Obradoiro de iniciación á lectura de documentos antigos

Óscar González Murado, director do Arquivo Diocesano

O Concello do Corgo, en colaboración co Arquivo Diocesano de Lugo e a través do Proxecto CORGORAL, organiza o primeiro Curso de iniciación á lectura de documentos antigos. É o xoves 9 de xuño, de 17:00 a 20:00 horas na Biblioteca do Punto de Atención á Lectura do Corgo. O curso impárteo o director do Arquivo Diocesano Óscar González Murado.

Co gallo da celebración internacional do Día Mundial dos Arquivos (9 de xuño) proponse unha achega práctica á lectura e comprensión dos documentos escritos como legado doutras épocas.

O obxectivo é desempoar eses vellos papeis dunha maneira sinxela: dando as claves para poder lelos e comprendelos. Sepárannos deles o contido (ás veces foros ou arrendamentos, ás veces partixas) e, moitas veces, o tipo de letra. Isto fai que nalgúns casos máis desafortunados, acaben no lixo por non se entenderen. Trátase de introducir aos interesados nese mundo da escrita e aprender a valorar o que se agocha nas artesas e nos caixóns das nosas casas.

Impartirase unha primeira achega teórica á paleografía e diplomática antiga, aprendendo a interpretar a linguaxe administrativa, a recoñecer os diferentes tipos de letra e as abreviaturas máis frecuentes. Posteriormente e a través de varios exemplos prácticos, explicarase o mellor xeito de descifrar as vellas escrituras. Os asistentes poden levar textos que lles resulten de difícil lectura ou interpretación, para descifralos entre todos.

Ciclo de concertos “Ó son de Santa María”

O xoves 9 de xuño ás 20 h na igrexa de Santa María en Vilabade (Castroverde) terá lugar un concerto cos seguintes intérpretes e o programa:

Felix Vogelsang, violonchelo         Concentus Lucensis

Ismaele Gatti, órgano positivo       Stefano Molardi, dirección

Johann Ludwig Bach (1677-1731)

Das ist meine Freude, JLB 28

Para 8 voces e baixo continuo

Jan Pieterszoon Sweelinck (1562-1621)

Salmo 150 «Or soit loué l’Eternel»

Para 8 voces e baixo continuo

Francisco Guerrero (1528-1599) Ave, virgo sanctissima A 5 voces

Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Suite n.º 2 en re menor para violonchelo só, BWV 1008

Preludio, Alemanda, Corrente, Zarabanda, Minueto I e II, Xiga

Francisco Guerrero (1528-1599) Virgen santa A 5 voces

Johann Sebastian Bach (1685-1750) SingetHerrn ein neues Lied BWV

Para 8 voces e baixo continuo

Felix Vogelsang, Nado en 1975 en Paderborn (Alemaña). A súa carreira levouno por toda Europa, Chile, Sudáfrica e Estados Unidos. Tocou como solista coa Deutsches Kammerorchester na Philharmonie de Berlín. É convidado regularmente a festivais coma o Festival Braunschweig Classix, o Vinschgauer Musikwochen, o Festival de Chaillol ou o Ceresio Estate, entre outros.

Stefano Molardi. Nado en Cremona en 1970. Participou en importantes festivais de música en Venecia, Ámsterdam, Conzertgebow, Utrecht, Rotterdam, Barbican Centre de Londres, Los Angeles, Boston, Nova York, São Paulo. Molardi ensina órgano, clavicémbalo e música de cámara na Escola Universitaria de Música de Lugano (Suíza). Imparte clases maxistrais e conferencias sobre música barroca en varios países europeos e Xapón.

Concentus Lucensis Os seus compoñentes son os mestres e solistas principais do coro lucense Solo Voces, do Orfeón Lucense e do Gruppo Vocale S. Bernardo, agrupación que desenvolve a súa actividade principal entre Saronno (Italia) e Lugano (Suíza). O Concentus Lucensis canta principalmente a partes reais, é dicir, cunha soa persoa para cada parte vocal, abordando un extenso repertorio, cunha predilección particular pola polifonía renacentista.

Este concerto forma parte do ciclo Ó son de Santa María, que nesta segunda edición de 2022 continúa no mes de xullo con dous concertos máis, un no mesmo lugar (16 de xullo) e outro na igrexa de Santiago, en Castroverde (8 de xullo).

[Programa completo]

Un minuto pola paz

O mércores 8 de xuño, ás 13:00 horas, lévase a cabo a oitava edición da Xornada de Oración «Un minuto pola paz», que busca unir todas as vontades e compromisos de persoas de boa vontade pola paz, desgraciadamente rota ou ameazada en varias rexións do planeta.

Un minuto pola paz” é unha iniciativa conxunta do Foro Internacional Acción Católica (FIAC), a Unión Mundial de Organizacións Femininas Católicas (UMOFC), Acción Católica, Xustiza e Paz.

Esta xornada celébrase para lembrar o oitavo aniversario do xesto histórico no Vaticano cando o Papa Francisco reuniu para unha inédita pregaria pola paz no medio Oriente ao presidente israelí Shimon Peres e ao líder palestino Mahmud Abas.

Por mor dese encontro desenvolveuse “Un minuto pola paz”. A proposta é que o 8 de xuño ás 13h cada persoa deteña a súa marcha por un intre, por un minuto, e rece, cadaquén segundo a súa propia tradición.

Restauremos o mundo

Onde abunda o mal, ninguén está cómodo. É o que sucede no mundo actual. Hai tanta maldade nesta terra, que nos resulta incómodo vivir nela.

Ante esta situación caben dúas opcións: destruíla ou restaurala. Se non nos interesa este mundo porque cheira mal, destruámolo. Pero se nos interesa, e non nos gusta, restaurémolo e gustaranos.

O proxecto xa o temos: sérvenos o mesmo que utilizou o Eterno Pai para crear o primeiro mundo e que lle saíu bo e fermoso. Para iso utilizara bos materiais, boa terra, boa luz, boas augas, bos montes, bos vales… Incluso o home saíralle bo, moi bo, con capacidade de dicir a última palabra. Deus arriscouse facendo libre ao home, e este falloulle, e facendo mal uso da súa vontade, deteriorou o mundo que o Señor lle regalou. Isto desgustou ao Creador, pero non desistiu do seu primeiro proxecto, e decretou a restauración do mundo. Pero agora non se fía do home, e confía a restauración ao seu propio Fillo Xesucristo, e este acometeu a “recreación do mundo”, aproveitando moitos dos materiais do primeiro mundo: o mesmo sol, as mesmas augas, a mesma terra, as mesmas estrelas… Pero a peza máis importante do primeiro mundo, o corazón do home, corrompeuse, está inservible. Hai que pensar nun “recambio de pezas”. O esqueleto de Adán é aproveitable, pero o seu corazón está inservible: hai que pensar nun transplante de corazón. A operación é de alto risco e só a pericia dun experto cirurxián ofrece garantías. Tal cirurxián non existe na terra, ten que vir do ceo. E de alá mándanolo o Señor, encargándolle que traia consigo o corazón a trasplantar, xa que ningún dos da terra é aproveitable.

Xesucristo acepta o labor; baixa do Ceo e ponse ao choio. Toma o seu corazón santísimo e, utilizando a anestesia do seu divino amor, colócao no tórax do home pecador. A intervención foi todo un éxito: xa temos un home novo, un corazón novo, un mundo fermoso, unha humanidade redimida. Conectemos os nosos corazóns co corazón de Cristo, que ten capacidade para bombear sangue de bondade a todos os seus membros, que somos nós.

E alegrémonos, xa que as cousas melloraron notablemente. O primeiro mundo tiña un bo corazón, obra de Deus; pero era un corazón humano vulnerable. O corazón do novo mundo é divino. Gocémonos e colaboremos con el para que todo sexa fermoso aos ollos de Deus e dos homes de boa vontade. Adán escoitou ao diaño e este enganouno. Escoitemos nós a Xesús, e estaremos seguros de que o noso comportamento nos manterá fieis ao Señor.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Concerto inaugural do Festival organístico do Corpus Christi

O primeiro dos cinco concertos do Festival Internacional de Música de Órgano do Corpus Christi será na Catedral o martes 7 de xuño ás 21.00 h. Os organistas Enrico Zanovello e Giulio Mercati interpretarán o seguinte programa:

Luigi Cherubini (1760-1842) Sonata para dous órganos (1780)

Joseph Schuster (1748-1812) 7 Variacións para dous órganos

Marian Müller (1724-1780) Sonata para a Pentecoste Sonata para o Santo Nadal

Richard Wagner (1813-1883) Preludio de Os mestres cantores de Núremberg

Transcrición de August Reinhard (1831-1912) – Uxío Domínguez (1999)

Nicolas Sabas Gallardo (1805-1849) Concerto de 8º ton para vésperas clásicas

Giuseppe Verdi (1813-1901) Final a dous órganos da ópera Aida

Transcrición de Francesco Canneti (1807-1884)

Enrico Zanovello. Nado en Vicenza en 1963, dá frecuentes concertos de órgano en importantes festivais de órgano e nas principais catedrais de Italia, Francia, Alemaña, Suíza, Finlandia, Dinamarca, Polonia, Suecia, Países Baixos, España, Bélxica, República Checa, Austria, Escocia, Rusia, Exipto, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos. Gravou numerosos CD para as discográficas Brilliant, Ricordi, Discantica, Tactus, Rivo Alto e Fugatto.

Giulio Mercati. Nado en Saronno (Italia) é organista residente na igrexa de Santa María degli Angioli en Lugano e no Santuario della Beata Vergine dei Miracoli en Saronno. En 2019 gravou o disco Interrogatorio a Maria and other sacred works. Na Facultade de Teoloxía de Lugano imparte Historia da música sacra. Dirixe o Grupo Vocal San Bernardo. É cofundador e director do Curso de Música Litúrxica, organizado pola Diocese de Lugo. Prepara a súa tese doutoramento en Teoloxía. Dende agosto de 2021 está a cargo dos eventos musicais organizados pola Diocese de Lugo.

A %d blogueros les gusta esto: