Presentación do número 64 da revista Lvcensia

O 25 de maio na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo preséntase o número 64 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

O colaborador convidado ao devandito acto será o antropólogo Lois Ladra que dará a coñecer unha recompilación de adiviñas tradicionais recollidas no concello do Corgo. Trátase dun rico patrimonio cultural inmaterial que se poderá utilizar como ferramenta de referencia para transmitilo, e evitar así que desapareza.

Entre os artigos publicados neste número abórdase, unha vez máis, a pervivencia da vía romana XIX na historia, pois xogou un papel importante na comunicación de Cervantes co Bierzo e o interior de Lugo. Feito que condicionou a implantación de grandes centros eclesiásticos como foron os mosteiros de Samos e Penamaior e os bispos de Lugo e León, e a conversión do mosteiro berciano de Carracedo no principal propietario da zona.

Outro artigo describe e analiza a facenda señorial da Casa de Lemos a finais da Idade Moderna apoiándose en documentos inéditos conservados no Arquivo Histórico Nacional que permiten estudar tanto a tipoloxía fiscal, como a capacidade produtiva dun dos espazos administrativos dos que o conde extraía as súas rendas en Galicia.

Preséntase ademais unha cronoloxía dos bispos lucenses do século VIII que aborda a historia de Lugo na primeira metade dese século e a figura de Odoario “o africano”. Fraga Vázquez fala neste número da historia da procesión do Corpus en Lugo con datos desde finais do s. XVI até o primeiro cuarto do s. XX. Molejón Rañón escribe a historia da Banda de Música Municipal de Lugo. O profesor Blanco Prado escribe sobre os etnorituais e ofrendas no Santuario Mariano dos Remedios no Alto do César en Sarria.

Con motivo da restauración da vidreira do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro explica a intervención levada a cabo estudando a técnica e soporte empregados, así como os elementos máis representativos, tal é o caso do escudo da Deputación e o cáliz coa Sacra Forma, lembrando o antigo privilexio da catedral lucense consistente na exposición permanente e pública do Santísimo Sacramento.

García Porral e Ramón Balado recuperan o vocabulario zoolóxico recollido por Francisco Javier Rodríguez no primeiro Dicionario Galego-Castelán.

Relixión en revisión

Debemos revisar os nosos conceptos e os nosos comportamentos relixiosos. Relixión significa relación con Deus. Esta é de dependencia, posto que Deus é o Creador, e nós somos criaturas. El é benfeitor e nós beneficiarios. El é pai e nós somos fillos. El é fiel, e nós estamos salpicados de infidelidades. El busca o noso ben, e nós vivimos da súa xenerosidade.

As nosas relacións co Señor miran ao pasado, pois del recibimos a existencia. Démoslle grazas. Miran ao presente, xa que en Deus movémonos e existimos. Adoremos a súa providencia, e miremos ao futuro, cara ao cal camiñamos con esperanza. O primeiro valor é o amor. As obrigacións acusan carencia de amor. Só o amor abonda. Onde hai amor sobran as leis. A imposición de leis é un mal necesario para suplir a carencia de amor.

A un bo pai de familia non é necesario imporlle a obrigación de dar pan aos seus fillos: o seu corazón de pai converte as súas obrigacións paternas en necesidades ineludibles. Dicirlle a unha nai que debe preocuparse do ben dos seus fillos, sería ferir os seus máis íntimos sentimentos. Cada fillo que trouxo ao mundo, é un anaco do seu corazón materno. Porque ten fillos, traballa, sacrifícase, entrégase… Eles son o seu corazón que pon en movemento todo o seu dinamismo maternal. Isto está claro nos milagres dos que nos fala o Evanxeo. Cada milagre realizado por Xesús ao longo da súa vida, é proba da súa divindade e expresión do seu amor entrañable. Se non existise amor, non existiría Deus. Deus e o amor identifícanse. Isto está claro no milagre da sanación do leproso do que nos fala o Evanxeo. Xesús se compadece do pobre leproso e cúralle do dobre mal que lle afectaba. Curoulle o padecemento da lepra e curoulle tamén do illamento ao que sometian as leis de entón, en evitación de que a enfermidade se contaxiase aos demais veciños do pobo. Dobre padecemento atormentaba ao pobre enfermo de referencia: o tormento da lepra que ía carcomendo a pel do seu rostro e, sobre todo, a dor moral de verse expulsado da comunidade veciñal, en evitación de que a súa enfermidade persoal puidese converterse nun mal endémico.

Está claro. Xesús ten corazón: compadécese dos nosos males e congratúlase dos nosos bens. A providencia proclama gratitude respecto ao pasado; serenidade no presente, e esperanza para o futuro.

Cremos na divina providencia. Deus preséntanos unha partitura, cuxos pentagramas son as etapas do noso devir. Nelas imos gravando as tonalidades dos nosos comportamentos, de xeito que a composición harmónica da nosa partitura vivencial, sexa de tal calidade moral, que a Santísima Trindade poida compracerse comprobando o seu acerto espiritual cando o tempo deixe de ser tempo, e nós podamos sentirnos satisfeitos por ser fieis ao Señor, todos os días da nosa vida.

Este é linguaxe de eternidade. Escoitémolo.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Xornada de portas abertas do Colexio Diocesano San Lorenzo

O 20 de maio ás 17:00 o Colexio Diocesano San Lorenzo dá a coñecer os Ciclos formativos de Formación Profesional que imparte:

🔹Grao Medio Emerxencias sanitarias

🔹Grao Medio Guía do medio natural e tempo de lecer

🔹Grao Superior Hixiene bucodental

🔹Grao Superior Acondicionamento físico

Máis información na web: https://colegiodiocesanosanlorenzo.org/

Asembleas da Adoración Nocturna Feminina

O domingo 15 de maio celebrou a Asemblea Diocesana a Adoración Nocturna Feminina. Na nosa diocese conta con nove quendas na Sección de Lugo e unha Sección en Lalín. Neste acto impúxoselles o distintivo de adoradoras a seis novos membros. Analizouse a situación actual da Asociación e deuse conta dos acordos da Asemblea Nacional celebrada en Burgos a finais do mes pasado.

Á Asemblea Nacional asistiu por parte lucense a presidenta diocesana María José Felpeto e o consiliario diocesano Carlos Gonzalo Fraga. Nesta Asemblea Nacional elixiuse a unha nova presidenta na persoa de Araceli Prades, da diocese de Segorbe-Castelló, que releva a Susana Fernández, da diocese de Oviedo, que levaba vinte anos no cargo.

Vivir o amor concreto desde a Cruz de Lampedusa

Neste mundo que perdeu a capacidade de amar que nos humaniza, non hai outro camiño de humanización que podamos vivir e ofrecer que non sexa recuperar esa capacidade de amar, facéndoa tamén amizade social. É o amor o que nos permite recoñecer a dignidade de cada persoa, e o que nos fai creativos para ofrecer respostas ás inxustizas que a negan.

O amor permítenos mirar e ver cos ollos de Deus, coa súa mesma mirada, e formular os nosos xuízos con xustiza e misericordia, para actuar á maneira de Deus, que coida de todos os seus fillos por amor.

Vivir o amor concreto desde a Cruz de Lampedusa: Construír o futuro cos migrantes e os refuxiados. A presenza dos migrantes e os refuxiados representa un enorme reto, pero tamén unha oportunidade de crecemento cultural e espiritual para todos. Grazas a eles temos a oportunidade de coñecer mellor o mundo e a beleza da súa diversidade. Podemos madurar en humanidade e construír xuntos un “nós” máis grande. Na dispoñibilidade recíproca xéranse espazos de confrontación fecunda entre visións e tradicións diferentes, que abren a mente a perspectivas novas. Descubrimos tamén a riqueza que encerran relixións e espiritualidades descoñecidas para nós, e isto estimúlanos a profundar as nosas propias conviccións.

Construamos o futuro, fagámolo xunto cos nosos irmáns e irmás migrantes e refuxiados. Construámolo hoxe!

Da Folla Parroquial de San Francisco Xavier

A %d blogueros les gusta esto: