A Galicia actual atópase hoxe na Catedral lucense ante o Señor Sacramentado. Autoridades e pobo cristián danse a man para continuar e celebrar a festa máis identificativa do ser desta terra.
A Ofrenda ao Santísimo Sacramento é o presente do onte da tradición. 350 anos abonan a renovación do compromiso legado polos nosos antergos e lémbrannos a obrigación actual de propagar e fomentar este acto e a consecuente identidade galega ligada á Eucaristía.
En Eucaristía solemne, bispos galegos, autoridades das 7 provincias de Galicia até 1837, asociacións eucarísticas e o pobo cristián de Lugo, próstranse ante o noso Altar Maior para renovar o voto que fixo, en 1669, a Galicia daquela. Igual que o sol é a fonte natural de toda enerxía, o Santísimo Sacramento é a fonte sobrenatural de toda graza e bendición para a Galicia de hoxe.
O domingo da Oitava do Corpus Lucense, é o Corpus de toda Galicia. E aos crentes de Lugo, representando aos galegos, tócanos corresponder e agradecer a predilección de ser a comunidade que ten como honra e escudo a Hostia e o Cáliz. Responder á historia e á fe é contribuír a que siga viva a mellor cultura en Lugo e Galicia. Por iso, todos, estamos obrigados a que esta efeméride sexa unha gran celebración da cidade e conte coa colaboración e apoio de todas as institucións locais e así facer realidade, como declarou un político lucense sobre outra festa recente na nosa cidade, o seu “firme compromiso da difusión e posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial”. Tamén, pois, para este patrimonio fecundo, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento, reivindicamos apoio e colaboración.
Porque esta festa centenaria da vida galega pode converterse, por desgraza, en algo minoritario e sen apenas relevancia. En algo oficial, frío espiritualmente, afastado do vivir cidadán, estéril para a fe. “Se desaparecese esta xornada e a súa procesión, ninguén a estrañaría” doíase un comentarista días atrás. Sen compartir este pesimismo, creo que a advertencia é real. E a reflexión suscitada moi inquietante. A sociedade actual vive tan afastada dos feitos verdadeiramente substanciais e relixiosos, mesmo dos máis significativos para a propia sociedade, que o seu único marco de referencia e celebración son os acontecementos políticos e deportivos actuais e as festas promotoras de distracción e beneficios económicos.
A festividade da Ofrenda e a defensa da súa actualidade quizais sexa nadar contra corrente. Pero igual que o salmón na súa carreira río arriba para dar novas vidas, os crentes, especialmente os lucenses, primeiros depositarios desta tradición, teremos que superar a apatía de moitos para dar vida, calor e solemnidade a este día.
Orgullosos celebremos a festa eucarística galega. Mostremos o que de verdade amamos. Correspondendo a quen se dedica en exclusiva, desde a presenza eucarística, a amar e bendicir a Lugo e a toda Galicia.
Daniel García
Párroco de San Lourenzo de Albeiros
[Artículo en castellano]
Gústame esto:
Gústame Cargando...