pertenza á Igrexa e a asunción de responsabilidades misioneiras, colaborará na construción da Igrexa. A construción da Igrexa nace do anuncio cooperativo do Evanxeo por parte do Señor e os seus discípulos. É unha acción colaborativa, comunitaria e forxadora de fraternidade. A construción require da comunicación, do mutuo entendemento e do diálogo en acción, que fornece efectos de cimentación -comuñón-, habitabilidade -participación- e crecemento -misión-.

[Materiais]

Encontro diocesano no Cebreiro

O vindeiro venres 10 de xuño no Santuario do Cebreiro haberá un encontro diocesano de clausura do curso pastoral 2021-2022. Celebrarase a Eucaristía e poñerase baixo a poderosa intercesión de Santa María tódalas actividades pastorais da Diocese de Lugo. O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

11:00 h: Acollida – Oración.

11:15 h: Reflexión: «Novas propostas educativas da Diocese de Lugo».

12:15 h: Descanso.

12:45 h: Celebración da Santa Misa (Sacerdotes levar alba e estola).

13:30 h: Súplicas a Santa María.

14:00 h: Xantar

Organízase o xantar para os que o desexen e dende Lugo ponse un autobús, que sairá da Praza Bretaña ás 9:15h da maña. O prezo aproximado da comida é de 15€ e o do autobús de 15€ igualmente. É necesario anotarse para a comida e para o desprazamento en autobús antes do 7 de xuño chamando ao teléfono 982 214 265.

Todos en camiño

Estamos en camiño, miremos ao futuro. Tivemos principio. Non teremos termo. Somos rosas de eternidade. O noso mañá está en construción. Un dobre arquitecto dirixe a obra. A Deus débese o proxecto: a El e a cada un débese a execución. Do proxecto encárgase o Señor. Para a realización conta coa nosa colaboración, e nós coa súa graza e a nosa vontade. Todo un milagre da providencia. Os santos caen cara arriba. Aquí fallan as leis da física, pero imponse a forza da graza e a vontade persoal de cada persoa. Aquí parece coma se Deus renunciase a parte da súa autonomía e cedese ao home boa parte da súa responsabilidade e das súas posibilidades, pero non parte das súas responsabilidades. Porque Deus así o quixo. A última palabra queda reservada ao home. Entramos no campo do misterio, pero sen saírnos do ámbito da providencia. Como se conxuga a providencia e a paternidade do Señor?. Mantémonos no misterio que nos retén na escuridade, pero sen marxinarnos no espazo da verdade.

O mundo é escenario de santificación, pero non é camiño de ceo; a nada que nos descoidamos, imos á perdición. Á vista da experiencia hai que formular o noso devir salvífico, nos seguintes termos: “camiñante, non hai camiño; faise camiño ao andar”. Xesús díxonos: “Eu son o camiño, a verdade e a vida”. Quen abandona esa senda, corre o risco de equivocarse de meta. O mundo é un labirinto de encrucilladas que dificulta tomar decisións; por iso as rutas das peregrinacións están sinalizadas con abundantes indicacións que facilitan ao camiñante a ruta a seguir no seu fatigoso camiñar. As abundantes cunchas do peregrino prestan este servizo ao devoto camiñante, como tamén llo prestan os abundantes cruceiros graníticos dos nosos relixiosos sendeiros e as estatuas de singulares peregrinos, cuxas pegadas permanecen esculpidas en pedras, polas plantas encalecidas dos nosos avós que regaron as corredoiras dos nosos vales coa suor da súa fe, feita devoción e sacrificio.

A suor do camiñar evapórase co fresco da tarde, pero a transformación do peregrino é patente ao regreso do seu relixioso camiñar: atopouse co Señor, e este encontro converteuno nun home novo. Agora no fogar hai estrea de aptitudes: hai un esposo distinto; un veciño novo no pobo; un ambiente distinto no fogar. Onde está Deus, todo é novo e mellor; e isto sucedeulle ao peregrino que se atopou co Señor, ao final da súa peregrinación. Esta era a meta e esta foi a felicidade.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: